Boiro: Festa da poesía e da música Barbantia 2024
Ourense: presentación de Os peidos máxicos de Sultán, de Marta Villar
O Porriño: presentación de A Raposa Muiñeira, de Clara do Roxo
Gonzalo Hermo gaña o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía da Deputación da Coruña
Desde a Deputación da Coruña:
“O poeta Gonzalo Hermo resultou gañador do XXII Premio Miguel González Garcés de poesía, organizado pola área de cultura da Deputación da Coruña. O xurado decidiu premiar a súa obra Un xesto de tenrura entre as 129 propostas presentadas, das que destacaron a súa “elevadísima calidade”.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado que integraron Yolanda Castaño Pereira; Pablo Otero Rodríguez; Míriam Ferradáns Ferradás; Samuel Merino Gómez e Oriana Méndez Fuentes. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes.
O xurado destacou que a obra gañadora “propón unha poesía introspectiva e depurada, onde a linguaxe rica e evocadora se achega á súa forma máis pura, eliminando excesos e retóricas para lograr unha obra de precisión sensorial”. Ademais, salientaron que “ofrece unha experiencia poética completa, cunha estrutura ben meditada, que conxuga a beleza da palabra coa profundidade do pensamento”.
Concluíron que “marca unha achega significativa á poesía contemporánea en galego, e amosa o xeito en que encarar a idade adulta comporta adoito o desvencello, pero que a luz da soidade pode ser unha forma de liberdade tamén”.”
Gondomar: “Os medios e o poder a debate”
Vigo: presentación e obradoiro de escrita arredor de Rolando e un fío resistente, de Xabier Domínguez e Alba de Evan
Outeiro de Rei: presentación de Somos un pobo de artistas, de Xurxo Souto
Lugo: presentación de Contos Gringos, de Lara Dopazo Ruibal
María Pilar García Negro, autora de A lingua que nos fai ser: “Cómpre que o galego volva ser a lingua necesaria e inevitábel da Galiza”
Entrevista de Xoán Costa a Pilar García Negro en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): A lingua que nos fai ser. Fálenos do título…
– Pilar García Negro (PGN): De primeiras, pensei en utilizar o verso derradeiro dun soneto da obra Pedinche luz prestada (2001), de Marica Campo, que reza: “É tempo de falarmos. Somos nós”. O seu primeiro verso é: “Tiñamos unha lingua para amar”, e todo el téñoo usado con grande eficacia en moitas aulas de Lingua. É, na realidade, unha mini-historia poética da diacronía do galego, con exhortación final incluída. Posta á fala coa escritora, para lle solicitar permiso de utilización, rápida como un raio, unha vez explicada a petición, sentenciou: hase titular A lingua que nos fai ser.
Pola miña parte, moi agradecida pola suxestión. Como a terra debe ser para quen a traballa, igualmente debe constar a autoría do título en cuestión. É, como se ve, un oitosílabo, de modo e maneira que ben podería encabezar un a xeito de romance actual dedicado á lingua nacional, tan sofrida como precisada de amparo efectivo.
– ND: A actuación da Xunta en materia de Lingua aparece recollida en varios dos artigos. Agora a Administración competente anuncia un ‘Pacto pola lingua’. Como interpreta vostede ese ofrecemento considerando os vinte anos do Plano Xeral de Normalización Lingüística e os resultados estatísticos que nestes días coñecemos?
– PGN: O papel da Xunta, con efeito, é central na cuestión da lingua, e a súa responsabilidade, máxima. Ten facultades plenas nesta materia e levamos décadas de retraso e dunha política aplicada a manter o statu quo, isto é, o absoluto predominio do español, hoxe multiplicado exponencialmente, coa correlativa perda para o galego, cunha restrita utilización marxinal que non garante en absoluto a súa digna sobrevivencia. “Digna” é normal. “Normal” é equivalente á que ten o español en España, ou o francés na Franza ou…
A situación agrávase no ensino, nos meios de comunicación, na Xustiza, na Sanidade, na debida aproximación do galego na infancia… Nen unha só das medidas contempladas no Plano… de 2004 foi executada. Que é o que se quer pactar? O silencio? A resignación? A benzón da política anti-galega?
– ND: Vostede ten dito, e así aparece escrito nesta publicación, que a lexislación autonómica que marca o ponto de partida para a normalización lingüística naceu eivada. Tamén se ten dito que, en materia de normalización, é preciso tomar outro camiño. Mais eu pregúntolle, para alcanzar a normalización plena do galego basta con tomar outro camiño se non variamos o punto de partida?
– PGN: Si tal, ten eivas conxénitas e adquiridas, co cal a palabra “normalización”, na política oficial, é un significante baleiro, substituída por “dinamización”. Nun caso de anemia galopante, “dinamizamos” o paciente ou inxectámoslle a transfusión de sangue conveniente? Cómpre que o galego volva ser a lingua necesaria e inevitábel da Galiza; foino durante séculos e, grazas a iso, persistiu. Éo o español, nunha hexemonía derivada dun proceso de dominio histórico-político, o que determina unha posición absolutamente deprimida do galego na súa propria terra. Por certo, definir o galego como “lingua propia” (Estatuto) significa que a outra é allea. Ou acaso xa non respeitamos a semántica mínima dos adxectivos? Toda proclamación legal favorábel ao galego ha de prever: obxectivos, medidas, accións concretas e temporalizadas, avaliación continua. Se non, é oquedade balofa…
– ND: A publicación non é un manual de sociolingüística mais trata con rigor e sentido común certos tópicos como a imposición lingüística ou o bilingüismo harmónico, cordial e outros adxectivos que se lle van apondo ultimamente. Que nos pode dicer sobre iso?
– PGN: Aclaremos, para non nos sumarmos á realidade ás avesas. A imposición ubicua, elefantiásica, permanente, cun “bombardeo” constante de mensaxes, lemas, discursos e ideoloxía, é a da lingua oficial do Estado, o español, en total coherencia coa dificultade maiúscula de admitir a realidade plurinacional do mesmo. Imposición ferreña, legal, administrativa, escolar, xudicial…, outrora con castigos físicos incluídos, e hoxe garantida por millenta normas e actuacións fácticas. Quen fala de “impoñer” o galego na realidade está a protestar por “poñer” o galego nun lugar social e / ou público diferente do habitual diglósico. Vender-comprar cebolas en galego na feira de Carballo non molestou nen molesta nada.
Si, utilizalo en voz alta e segura en espazos públicos xerais. Aí lle doe… Mais é o único que pode variar, para ben, a situación. Canto ao bilingüismo harmónico-cordial, remito a un artigo aquí incluído con ese título. Só direi que o bilingüismo leva anos e anos a se utilizar como un ideoloxema para impedir, mesmamente, o aparecemento do galego. Branquear, pois, o bilingüismo equivale, sen máis, a dar por boa a situación abaixada do galego. Este precisa volver ser o signo unitivo de todos nós, galegas e galegos, independentemente do noso lugar de nacemento, de onde moremos, do noso traballo ou da nosa clase social. Non outra cousa é unha lingua normal. (…)”