Antonio García Teijeiro: “Este libro é unha homenaxe máis que merecida, e por suposto necesaria, a Rosalía”
Desde
Xerais:
“O programa Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha entrevista ao escritor Antonio García Teijeiro sobre o poemario infantil: Paseniño, Paseniño, ilustrado por Marcos Viso.
A entrevista pode escoitarse nesta ligazón, concretamente nos minutos 03´15 a 14´15.”
Manuel Rei Romeu: “Poucas nacións teñen un referente desta dimensión”
Entrevista
a Manuel Rei Romeu en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Que lle parece a chegada a Galiza da obra A derradeira lección do mestre, de Castelao?
– Manuel Rei Romeu (MR): En primeiro lugar, hai que dicir que este é un logro da ILP aprobada hai tres anos; en segundo, que as autoridades no momento da desembalaxe da obra falan de proxección de futuro, e non de refrescar a memoria aos galegos e galegas.
– SG: Que elementos simbólicos destacaría?
– MR: Estamos diante da imaxe máis impactante da obra de Castelao. Bota man de aspectos potentes: o mestre asasinado, unha figura especial, un mártir por ser leal aos seus principios ideolóxicos, os do Partido Galeguista; dalgún xeito falamos do alter ego de Castelao. Ninguén discute ver nela a imaxe de Bóveda. Destaca tamén a presenza dos nenos, que en Castelao teñen unha simboloxía clara; un chora, outro ampara. A idea é que son a esperanza do porvir e a semente de futuro. Coido, con todo, que o símbolo máis potente son as dúas árbores podadas, mutiladas, mais que non están mortas. Son carballos, con vida e cheos de forza malia seren mutilados.
– SG: Só estará na Galiza até marzo. Que opina?
– MR: Evidentemente, o lenzo tiña que quedar aquí. A Xunta di que hai que respectar a emigración, mais coido que se xestionaron a súa chegada foi con certa molestia porque dalgún xeito se viron forzados pola ILP de 2015. A obra de Castelao está espallada por centos de lugares e o lóxico sería que estivese compilada nun museo. Falamos dun referente dunha dimensión que poucas nacións teñen e a súa obra debería proxectarse da forma que merece.”
Míriam Ferradáns entrevista a Xavier Alcalá
Desde
Galaxia:
“(…) – Miriam Ferradáns (MF): O título da súa útima novela, The Making of, xa advirte o lector de que estamos ante un proceso de descuberta. A tradución deste título sería algo así como “Como se fixo”. Como pensou Xavier Alcalá esta novela? Como fixo vostede o making of de The Making of? Ten algo que ver a estrutura da novela co feito de que no ano 2007 depositara na RAG seis orixinais de novelas onde se pode ver como se vai ensamblando o proceso creativo?
– Xavier Alcalá (XA): O título da novela corresponde a unha vella teima miña, que xa se mostraba en Tertúlia, a novela “escandalosa” que –despois de esgotar axiña unha edición de 3.500 exemplares– non foi replublicada nin polo editor, Sotelo Blanco, nin por ningún outro.
Sempre me perseguiu a idea de que hai un “como se fixo” por tras de cada obra. En The Making of fixen unha reportaxe novelada de como nos chegou ao Cholo Rey (convertido en personaxe) e a min o coñecemento dunha historia incrible, se non fose porque o Cholo conseguiu os expedientes policiais e xudiciais do caso. Levounos moitos anos –coido que quince– madurala.
– MF: Un enxeñeiro de telecomunicacións que viaxa con frecuencia á Arxentina e –dentro dela– á Patagonia recibe o encargo de facer unha investigación sobre un galego emigrado e desaparecido. El será os nosos ollos en boa parte da novela. Por que ese enxeñeiro non ten nome?
