Cee: presentación de Rosalía de Castro e o poder sexual, de María Xosé Queizán
A Coruña: Libros a monte 2018
Compostela: presentación de Repensar Galicia. As Irmandades da Fala
Marleen MaLone: “Farteime de ser, cos homes, suxeito pasivo. Decidín empoderarme e tomar a iniciativa. Pero no camiño tamén tropecei”
Entrevista de Montse Dopico a Marleen MaLone en Praza:
“Hai uns días que Iolanda Zúñiga comparte nas súas redes sociais as reflexións sobre os homes, tan directas, potentes e cheas de humor, da súa amiga -ou ex-amiga- Marleen MaLone: unha muller que cansou de ser, no ámbito da sedución, suxeito pasivo. Que decidiu saltar os roles impostos polo patriarcado e tomar a iniciativa. Cazar. Depredar. Empoderarse. Mais, nese proceso, atopouse coas súas propias contradicións. Cos seus medos e inseguridades. Coa súa atracción momentánea -tamén- polas vantaxes vendidas pola convención. A estabilidade. O amor. Marleen cóntao todo, a través da redacción de Iolanda, en Noites de Safari (Xerais). Sen agochar nada. Conseguimos falar con ela -con Marleen- para coñecela mellor.
– Praza (P): Es novidade na literatura galega. Quen es? De onde vés?
– Marleen MaLone (MM): Antes de nada, eu a verdade é que escribir non escribo. En realidade son pintora. O que pasa é que pasei un tempo en Vigo e Iolanda Zúñiga e eu fomos amigas. E digo fomos porque hai moito tempo que non a vexo e que non sei nada dela. Pero naquela época na que as dúas faciamos vida nocturna en Vigo, pedinlle que ela escribise as miñas historias, os meus avatares sexuais cos homes. Como escribir non é o meu, preferín que redactase ela o que eu lle contaba.
– P: En calquera caso, aínda que a redacción non sexa túa, é un libro de avatares sexuais no que se conta que moitos te trataron bastante mal. Non todas as persoas quererían presentar en público esa parte das dúas vidas…
– MM: O libro leva o subtítulo de ‘Manual sobre amantes desorientados’ e a verdade é que eu tamén tiven amantes moi ben guiados e orientados que me produciron moita satisfacción, non só sexual senón tamén a nivel de coidados: que me respectaban…. O que pasa é que Iolanda escolleu redactar as historias dos desorientados. Eu tampouco lle vou preguntar por que fixo esa escolla. Mais, en calquera caso, non foi algo que pactase con ela. (…)
– P: Acabo de lembrar o último libro de Pati Janeiro. Fala da vida dunha camareira. De precariedade, vamos. Noites de safari tamén fala de precariedade. Pois non hai tantísimos libros tan directos, tan auténticos, na nosa literatura, nese sentido, coma os vosos, por exemplo. Se cadra a literatura precisa máis proletarios, porque hai un desequilibrio en favor das chamadas profesións liberais. Mais, imaxino, ser obreira e escritora debe ser difícil…
– MM: Si, hai moita maior presenza, na literatura, de intelectuais, profesores… E si, eu sei o que lle pasou a Iolanda. Tivo, por exemplo, que dedicar todo un paro, ata esgotalo, para acabar Noites de safari e escribir outro libro que ten sen publicar. É moi difícil: se es camareira, non podes pedir uns días para acabar outro traballo, non podes planificar con antelación as vacacións para organizarte para escribir… Non é o mesmo. A Iolanda preguntábanlle por que non publicaba máis, despois de Periferia. Pero é que é moi difícil sendo unha traballadora precaria. Se non tes diñeiro para poñerte como autónomo, se non preparas unha oposición… E preparar unha oposición tampouco che garante nada. (…)”
Bases do XXIII Certame Literario de Piñor, 2018
“A Asociación Música e Cultura de Galicia convoca o XXIII Certame Literario de Piñor na especialidade de narracións breves.
1.- Establécense dúas categorías, premiándose os dous mellores relatos en cada unha delas:
-Categoría A para participantes maiores de idade.
-Categoría B para participantes menores de idade.
2.- Na categoría A premiaranse os dous mellores relatos, con 150 euros para o primeiro clasificado e 125 para o segundo. Entregaráselle ademais a cada un deles un diploma acreditativo do seu galardón e un obsequio conmemorativo.
Na categoría B premiaranse os dous mellores relatos, con 75 euros para o primeiro clasificado e 60 para o segundo. Entregaráselle ademais a cada un deles un diploma acreditativo do seu galardón e un obsequio conmemorativo.
Ningún concursante poderá obter dous premios na presente edición deste certame, polo que no caso de ter puntuación suficiente para dous, outorgaráselle soamente o mais importante.
Un premio poderá ser declarado deserto cando o xurado así o determine e sempre por causa fundamentada.
Para recibiren os seus galardóns os gañadores deberán comparecer obrigatoriamente no acto de entrega de premios, perdendo ese dereito no caso contrario.
3.- Os relatos, de temática libre, deberán ser orixinais, inéditos, en galego e non poderán estar xa premiados noutros certames. A súa extensión non excederá de 10 folios, por unha soa cara e con interliñado de duplo espazo. Ademais deberán presentarse mecanografados e encabezados por un lema ou pseudónimo.
4.- Os relatos enviaranse por correo ordinario á sede social da Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia (Rúa do Pito, 1. CP 32930. San Lourenzo de Piñor. Ourense), indicando no sobre: PARA O XXIII CERTAME LITERARIO DE PIÑOR. Xunto coas narracións, os participantes deberán envia-los seus datos nun sobre no que aparecerá pola súa parte externa, o lema ou pseudónimo, así como a categoría na que participan. Dentro del, figurará o nome e apelidos do autor, idade, enderezo, correo electrónico e número de teléfono.
Os relatos tamén poderán ser enviados mediante un correo electrónico a justocalvio@yahoo.es con dous arquivos Word, contendo o primeiro deles, denominado “relato”, a obra a concurso, o lema ou pseudónimo, e a categoría na que participa; e o segundo, denominado “plica”, o lema ou pseudónimo e os datos persoais que se esixen do autor.
5.- O prazo de admisión pecharase o martes, 15 de maio de 2018.
6.- O fallo do xurado será inapelable e a entrega dos premios terá lugar o sábado, 26 de maio do 2018, pola tarde, no Teatro Principal da cidade de Ourense.
7.- Os relatos premiados serán editados na web da asociación Música e Cultura de Galicia, reservándose tamén os organizadores o dereito de publicalos en libros e outros medios de difusión. Os gañadores deberán enviar por correo electrónico os seus traballos á organización do certame, antes da entrega de premios. Destruiranse tódalas narracións presentadas ao certame, polo que non serán devoltas aos seus autores.
8.- A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ao xurado e o feito de presentaren as súas obras supón a conformidade dos participantes coas presentes bases.
Ourense, 1 de marzo de 2018″
Ferrol: lanzamento de Mecanismo de Emergência, de Tiago Alves Costa
A quinta-feira 15 de marzo, ás 18:30 horas, na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol (Rúa Real, 29), Tiago Alves Costa presenta o poemario Mecanismo de Emergência, publicado por Através Editora, coa presenza do autor.