Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As liñas no espello
O
Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As liñas no espello é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG e o Concello de Rianxo.
“Se gustas de converter en materia estética a realidade cotiá…
Se queres inventar coa palabra outros mundos máis interesantes….
Se aspiras a que na túa imaxinación as persoas volvan nacer, talvez mellores e máis fermosas do que en realidade foron…
Se desexas que a literatura faga vida en ti e, por que non, nas lectoras e lectores… Agardamos por ti.”
Impartido por Antón Riveiro Coello, e cunha sesión maxistral a cargo de Inma López Silva.
10 sesións de 2 horas cada unha, en horario de 11:00 a 13:00, que se celebrarán os sábados:
- 5, 19 e 26 de outubro.
- 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro.
- 7 e 14 de novembro.
Terá lugar na aula grande do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (como chegar).
20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. Terán preferencia aquelas persoas que non participasen na primeira edición deste obradoiro, en 2018. Establécese un mínimo de 8 prazas cubertas para a súa realización.
A inscrición, gratuíta, é en liña ata o 26 de setembro de 2019, ás 14:00 horas, no espazo especialmente destinado a este efecto na web do Concello de Rianxo, aquí.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
Betanzos: presentación de 900, de Xabier López
A Coruña: Gosto de vivir a poesía: Iolanda Aldrei
Valentín Alvite gaña o premio Raíña Lupa de literatura infantil
Desde
Sermos Galiza:
“”Unha novela de misterio presidida polo humor” vén de gañar o premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil concedido pola Deputación da Coruña. Titúlase Antía e Daren e os pequenos detectives e é obra de Valentín Alvite (Vimianzo, 1959).
O xurado salientou, ademais do misterio e o humor, “a orixinalidade da historia, que saes das liñas habituais da literatura infantil máis recente”. Retranca, léxico coidado e prosa moi áxil son outras características da peza de Alvite, quen antes publicou Don Nuno e outros relatos humorísticos (2003) e Relatos para sorrir (2017).
Ademais da obra gañadora, o xurado, do que fixeron parte a crítica Montse Pena, o debuxante Xosé Cobas, e as escritoras An Alfaya, Antonio Manuel Fraga e Xosé de Cea, decidiu declarar finalista A noite da deusa, de María López Sández (Lugo, 1973), quen “elabora unha xeneaoloxía feminista coa fusión de diferentes mitoloxías cun ollar contemporáneo”. López Sández publicou antes o ensaio Paisaxe e nación (2008) e as novelas A forma das nubes (2012) e O faro escuro (2015).
O premio Raíña Lupa, que convocou a súa edición número 12, está dotado con 6.500 euros.”
Gonzalo Hermo gaña o XIII Premio de Narrativa Breve Repsol
Desde
Galaxia:
“Gonzalo Hermo gaña a XIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega pola súa obra Diario dun enterro. Así o comunicou este mediodía a portavoz do xurado, Berta Dávila.
O acto do fallo tivo lugar no restaurante Árbore da Veira da Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da refinería de Repsol, Javier Sancho, e a portavoz do xurado, a novelista e poeta, Berta Dávila.
O xurado desta edición decantouse por esta obra pola “sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”. O xurado destaca o equilibrio entre o fondo e a forma, a regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes. (…)
O xurado estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: Anxos Sumai, Carlos Lema, Euloxio Rodríguez Ruibal, Berta Dávila e Dolores Vilavedra. (…)”