– XA: Non fai falta saber como se chama. Ao lector só lle pode causar certa curiosidade que un tipo “non de Letras” teña a teima de escribir. En todo caso, haberá no texto un intento de demostración de que todos somos fabuladores, con independencia da nosa formación (velaí o Xavier Queipo ou a Antía Yáñez). Tamén, se cadra, pódese ver que os “de Ciencias” temos tendencia a investigar con rigor porque a falta de rigor nas nosas profesións se paga moi cara (se non funciona un cabo de fibra óptica non lles chega a Internet aos usuarios e non hai desculpas).
– MF: Vostede describe aquí unha emigración pouco traballada na literatura e no imaxinario colectivo de quen xa non viviu esa emigración de preto. Definiría vostede The Making of como unha novela innovadora? E como unha novela documental?
– XA: Non sei canto pode ter ese texto de innovador porque non son “técnico” da Teoría da Literatura. Ora, a cantidade de documentos que manexei para aterme aos feitos históricos foi moita. E contei con dúas axudas fundamentais: a sagacidade de sabuxo xornalista do Cholo Rey e a memoria dos vellos galegos perdidos “ao sur do mundo”. Non esquezamos que os profesionais da Historia Contemporánea, sobre todo nos eidos do silenciado por medo a tocar en “asuntos sensibles” (coma a presenza dos nazis na Arxentina), se valen da memoria viva das testemuñas dos feitos. (…)”
Xosé Luís Méndez Ferrín: “A loita segue merecendo a pena”
Entrevista
de María Obelleiro a Xosé Luís Méndez Ferrín en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vaiamos ao momento dos primeiros contactos co nacionalismo en Pontevedra, á chegada a Compostela e ao coñecemento de primeira man do proxecto de Piñeiro. En que se concretaba o seu proxecto político?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Eu recibín un shock, que non me matou nin me confundiu nin nada do estilo. Eu tiven unha formación nacionalista, fundada na lectura do Sempre en Galiza e, sobre todo, nun texto que hoxe non se valora, A doutrina nacionalista de Vilar Ponte. Tiña definido o meu esquema nacionalista cunha dúbida pública: por que toda a xeración de Vilar Ponte non era independentista, arredista, como dicían eles. A miña sorpresa foi que ao chegar a Compostela, onde estudei, vin que a doutrina do grupo galeguista oficial era militantemente anti-nacionalista e formalizada por Ramón Lugrís nuns textos que non chegaron a publicarse máis que fragmentariamente no libro de Franco Grande Os anos escuros. Iso momentaneamente fixo que eu aceptase a disciplina do grupo pero que tivese a miña reserva ideolóxica. Eu era nacionalista, como un grupo de mozos como Xohana Torres, Reimundo Patiño… A Bautista [Álvarez] aínda non o coñecía. Foi un malestar que tiven que sufrir durante dous anos que se compensaban co contacto directo con Otero Pedrayo, que era un consolo.
– SG: Alude a Patiño e a Bautista Álvarez. Existía vontade dentro do grupo Brais Pinto, na súa pluralidade ideolóxica, de articular algo que fose alén da acción cultural? Que hai da axenda oculta das reunións con Soto, Seoane ou Patiño?
– XLMF: E Moreda. Sempre estaba esa idea. En realidade nunca nos consideramos un círculo cultural, eramos un círculo político e desde o primeiro momento en que callou de forma espontánea en 1958 o proxecto era facer un partido. Que partido non sabiamos moi ben aínda, porque o Partido Galeguista tampouco era o noso obxectivo. Aí tivo moita importancia, máis que Seoane –que era moi caótico politicamente–, Luís Soto, que estaba fóra e era independentista. O que nós sentiamos ía tomando forma e ligándonos coa historia. Moreda ligábanos coa legalidade republicana do Consello de Galiza, que o proxecto político de Ramón Piñeiro –e cítoo a el porque era o xefe absoluto, era unha ditadura total– negaba, burlándose do vellos que eran. (…)”
Compostela: Palabra de Muller, por Lisístrata Asociación
Lugo: Letra das Festas: Xente daquela maneira!, o 10 de outubro
A
Letra das Festas: Xente daquela maneira! terá lugar o mércores 10 de outubro, ás 18:00 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Avda. Alcalde Anxo López Pérez, 34 –perto da estación de autobuses–). Esta actividade conta co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Centro Cultural Vello Cárcere.
A Letra das Festas. a revista oral do San Froilán xirará neste 2018 arredor de “Xente daquela maneira! historias de fatos, falsarios, estafadores, impostores, carteiristas, malpocados, aluados, traslidos…”
A entrada será de balde.
Contan
Paco Nieto | Enma Alonso | Marcelo Castro | Orestes Currás | Xosé Miranda
A ambientación musical corre a cargo de Tundal.
Coordinan e presentan
Lois Pérez | Antonio Reigosa
O circo aprópiase de Arnoia, Arnoia
Desde
Sermos Galiza (foto: CDG):
“Ese relato de iniciación á vida adulta, épico e alegórico como adoita o seu autor, que se titula Arnoia, Arnoia (1985) será circo. O Centro Dramático Galego, en coprodución coa compañía Pistacatro e baixo a dirección de Quico Cadaval, estrea esta quinta feira 11 de outubro a adaptación da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, subtitulada O circo da casa pequena.
A peripecia de Nmógadah, príncipe segredo das terras de Arnoia, muta nun espectáculo en que as habelencias circenses de Pistacatro axudan a resolver non poucos lances escénicos. “Nmódagah, un adolescente de 16 anos, perde os seus seres queridos naguerra”, resume a nota do CDG, “a partir deste momento, vese só para iniciar un camiño asexado por perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo”.
Malabares e acrobacias, música en directo e danza que linda coa ximnasia, puntúan a lectura de Cadaval sobre o clásico de Ferrín. No escenario, as actrices Ánxela Blanco, Beatriz Rubio, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro e Álvaro Reboredo. A iluminación e a escenografía é de Baltasar Patiño, o vestiario de Carlos Alonso, e a música de Xurxo Pinheiro. Como axudantes de dirección, Marcos Ptt Carballo e Clara Gayo.
A primeira representación de Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena será este 11 de outubro ás 20:30 horas no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Nese escenario, o habitual da compañía pública de teatro, ficará en cartel ate o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábado ás 20:30 horas e os domingos ás 18:00 horas. Tamén haberá pases matinais dirixidos a escolas e institutos.”
Paseniño, paseniño: García Teijeiro volve achegar a infancia ás pegadas poéticas de Rosalía
Entrevista
de Romina Bal a Antonio García Teijeiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Que supón a reedición deste libro [Paseniño, paseniño]?
– Antonio García Teijeiro (AGT): : Foi unha aposta persoal, actualizada por Marcos Viso, e que posúe unha visión actualizada e suxestiva, acompañada por música feita ad hoc e pola voz do poeta. Aínda que o primeiro volume resistiu perfectamente o paso do tempo e aguantou moi ben tamén o traballo exquisito de Xosé Cobas, a proposta de Xerais, ofrece un formato actualizado, moi coidado e editado e, así mesmo, unha lectura distinta.
– Marcos Viso (MV): Por suposto, eu coñecía xa o volume, xa que forma parte deses álbums especiais vangardistas da nosa LIX, editado ao coidado de Irene Penas Murias de Everest Galicia e ilustrado por un referente como é Xosé Cobas. O feito de que Antonio García Teijeiro confiase en min supuxo unha sorpresa e unha responsabilidade, pola aposta do poeta e pola lectura que fixo del Cobas. A miña proposta desde o principio foi a de ofrecer unha visión distinta, desvinculándome e evitando as comparacións. A proposta de Cobas segue a ser sublime.
– P: O libro é unha homenaxe a Rosalía de Castro. Como é esa nova visión, que ofrece o álbum?
– AGT: Paseniño, paseniño é un volume ao que eu lle teño un agarimo especial. Trátase dun camiño cara a Rosalía. Todos os poemas parten dun diálogo con ela, coa súa lírica. O rastro das pegadas que Rosalía de Castro deitou sobre as palabras, sobre a natureza e sobre o amor. Marcos Viso crea un todo dentro de cada ilustración que me parece fantástico, déixase guiar por elementos do texto e fainos moi seus e, a partir de aí, desde as súas ilustracións, poderíase facer incluso outro texto. Non tiven dúbidas en absoluto en que tiña que ilustralo Marcos e tampouco en confiar en Xerais para facelo, xa que esta editorial apostou por un formato de calidade. Un valor engadido desta nova proposta é tamén a música, que flúe canda a voz do poeta e transmite sensacións, acompaña o camiño, é atemporal e sensitiva, e dálle profundidade ao texto e á ilustración.
– MV: Desde o principio tanto Antonio García Teijeiro como a editora Helena Pérez, de Xerais, e eu tiñamos moi claro que a proposta tiña que ser elegante. A presenza da cor, de pouca cor, desa cor salmón nas letras iniciais, das texturas, eses pequenos detalles que poñen os ollos sobre a ilustración son o fío condutor. O traballo de Cobas era moi emocional, de percepción sen elementos figurativos, atmosférico. O meu traballo parte dunha concepción máis concreta da realidade, a partir do texto, das pegadas de Rosalía. Nas miñas ilustracións hai un xogo, un diálogo, un gato que miaña con dúas caras por poñer un exemplo, unha contradición que camiña cara á abstracción, cara ao que sente o lector, aberta á interpretación. No álbum, a presenza das iniciais da propia Rosalía complementan unha proposta cohesionada e que invita á lectura. As letras son un elemento que aglutina.”
Francisco Castro: “A literatura é unha actividade política”
Entrevista
de María Obelleiro a Francisco Castro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Nesta novela [Iridium] fala do dereito a vivir e a soñar das persoas con dano cerebral adquirido e da súa realidade que, xeralmente, non transcende á opinión pública. Con que obxectivo a escribe?
– Francisco Castro (FC): O obxectivo primeiro é escribir un bo libro, iso sempre, é dicir, o primeiro que lle pido, como editor, a calquera que me presenta un libro é que sexa un bo libro e o primeiro que me esixo a min como escritor é facer unha boa novela, independentemente de que despois, ademais, busque cousas. Creo que a literatura é unha actividade política. Non creo quen di que fai literatura como simple entretemento, aínda que a literatura tamén sexa entretemento. Adoptar esa posición de “eu fago literatura e non me comprometo con nada, non trato temas delicados e non me posiciono” é tamén unha maneira de facer política. Falo aquí de política no seu sentido máis grego, polis, cidadanía, e a min interésame moito, con este libro, transmitir a idea de que por riba das etiquetas hai persoas. As persoas con dano cerebral adquirido adoitan ser invisíbeis ou están colectivizadas. Esta é unha novela que fala dunha persoa que se comporta como unha persoa: namora, cabréase, decepciónase, ilusiónase… Fai todo o que fai calquera persoa e resulta que, ademais, ten dano cerebral. Por iso non é gratuíto que eu a converta nunha raíña de Instagram. (…)
– SG: Estamos diante dunha novela que convida a reflexionar.
– FC: Gosto moito de escoitar isto porque é algo que me están formulando lectoras a través das redes sociais. O outro día dicíanme: “Cría que non tiña prexuízos sobre esa cuestión [o dano cerebral adquirido] e teño prexuízos; acabo de detectalos ao ler o teu libro”. Este libro ten moito de fábula, ten unha certa moralexa. Ademais da historia en si, insisto en que quero que a novela atrape, que non poidas parar de ler, quero que cando feches o libro te cuestiones certas cousas que hai na túa cabeza e, ao mellor, non sabías nin que estaban aí. Esta novela quere abordar a sexualidade e o amor na discapacidade que, en xeral, é un tema tabú. (…)”



