Desde Cultura Galega:
“A obra Perder o norte, de Raquel Castro Martínez (Salvaterra do Miño, 1971) resultou a gañadora da quinta edición do Premio Anisia Miranda de teatro para a infancia que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas en colaboración coa Dirección Xeral de Cultura da Xunta. O xurado destacou da obra gañadora a súa proposta visual, así como o áxil ritmo dos diálogos no texto. Destacan tamén a actualidade do tema polo tratamento dos valores relacionados co medio ambiente e coa paz e tamén consideran moi positiva a presentación dos personaxes e a relación entre os nomes dos corpos celestes coa mitoloxía e as lendas. O galardón está dotado con 1.000 euros e a publicación da obra na Editorial Embora. A entrega terá lugar na sede da Fundación en Gres o día 24 de maio ás 18.00 horas, nunha xornada na que tamén se presentará o libro premiado na edición do 2024. Raquel Castro é profesora de lingua galega e literatura no ensino secundario, así como presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999.”
Narón: presentación de Non son modos, de J. L. Graña Muíño
Henrique Dacosta, escritor: “A través do libro cuestiono a idea de progreso que pode levar a un borrado da nosa memoria”
Entrevista de Raúl Salgueiro a Henrique Dacosta en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Mortes con argumento é a súa primeira incursión dentro do thriller policial. Cales foron os retos á hora de enfrontarse a este xénero?
– Henrique Dacosta (HD): En realidade xa fixera algunha aproximación ao thriller, pero é a primeira vez que me propoño facer narrativa policial como tal. Aínda así, non considero que sexa unha novela policial ao uso. Hai unha investigación que segue certos esquemas do xénero, pero tamén aparecen outros investigadores espontáneos alleos á policía, que non se coñecen entre si. Entre eles están un escritor frustrado e un rapaz interesado nos megálitos e na etnografía. Todos acaban desenvolvendo unha investigación paralela, o que dá lugar a varias tramas. Máis que cinguirme ao policial, busco un enfoque ecléctico, incorporando tamén elementos relacionados coa transformación da contorna.
– ND: Considera que esa saída da zona de confort é unha parte esencial do oficio?
– HD: Si, porque ademais a miña escrita nunca se decantou por un xénero específico. Tendo a facer unha especie de mestura de xéneros. Noutras obras xa traballei con estruturas múltiples, combinando personaxes históricos e actuais.
– ND: A historia está ambientada en Ferrolterra, espazos concretos como Pena Molexa ou Narón, que lle son familiares. Escribir sobre espazos próximos dá máis liberdade ou responsabilidade?
– HD: Ambas. Por unha parte, coñecer o territorio dá liberdade para construír a historia con máis detalle. Por outra, pode xerar incomodidades, porque a xente tende a identificar personaxes ou situacións coa realidade. Teño atopado en charlas ou presentacións xente que me vén dicir que tal personaxe era un parente seu, e cousas polo estilo. Moitas veces a xente pensa que son cousas que sucederon na realidade e resulta que non foi así, que son pura ficción. Ao final acabamos atopando cousas reais onde non as hai, e á inversa. A xente procura analoxías. (…)”
Vigo: presentación de A casa do amo, de María Reimóndez
Compostela: presentación de Diarios (1938 e 1945), de Syra Alonso
Roteiro Camiñando con Otero Pedraio pola Coruña, guiado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián
O Roteiro Camiñando con Otero Pedraio pola Coruña, guiado por Carme Fernández Pérez-Sanjulián, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.
O presente roteiro xirará arredor da presenza de Ramón Otero Pedraio na Coruña.
Terá lugar o domingo 24 de maio, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será na Praza de María Pita, diante da porta do Concello. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.
Crónica fotográfica do acto polo Día das Letras Galegas 2026 na Coruña, o 10 de maio
Estas son algunhas das fotografías do acto polo Día das Letras Galegas que tivo lugar diante do Teatro Rosalía de Castro, na Coruña. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.










