Gañadoras do VI Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas

“O xurado do VI Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas decidiu outorgar os seguintes premios:
– 1º Premio, ao microrrelato Metamorfose, de Emma Pedreira Lombardía.
– 2º Premio, ao microrrelato A fiestra con memoria, de Pilar Vilaboy Freire.
– 3º Premio, ao microrrelato Seo materno, de Ana Padín Calviño.
Igualmente, designou como finalista o microrrelato A leoa, de Patricia Eugenia Gallego Pérez.
O VI Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas realízase coa colaboración da Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.
En breves datas realizarase a entrega de galardóns nun acto público conmemorando o Día Internacional da Muller, coa presenza da Concelleira de Igualdade, dona Uxía Blanco Iglesias.”

“Uxía Casal: concisión é fluidez”

Crónica de Erik Dobaño en EntreNós:
““Son moi curiosa e observadora”, di Uxía Casal na Livraria Suévia acompañada por Emma Pedreira e polo editor de Urco, David Cortizo. “A tenrura é para min o sentimento máis gratificante”, engade. “Quero dignificar, non amolar a lingua”. Uxía Casal vén de lonxe. “Son filóloga”, repite. E por iso discutiu, confesa, cada coma co seu editor. Por iso e porque a súa escrita lese, harmónica, en voz alta. E esixe precisión, atención en cada coma. O libro que trouxo de lonxe para presentar este xoves 1 de marzo na Suévia rodeada de chuvia e vento neste inverno intermitente é un libro de relatos sombrío, elegante e frío. Os adxectivos póñenos Pedreira e Cortizo que ponderan até as páxinas en branco, necesarias, coma a coma, para respirar entre tanta densidade desacougante. Hai morte e silencio e dor neses contos. “A literatura non está feita só de libros”, anota Pedreira. Uxía Casal vén de lonxe; e hoxe, de Ribeira, “onde o vento non ten máis para onde ir e dá a volta”. Uxía Casal publicou este mesmo volume (con un conto menos) hai vinte anos nunha colección que tomou o nome de Descubertas e sentiuse maltratada pola editorial e abandonada despois. “Penso que non entenderon o libro, empezando polo que me presentou en Ourense”. Agora Urco recuperou a obra e puxo coidado na edición. “Véxome viva mesmo na foto”, di Uxía. “O que dá de si unha vida… agora, cando escribo, son máis consciente do que estou facendo”.
Pedreira pregunta pola técnica, pola frialdade, a sobriedade e o machetazo que bota o lector fóra da vía contra o final de cada conto. E a autora asinte desculpándose. “Gústame ir directa, ao gran, aborrezo a verborrea e a pedanterías… esas machiruladas. Encántame a concisión, traballar nesa palabra que transmita todas esas sensacións que bulen aquí dento”, dentro da súa cabeza, curiosa e observadora.
Pero á autora tamén lle gusta a fluidez, que a prosa soe como a música e se lea en voz alta, tenra, gratificante… inda que fale das zonas escuras da vida, do inquietante que pode ser unha cama. “Non hai nada seguro”, advirte coma se estivera encetando un conto.”

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Volven os Paseos pola Coruña Literaria para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

Porque as xeracións non só se len, tamén se viven, porque as poetas son animaliños que poden saír tanto nos libros de texto coma nos bares da noite, alguén que se sente acompañada polo luxo canalla de toda unha cuadrilla tan humana coma divina fainos un percorrido polas súas autoras contemporáneas, e antes que nada compañeiras.

 

  • Sábado 14 de abril (a partir das 12:00 h)paseo con Xosé IglesiasInscricións: desde o 2 de abril a partir das 9.00 horas.

Neste paseo partirase dun lugar próximo ao mar que é para o autor habitual no desenvolvemento do seu traballo. Fuximos da cidade e achegámonos até o frente das Illas de San Pedro, con paradas intermedias onde intercalar  a lectura de poemas que son o día a día da vida dun mariñeiro da Galiza.

Cebreiro foi un espléndido debuxante que empezou á sombra de Castelao, pero non tardou en crear un estilo persoal como humorista gráfico e caricaturista. Un profesional interesado na arte europea do seu tempo que fixo interesantísimas achegas á ilustración galega. Percorreremos a cidade para pasear polos lugares relacionados con el e chegaremos á Praza do Humor, espazo propio para falar do papel que xogaron os humoristas nos movementos sociais progresistas.

 

  • Sábado 9 de xuño (a partir das 17:30 h): paseo con María Solar arredor de Os nenos da varíola. Inscricións: desde o 28 de maio a partir das 9.00 horas.

Desde o peirao da Coruña partiu en 1803 a corveta María Pita para levar a vacina da varíola ao Novo Mundo da única maneira posible, a través dunha cadea de vacinación a 22 nenos orfos. A cidade foi parte e escenario da preparación desta xesta médica sen precedentes. Os nenos da varíola recupera, novelada, a memoria do que pasou. O roteiro levaranos da man pola historia e a ficción literaria, un paseo para recuperar parte da memoria da cidade e da humanidade.

 

Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

É necesaria a inscrición, que pode facerse dos seguintes xeitos, nas datas indicadas para cada paseo:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora
– No teléfono 981 189 888.
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

Santiago: Escola de Escritoræs. Obradoiro de dramaturxia Textura e musculatura da escrita teatral, por Afonso Becerra

O Obradoiro de dramaturxia Textura e musculatura da escrita teatral, impartido por Afonso Becerra, cunha clase maxistral de AveLina Pérez, é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.

Proposta
Converter a letra en movemento, encontrar o ritmo que canaliza o sentido da escrita. Traballar textos e texturas. Buscar as sensacións físicas e os efectos cognitivo-emocionais xerados pola escrita.
Exercicios sobre técnicas e metodoloxías centradas no lúdico, na configuración de situacións de acción e personaxes, na emerxencia de voces e na inscrición da oralidade, na direccionalidade das voces, nas cualidades sensoriais e atmosféricas producidas por distintos tipos de interacción verbal.
Obxectivar os criterios da beleza e do gusto respecto á escrita teatral.

Calendario e inscrición
Días: os sábados 3, 10 e 17 de marzo; 7, 14 e 21 de abril; e 5, 12, 19 e 26 de maio.
Horarios: de 11:30 a 13:30
25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
Inscrición, necesaria e gratuíta, en proxectoscultura@santiagodecompostela.gal
As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta (Antonio Rama Seoane nº 6), de Santiago de Compostela.

A Coruña: crónica fotográfica do acto do Día de Rosalía de Castro 2018

Estas son algunhas das fotografías do acto do Día de Rosalía de Castro 2018 na Coruña, que tivo lugar o sábado 24 de febreiro pola tarde, en colaboración coa A. C. Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.