Desde Sermos Galiza:
“No sétimo cabodano da súa morte, un monllo de amigas e persoas achegadas -organizadas como Academia Real Isaac Díaz Pardo- volven homenaxear o artista, intelectual e creador de Sargadelos. Será este domingo, 13 de xaneiro, no cemiterio de Boisaca, en Compostela.
O acto comezará ás 12.30 horas e constará de tres bloques, precedidos dunha “procesión cívica até a tumba de Díaz Pardo” ao son da Marcha do Antigo Reino de Galiza interpretada polos Catro de Vigo e a lectura do poema de Lorenzo Varela Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados a cargo de Isabel Fonseca.
As alocucións constitúen a primeira parte da homenaxe. Pronunciaranas o xornalista Perfecto Conde, o filólogo Gregorio Ferreiro, o dramaturgo Manuel Lourenzo e o deseñador Carlos Núñez. Despois haberá un recital de poesía en que participarán Marilar Aleixandre, Xesús Alonso Montero, Sabela Hermida, María Xosé Queizán, Manuel Landeira e Manuel Ucha.
Unha ofrenda floral pechará a xornada, canda a solta de pombas e as palabras de clausura de Alonso Montero. O ramo serán “os tres himnos de Isaac”: o Galego, o de Riego e a Internacional.”
As Academias Galega e Brasileira asinan “estreitar lazos entre linguas irmás”
Desde Sermos Galiza (foto: RAG):
“Na Real Academia Galega hai conciencia de que a lingua galega forma parte dunha familia onde están os irmáns de Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique. O galego forma parte dese proxecto internacional”. Con esta clareza saudou Víctor Freixanes, presidente da RAG, o acordo asinado co seu homólogo brasileiro, Marco Lucchesi.
As Academias Galega e Brasileira das Letras rubricaron esta quinta feira un protocolo “para estreitar os lazos entre as dúas linguas irmás e o potencial da lusofonía”. “Abrimos as portas a potenciaren o intercambio de investigacións e manifestamos o interese de levaren a cabo outros proxectos de colaboración en distintos eidos”, expuxo a Academia Galega nun comunicado posterior á comparecencia conxunta de ambos os dous presidentes.
“Queremos estreitar a relación entre a área cultural lingüística brasileira e galega”, sinalou Víctor Freixanes. O documento presentado na sede da coruñesa rúa Tabernas servirá, segundo indica a institución galega, para “afondar en proxectos compartidos, unha liña na que xa traballan desde hai tempo membros da RAG desde os seus respectivos eidos”.
Marco Lucchesi, presidente da Academia Brasileira das Letras, cualificou o acto de “histórico”. “Non podemos perder a raíz, porque se a perdemos, perderemos a tentativa de inscribirnos nunha comunidade de destino”, afirmou, “e a nosa comunidade de destino non é unha comunidade imperial, é unha comunidade que pasa polas linguas que nos pronunciaron”.
Lucchesi non deixou de se preonunciar sobre a política actual do seu país. “A cultura é o último bastión da república do Brasil e da democracia”, concluíu.”
Gondomar: Mostra de Teatro Afeccionado do Val Miñor e Oia
Compostela: presentación de Campo aberto, de César Souto Vilanova
Crónica videográfica da Homenaxe a Isidro Novo (IV)
O 3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Recital poético-musical (primeira parte). Xoán Neira López, Toño Núñez, María José Fernández, José Blázquez e Paco Reija:
– Recital poético-musical (segunda parte). Lois Diéguez, Xoán Xosé Fernández Abella, María Xosé Lamas, Xosé Miranda, Martiño Maseda Lozano e Joaquín Carballido:
– Recital poético-musical (terceira parte). Xosé Lois García, Alberte Momán, David Otero, Cesáreo Sánchez e Luís Valle:
Marín: presentación de Iridium, de Francisco Castro
Bases do 5º Premio Literario Nortear
Son Trío gaña o II Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados
Desde Cultura Galega:
“A Fundación Celso Emilio daba a coñecer esta fin de semana o ditame da segunda xeira do Premio Celso Emilio Ferreiro de Poemas Musicados. O grupo vigués Son Trío foi o vencedor deste certame coa súa versión musicada de Un día, poema incluído na obra Viaxe ao país dos ananos do autor celanovés. O premio, que a fundación convoca de xeito bienal, está dotado con 3.000 euros en metálico e unha peza de bronce. O grupo está formado por Katerina Linke, Su Garrido Pombo e Susanna Blanco. A fundación anunciara o pasado novembro a suspensión do certame pola baixa participación, recuperando a iniciativa cun novo prazo de presentación a final dese mesmo mes.”
Hai quen escolle os camiños máis longos, por Emma Pedreira
Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Paula Carballeira non é a primeira autora que lles dá unha volta aos denominados contos de fadas tradicionais, toda esa materia feita para alertar crianzas, inocularlles ás rapazas o amor romántico, o medo e preparalas para ser procesadas como produtos cárnicos e estéticos pola Factoría Disney. Antes de Carballeira foron Angela Carter, Anne Sexton, Margaret Atwood, Sara Henderson-Hay, Tanith Lee e, na nosa propia tradición Marilar Aleixandre, Eli Ríos, Carmen Blanco e mesmo unha servidora. O tema dá para moito pero tamén son moitos os anos de reclusión no estereotipo e, a cada terremoto, dez ou doce réplicas haberán de seguilo. Eis que aínda non cubrimos nin unha terza parte dos danos e perdas que produciu (e segue producindo) tal estropicio. Mais este libro, en apariencia sinxelo, non é unha réplica máis senón que ten vontade sísmica de seu.
Paula Carballeira (Maniños, 1972) é autora dunha amplísima obra literaria que recolle poemarios, libros de contos, novelas LIX así como un amplísimo percorrido na oralidade, polo que entendemos que está afeita a rescatar as personaxes da tradición fundacional e reprantexalas no noso imaxinario.
Esta achega que nos fai en Hai quen escolle os camiños máis longos ten un algo dese rescate, de labor de limpeza da pátina de riquiñismo falsario daqueles contos dos Irmáns Grimm ou de Perrault que resultaron tan válidos ao patriarcado para facernos ás nenas de moitas xeracións medoñentas e ben comportadiñas. Carballeira sabe do que escribe xa que durante anos andou á procura dun voz propia para cada obxecto e figura; xa foron as casas, as –nunca– mascotas, os lobishomes, o mortos vivintes, todo ser vivo ou inanimado ten pasado polos seus dedos e boca convertidos nun algo persoal e único unha vez filtrado pola súa maxia. (…)”
Crónica videográfica da Homenaxe a Isidro Novo (III)
O 3 de novembro de 2018 tivo lugar en Lugo a Homenaxe a Isidro Novo, na que a AELG fixo parte da comisión organizadora, que se retomará o 1 de febreiro de 2019, cando se lle dea o nome de Isidro Novo á Biblioteca Municipal de Lugo e se presente o libro que recolle as intervencións da xornada.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Descuberta da placa-homenaxe a Isidro Novo. Con Antonio Reigosa, Cesáreo Sánchez Iglesias e Loli Rodríguez: