Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 23 de agosto

O 23 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Presentación de O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López, publicado por Xerais.
20:00 h. Presentación de Empatía dos gatos, de Mónica Sánchez, publicado por Chan da Pólvora.

Crónica videográfica de O Escritor na súa Terra – Letra E, Nacho Taibo (II)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXIV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Nacho Taibo, que foi homenaxeado en Oleiros, terra na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Alejandra Sampedro), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor (neste caso un carballo) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse a segunda parte da crónica videográfica completa:

Intervención de Ángel García Seoane, Alcalde de Oleiros:

Lectura da acta de concesión da Letra E por parte de Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG:

Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2018 para o 22 de agosto

O 22 de agosto comeza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. (neste primeiro día só abrirá pola tarde), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Inauguración da Feira. Pregón inaugural a cargo de Lois Diéguez, tras actuar a Banda de Gaitas de Monforte.
20:30 h. Presentación de Museo Pazo de Tor. Guía ilustrada, de de Fernando Arribas Arias e Antonio Reigosa, con ilustracións de Noemí López, publicado pola Deputación de Lugo. Participa Pilar García Porto.

A Laxe (Valadouro): Ponte Literaria 2018, o 24 de agosto

O 24 de agosto, a partir das 18:30 h., no local social da parroquia da Laxe (sito na recta de Tanín), no Valadouro, terá lugar unha nova edición da experiencia participativa Ponte Literaria, que artellan, desde o verán de 2015, un grupo de persoas vinculadas á literatura.
Tratouse, no inicio, dunhas lecturas a carón das diferentes pontes do Valadouro, mais na actualidade, considerouse que un encontro baixo teito pode favorecer a presenza dun maior número de participantes e ao mesmo tempo, resultar máis cómodo para o público.
Para participar, só é preciso estar no lugar indicado á hora sinalada, mais a organización gustaría de coñecer o número de intervencións con antelación.
Para anotarse ou resolver calquera dúbida, poden contactar a través do teléfono 600378363 (tamén Whatsapp).

Participarán, entre outras/os, Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón, Lionel Rexes, Iolanda Aldrei, Adela Figueroa, Manuel Regal…
Leranse textos de Rita Geada, autora cubana con raíces no Valadouro.
Por cumprirse neste ano o 70 aniversario da morte de Luís Trigo Chao “O Gardarríos”, Isaac Ferreira, escritor valadourense vinculado ao teatro, lerá unha peza dramática intitulada O cerco de Vilanova, baseada na noite en que o guerrilleiro caeu asasinado na capital de Lourenzá.
O autor Lionel Rexes lerá varios fragmentos da súa novela A raíña das velutinas, escollendo para a ocasión aqueles que fan referencia a persoeiros e lugares do Valadouro.

– Condicións xerais:
Lecturas de 15 minutos como máximo.
Cada lectura non deberá exceder os 15 minutos e os textos deberán ser de autoría propia.
Tras o tempo adicado ás lecturas, terá lugar un debate literario centrado nas obras expostas.
– Doazón espontánea:
É costume que os asistentes aproveiten a ocasión para se desfaceren de todos aqueles libros que xa non desexan conservar, deste xeito, outras persoas que participen na Ponte Literaria poderán conseguir exemplares que descoñecían e que nunca leran. Trátase, en definitiva, dun intercambio ou doazón espontánea de libros.
– Público implicado:
Se non desexas participar activamente, podes asistir como público; nese caso tamén poderás expor as túas sensacións no coloquio, e por suposto favorecerte da doazón de libros.

Artellan a Ponte Literaria: Manuel Lourenzo, Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Lionel Rexes.
Agradecementos para:
Comunidade de Montes da Laxe
Concellaría de Cultura do Valadouro

Aprender a voar com ás decepadas, por Susana S. Arins

Artigo de Susana Sánchez Arins na Sega:
“O Xoel vive imerso na virtualidade de uma vida entre a escola e o ecrã. Como a de tantas adolescentes. Uma escola alheia e uma consola alheia também. Merlo Branco, um anônimo internáutico, propõe-lhe uma série de reptos por arrancá-lo da abulia em que vive (abulia, mas que é isso, um insulto, um palavrão?). Para resolver os enigmas melrazes, o primeiro deles, o significado do abúlico, o Xoel contará com a ajuda da sua panda, integrada pola Laura, o Daniel, o Fábio e a Eunice.
Marica Campo recolhe a estrutura das Aventuras dos Cinco, de Enyd Blyton, e transforma-a para colocar-nos a rapaziada do século XXI a desvendar mistérios semelhantes àqueles de Georgina e família. O Xoel passa de utilizar o computador e os recursos da rede para esconder-se da realidade e sumir na apatia daquele que o tem tudo, a fazer deles uma ferramenta para sair a descobrir o mundo que o envolta.
O Merlo Branco peteira nele o suficiente para esporear a sua curiosidade e demostrar-lhe que com ela acompanhando, a vida é muito mais interessante.
E lá vam o Xoel e a panda na busca do merlo branco (existem?), atrás da tomba do herói inglês que deixou atrás uma pantasma, do castelo que guarda beijos nas escadas, dos protetores alcolitos (por vezes acontece), ou do Blackbird, esse moto-veleiro que anda a construir o avô don Santiago. A través destas pesquisas, vai-se fortalecendo a amizade entre as crianças e, em especial, o vencelho entre avô e neto. (…)”

Marica Campo: unha non-flor como a hedra, por Olalla Cociña

Artigo de Olalla Cociña na Sega:
“Eu era unha picariña e Marica Campo era mestra en Xove. Viviu ao principio nas Gulpilleiras, ao lado da escola unitaria onde estudara miña mai, na Rigueira, antes de poñerse a restaurar a casa do Torrillón, uns quilómetros máis arriba, nun emprazamento moi semellante ao dun castelo… Polo menos iso era o que se me asemellaba a min. Marica visitábanos adoito na casa de meus avós, e como moradora dese castelo incipiente que o meu propio avó Eusebio restaurara, ela mesma era unha doncela, tan fina, tan elegante e bela… E tiña o cabelo máis rizo que eu vira nunca, cousa que me poñía fachendosa por comparación (aínda que por aquel entón eu aínda andaba alisando no meu!)…
Era, desde logo, unha rara avis por aqueles confíns da Mariña luguesa, unha alfaia de acibeche -alí onde tanto se estilaban as de ouro chapado!- que nos encantaba: daba as clases en galego, facía “cousas de rebeldía, víñalles tan ben en Xove!” Isto dío miña mai, María Lozano, mestra no concello do lado, en Viveiro, quen leu os primeiros textos teatrais escritos por Marica e incluso lle botara un cabo nas revisións do galego. E montou co seu alumnado O Premexentes non pode cos paxaros rebezos (ou memorias dun escribano), a súa segunda peza teatral para público infantil.
Lembro á mestra nas súas visitas á nosa casa da Aguieira e á xente amiga da “comuna” da Ponte do Carro sorrinte e moi chistosa cando falaba, e cun punto de melancolía nos ollos cando calaba. Fume de tabaco polo medio dos rizos e recendente como as flores da lila.
E lembro á escritora sabia e bondadosa cando eu xa era unha adolescente de instituto e me empezaba a gustar a poesía e o xornalismo… Ela descubriume á Pizarnik, á Pallarés! Un día veu á miña casa en Viveiro para un traballo de Lingua: unha entrevista coa poeta Marica Campo. (…)”

Crónica videográfica de O Escritor na súa Terra – Letra E, Nacho Taibo (I)

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXIV edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Nacho Taibo, que foi homenaxeado en Oleiros, terra na que residiu a maior parte da súa vida.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Alejandra Sampedro), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor (neste caso un carballo) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos, referentes ao descubrimento do monólito conmemorativo:

Ángel García Seoane, Alcalde do Concello de Oleiros:

Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

Intervención de Nacho Taibo e descubrimento do monólito e plantación da árbore conmemorativos: