“Manuel María, nace un dramaturgo”
Artigo de Héctor J. Porto en La Voz de Galicia:
“«Nace un dramaturgo para a escena e para a literatura galega. A hipérbole deixa de o ser», pregoa María Pilar García Negro nos comezos do seu prólogo á coidada edición da Obra teatral de Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) que preparou para a súa publicación pola fundación que -dende a súa sede na casa-museo de Outeiro de Rei- custodia e pon en valor a figura do autor chairego. Pese a esta celebración, non hai unha chisca de sorpresa na faciana da profesora e escritora luguesa, que lembraba hai uns días como a fins da década dos anos setenta ela mesma promoveu a representación de O auto transcendental da escola tradicional (1976) coas súas alumnas no instituto coruñés Eusebio da Guarda. Xa daquela tiña clara a importancia da dramaturxia de Manuel María, e deseguido percibiu o papel basilar que xoga no teatro contemporáneo galego. (…)
Xa entón, no 2005, lle bulía a García Negro unha idea na cabeza. Ela nunca dimitiu da súa admiración por Manuel María, pero tampouco topaba tempo para dedicarlle ao arduo labor de poñer en limpo a súa obra teatral. «Non só era a revisión e confronto das diversas versións ou a recuperación de textos que faltaban, tamén estaba vixiar a homologación gráfica que el mesmo fixou e deixou disposta para a súa poesía. Era un traballo moi laborioso», subliña. Ata que o curso pasado decidiu interromper outros asuntos para poñerse en serio co proxecto de edición. Non era pouca cousa. Sabía que pasaban de trinta pezas e só unhas poucas foran editadas en libro, algunhas apareceran en xornais (como La Voz de Galicia) ou en revistas e suplementos literarios; e moitas permanecían totalmente inéditas, aínda que unha parte delas si chegaran ás táboas.
O máis fascinante do seu estudo foi verificar a súa grande diversidade, tanto no formato ou na temática como no estilo. E ademais ratificou que non se trataba dun empeño temporal, efémero: a súa dedicación teatral foi continua ao longo da súa vida, como demostran as datacións desde o seu primeiro texto, Auto do taberneiro (1957), ata o derradeiro, Auto do alugado ou O encanto de Raboces (2001). «Son cando menos 44 anos de traballo -di a profesora-. Cando me puxen á tarefa, na relectura de toda a obra, advertín que estaba ante a produción dun escritor experto. Mostraba un dominio dos recursos escénicos, da dramaturxia, da técnica, e un notábel abano de rexistros. Isto non era froito de quen está pensando nunha diversión, nun pasatempo, de alguén que está construíndo algo para entreter», incide. (…)”
Draga é o novo proxecto literario de Claudio Pato
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Draga é o novo proxecto literario de Claudio Pato. Coma un sobre sorpresa contén o poemario que lle dá titulo, un drespregable, unha pegatina e unha edición fascímile dun inédito mecanografado. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Compostela: presentación de Un mundo quentiño, de Mónica Varela
“Que sorte que leamos isto pola parte que nos toca”, por Arancha Rodríguez Fernández
Artigo de Arancha Rodríguez Fernández na Platafoma de Critica Literaria A Sega:
“A poeta Lucía Aldao, que leva xa 20 anos (arriba ou abaixo) percorrendo Galiza coa súa poesía escénica, entreténdonos con María Lado cando son aldaolado, ás veces disfrazada de oso e outras de Lucía, publica libro sen deixar os bares. E claro, éntranos o fenómeno fan a todas as que enchemos de visitas o audio de youtube cheo de intencións enormes de quererte; a todas as que non lles faltamos a un bolo que nos cadra preto, ou que convencemos ás amigas para achegarnos a outro que non cadra tan preto, pero seica por alí hai festa.
E éntranos o fenómeno fan, e corremos á libraría de confianza ou ao Culturgal a facernos con el, e compartímolo nas redes e nas conversas de whatsapp e queremos devoralo, e a un tempo temos medo de que haxa algo no papel, nese Todo isto antes era noite, que non respecte a voz de Lucía Aldao, porque hai algo de mística en non estar impresas, como hai en estalo, teño que dicir.
E supoño que o primeiro que sentimos cando abrimos as páxinas de Todo isto antes era noite, é que podemos escoitar perfectamente a voz de Lucía Aldao, con e sen guitarra, cousas que nos soan: ese sácame de poeta, ou ese así, cada quen co seu cancro, sucede. Conseguiu pasalo a papel sen sacrificar absolutamente nada da súa voz, pero tamén achegando algo, o cal non é nada doado cando levas dúas décadas facendo que o mundo coñeza como berras versos. (…)”
Celso Fernández Sanmartín, entre contos e poesía
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Na cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez é o novo libro de Celso Fernández Sanmartín. A entrevista pode verse aquí.”
Xa dispoñíbel o roteiro Ribadeo e o mundo, mar por medio, de Eva Moreda
Eva Moreda é a autora do roteiro Ribadeo e o mundo, mar por medio.
Pode ser consultado xa na sección O territorio do/a Escritor/a, unha das máis visitadas da web da AELG, aquí.
A Estrada: presentación de O secuestro de Brigantia, de Xurxo Esquío
Vilalba: presentación de Santuarios da Terra Chá, de José Manuel Blanco Prado
Eli Ríos publica a novela DX
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Eli Ríos publica a novela DX, unha historia futurista ambientada na cidade da Coruña, na noite de fin de ano na que as badaladas dan a benvida ao 2.030.
Nesta viaxe a través do tempo descubrimos que a cidade herculina convértese nunha potencia na investigación biomédica. A escritora foxe da realidade actual, na que a industria téxtil e as luces de Nadal son os protagonistas da vida ao carón de Riazor.
Os lectores non atopan nesta novela ningunha referencia ao xénero dos protagonistas, ningún ‘el’ ou ela. A escritora pon en valor a importancia das relacións sexuais sanas e consensuadas, xa que a maioría da xuventude adquire condutas agresivas propias da pornografía, nas que prima a desigualdade.
Os escritores “temos a responsabilidade de transmitir valores, darlle unha volta o que pensan as xeracións máis mozas”, explica Eli Ríos, ao que engade: “o amor non pode ser algo agresivo nin violento nin negativo”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”