Víctor Freixanes: “É un erro reducir Carvalho á polémica ortográfica, iso oculta a montaña”

Entrevista a Víctor Freixanes en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que destacaría dunha personalidade tan multifacética como a de Ricardo Carvalho Calero?
– Víctor Freixanes (VF): Todo. É unha eiva reducir Carvalho Calero á polémica ortográfica dos últimos anos da súa vida. Esa é unha cuestión importante, pero que oculta unha vida riquísima, desde a súa incorporación como estudante moi novo ao Seminario de Estudos Galegos nos anos 20, até o final dos seus días. A súa vida é unha crónica do galeguismo, como o ano pasado con Antonio Fraguas, que presentaba iso doutra maneira.
Carvalho Calero é a ilusión e o entusiasmo desa mocidade da República, cando participa con Lois Tobío naquel borrador de Estatuto de Autonomía federal. É a represión, a traxedia da Guerra Civil, a cadea, aquilo que chamamos o exilio interior, que caracteriza esa época e aquel grupo de resistentes que foi a editorial Galaxia, onde Carvalho se integra moi especialmente. Antonio Fernández, quen lle dá traballo en 1950 até 1965 no colexio Fingoi de Lugo, é un dos fundadores da editorial. A súa relación con Ramón Piñeiro, con Francisco Fernández del Riego, con Xaime Isla Couto… Son os que lle encargan ademais a Historia da Literatura Galega Contemporánea e a Gramática Elemental do Galego Común, pensando que podía empezar a traballarse o galego en certos niveis de ensino.
Carvalho é un disciplinado militante da causa, así como un creador literario, que sempre se sentiu fundamentalmente poeta. Pero como home disciplinado que era ao servizo dunha causa, a da lingua, a cultura e a identidade nacional da Galiza, aceptou o papel de construtor de todos eses edificios dos que falabamos antes, moi fundamentalmente da súa Historia da Literatura, que é un monumento.
– ND: Carvalho definíase como poeta, incluíndo niso a dimensión dramática e épica. Ten un libro predilecto nesta faceta?
– VF: O meu libro preferido de Carvalho, con toda sinceridade, é a Historia da Literatura. Pero por que? Pois porque eu fun alumno del. Cando chegamos á universidade a finais dos 60, moi militantes e implicados co galeguismo, antifranquistas e todas esas cousas, tamén moi novos e desinformados, Carvalho Calero nas súas aulas ordenaba o coñecemento. Un profesor ten que prender a chispa da curiosidade nos alumnos e, despois, xerarquizar a información e abordar todo iso desde un distanciamento obxectivo. El cumpría isto, cunha metodoloxía documentada que facía extraordinariamente útil todo o que nos daba.
Era un home moi cordial e respectuoso connosco, quizais distante nun primeiro achegamento, pero eu débolle a orde en todo aquel caos (ou descoñecemento), cheos de tópicos como estabamos. Ese recordo do profesor explicando Rosalía, Cabanillas, as Irmandades… Todo iso deixounos o coñecemento e a realidade do país. Viaxar pola lingua, pola historia da literatura e da cultura, é viaxar pola propia sociedade, polos seus momentos de esplendor e decadencia, de soños e fracasos. Esa crónica, sen necesidade de grandes retóricas, era o que recibiamos nas clases. Ese libro resume moi ben a miña memoria del, o que non quita que volvese recentemente á súa poesía, dun galego culto e literario. Fronte a escritores como Neira Vilas ou Lamas Carvajal, que alimentan a lingua de aldea, el, que era un urbanita, constrúe o seu galego desde a tradición literaria. Iso nótase moito na obra.
– ND: O reintegracionismo que, segundo comentaba, ocultou outras dimensións do autor, atrasou, como teñen denunciado varios colectivos, as Letras de Carvalho?
– VF: Non sei se foi ese tema, seguramente tamén. Ao final el tivo unha serie de desencontros cos compañeiros de xeración e iso influíu moito na consideración da súa figura. Tamén foi chegando á Academia unha nova fornada, algúns alumnos del, outros máis novos, que miran con máis tranquilidade e distanciamento estas cuestións. Porén, o que a Academia celebra non é unha polémica, respectando as posicións de cadaquén, senón unha figura rica, chea de contribucións á nosa literatura e sen a que non se poden entender moitos aspectos das Letras Galegas contemporáneas no plano da investigación e da crítica, mesmo no da creación. Creo que é un erro centrar o debate na cuestión ortográfica, porque oculta a montaña. (…)”

Premio FIL de Literatura en linguas romances 2020

O Premio FIL de Literatura en linguas romances é promovido polas institucións que conforman a Asociación Civil do Premio: Secretaría de Cultura, Universidad de Guadalajara, Gobierno del Estado de Jalisco, Gobierno de Guadalajara, Gobierno de Zapopan, Bancomext, Arca Continental e Fundación Universidad de Guadalajara, co apoio de Montegrappa. Nas súas bases, indícase que poderán ser candidatos/as ao Premio autoras/es de obras literarias pertencentes a calquera xénero, sen distinción de nacionalidade ou sexo, que usen como medio de expresión algunha das seguintes linguas romances: castelán, catalán, galego, francés, italiano, romanés ou portugués. Pode consultarse toda a información nesta ligazón, ou descargar as bases aquí: Premio_FIL_2020.

Videopoema Regresaron as palabras, de Miguel Anxo Alonso Diz

Desde a AELG recollemos este videopoema realizado por Miguel Anxo Alonso Diz, realizado durante o tempo de confinamento por mor do Covid-19, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Tamara Andrés le un texto de Ricardo Carvalho Calero

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Tamara Andrés, no marco da homenaxe ao autor ferrolán proposta desde a área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra en colaboración coa AELG, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Polafías Polavida (en portugués), “A cega de Covelo”

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
En varias polafías da AELG falouse ou cantouse en portugués.
Velaí a Lucía da Conceição Fernández, “A cega de Covelo” en Vilamartín de Valdeorras o 15 de novembro de 2008, cantando o romance “Guiou Deus os nossos passos”.
Aquí podes ver os vídeos desta Polafía.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede, #Aculturasegue e/ou #aculturasegue.

Xosé Daniel Costas Currás le un texto de Ricardo Carvalho Calero

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Xosé Daniel Costas Currás, no marco da homenaxe ao autor ferrolán proposta desde a área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra en colaboración coa AELG, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Lucía Novas le un texto de Ricardo Carvalho Calero

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Lucía Novas, no marco da homenaxe ao autor ferrolán proposta desde a área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra en colaboración coa AELG, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Danse a coñecer os textos gañadores do Certame Manuel Murguía

Desde o Concello de Arteixo:
“O xurado composto por Alba Cid Fernández (representante da Asociación Galega da Crítica), Daniel Barral Calvo (gañador da 28ª edición), María Canosa Blanco (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (director literario do Certame, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o 18 de abril de 2020, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:
1º PREMIO dotado con 4.000 €: Silencios náufragos, presentado baixo o lema “Raqueiro”, de Patricia Torrado Queiruga.
2º PREMIO dotado con 1.500 €: O último día do Outono, presentado baixo o lema “Refugallo”, de Esteban Brea Castro.
3º PREMIO dotado con 600 €: A herdeira, presentado baixo o lema “Fluorescencia”, de Alejandro Mene Pazos.
Os gañadores deberán ser ratificados pola Xunta de Goberno Local, toda vez que se comprobe que cumpren con todos os requisitos.
Valoración do xurado:
«O Xurado xustifica a súa decisión na procura de textos equilibrados, tanto na concepción dos personaxes coma na linguaxe empregada ou na dosificación da historia. Tamén valorou que os distintos escenarios temporais fosen coherentes e cribles. En xeral, o Xurado salienta a diversidade das obras gañadoras, que construíron propostas sólidas desde diferentes temáticas, xéneros e estilos.
Para finalizar, o Xurado tamén acha preciso recordar a importancia da corrección lingüística nas obras presentadas a calquera tipo de certame literario. Neste sentido, o Xurado tería desexado que moitas das obras contasen cunha corrección lingüística maior e por este motivo chama a atención das persoas participantes para dedicaren, no futuro, a máxima atención no uso da lingua.»
A Organización agradece un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego.”