Entrevista
a Iolanda Zúñiga en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Como xorde Noites de Safari (Xerais, 2018)?
– Iolanda Zúñiga (IZ): Xorde como vinganza e, por extensión, como terapia. Alá polo ano 2012 coñecín un tipo egocéntrico, irrespectuoso e desorientado en materia amatoria e decidín escribir un relato vomitando as dores psíquicas que me causara ter sucumbido a el. Pero quedárame un texto moi dramático e nada atraente, semellante a un folletín de autoaxuda, mediocre para ser obxecto de consumo de futur@s lector@s. Así que anos despois decidín darlle un xiro, brusco, e tinguín o relato de humor. Intuín entón que esa fórmula si podía funcionar e foi aí cando a historia de Marleen comezou a engordar: engadín outros personaxes masculinos -algúns roubados á realidade e a maioría tirados da ficción- ata completar un libro, que finalmente resultou traxicómico. (…)
– PG: Entre o humor, a sátira e a crítica social máis mordaz tamén atopamos unha reflexión sobre todos o daño que fan as mulleres todos eses comportamentos herdados da estrutura heteropatriarcal…
– IZ: Nós tamén somos portadoras desa construción cultural que é o machismo, por iso temos que comezar identificando esa pegada en nós para poder reaccionar contra el. A baixa autoestima que padecemos, como resultado do heteropatriarcado feroz ,está presente nestes textos, si. O estrañamento ao que nos somete a nosa sociedade, ou o autoflaxelo das propias mulleres ao sentir que non son quen de satisfacer o que esa mesma sociedade lles demanda, segue vixente. Sen ir máis lonxe, o meu entorno trazara para min un decorrer vital que non cumprín. Defraudei en moitos aspectos: laboral, sentimental…, e no relacionado coa procreación. Eu, como Marleen, non elixín os camiños que o capitalismo heteropatriarcal considera adecuados. É esa ollada de conmiseración dos demais a que nos fai sentir fracasadas; en lugar de sentirnos triunfadoras, por irreverentes, por libres. (…)
– PG: Para rematar. Saberemos máis de Marleen MaLone no futuro?
– IZ: Espero que non en plan literario, haha! Talvez debería de reencontrarme con ela, coa persoa que inspirou estes textos, e confesarlle que convertín a súa predación nocturna en materia literaria. Pero non creo que suceda. Ademais, seguro que lle incomoda saber que todo canto recordo dela, despois de tantos anos, sexa a súa arte para a caza; ao cabo, malia ser un asunto que envaidece aos homes, é algo ben irrelevante.”
Emma Pedreira: “Fiz Vergara debería ser tido en conta nas Letras Galegas”
Entrevista
a Emma Pedreira en El Progreso:
“(…) – El Progreso (P): Como é repetir a experiencia de gañar o premio Fiz Vergara Vilariño 13 anos despois?
– Emma Pedreira (EP): De momento ben. Xa só o tema de telo gañado e volver pasar toda esa criba entre 70 obras é un orgullo. Despois, todo o cerimonial e volver a estar entre a xente da Agrupación Cultural Ergueitos vai ser unha cousa fantástica porque xa o coñezo e estou desexando volver a pasalo. (…)
– P: Con que xénero goza máis á hora de escribir?
– EP: Son escritora. Sempre se me relacionou máis ca poesía, pero eu empecei escribindo narrativa. Gústame experimentar coa hibridación entre poesía e narrativa. Se me teño que describir, digo escritora e punto porque tanto me da unha cousa ou a outra.
– P: Despois de tantos anos escribindo, como cre que evolucionou a súa literatura?
– EP: Non sabería dicir. Creo que levo 20 anos publicando, pero toda a vida escribindo. A miña literatura foi evolucionando conforme fun medrando, lendo, coñecendo a persoas, deixándome influenciar por esas persoas, coñecendo mestras e mestres… Penso que todo é un proceso vital, e aínda me queda moito por vivir e moito por evolucionar. A vida é constante aprendizaxe, e hai que mirar con humildade o que veña.
– P: No caso do Fiz Vergara, gaña coa obra Voces ágrafas. A que fai referencia ese título?
– EP: As voces ágrafas implican que non teñen unha escrita, que ninguén se ocupou de darlles un espazo literario. As miñas protagonistas pertencen a un ámbito moi próximo, non vou dicir cal é porque forma parte da sorpresa do libro, pero é moi próximo a todos nós. Podémonos ver dentro do libro e penso que esas persoas non teñen unha equivalencia literaria porque ao mellor son tan do día ao día que por iso seguen ágrafas. (…)”
“O imaxinario do país aúna fotografía e literatura galega actual”
Compostela: presentación de De Quiqui Bar… a Castromil, de Francisco Macías
Escudeiros (Ramirás): presentación de Soneto no alfabeto, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
Ramón Nicolás: “Hai moitos libros aínda por escribir sobre a relación de Galicia e Arxentina”
Casa de Rosalía: Abride a fiestra 2018
Venres
13 de xullo
Quero ver o mar, CARRIL
– 12:00 h. Inaugúrase a exposición ‘Rosalía e o Carril’ (Museo do Ferrocarril).
– 21:30 h. Lectura de poemas, dramatización ‘Quero ver o mar’ e recreación da viaxe en lancha de Rosalía desde a praia á estación (Praia da Covacha).
– 22:30 h. Actuación musical de Najla Shami.
Sábado 14 de xullo
Inchadiña Branca Vela, DE VALGA A PADRÓN
– 15:30 h. Saída de Valga (Praia da Telleira, Vilarello) de dornas, galegóns, botes, bucetas e gamelas.
– 17:30 h. Chegada a Padrón (Espolón).
– 22:00 h. Concerto de Habelas Hainas (Praza de Macías).
Domingo 15 de xullo
Rosalía en Festa, CASA DE ROSALÍA
Con mercado de produtos rosalianos toda a xornada e teatralización de Mónica Caamaño como Rosalía de Castro, acompañada na música por José Luís do Pico Orjais.
– 11:00 h. Coral de Padrón.
– 11:30 h. Visita guiada de Carlos Dacal pola Horta da Matanza.
– 11:30 h. Visita guiada para familias pola Casa-Museo por Mónica Caamaño (como Rosalía) e José Luís do Pico Orjais.
– 12:00 h. Xosé Manuel Beiras comenta a proxección do filme Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951), na que el estivo presente.
– 12:30 h. “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques para cativos (por Larraitz Urruzola).
– 13:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Pepe Barro.
– 13:30 h. Regueifas con Alba María e Xairo d’Herbón.
– 14:00 h. Concerto de Najla Shami.
– 17:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Manuel Lorenzo Baleirón (“Rosalía na súa terra”).
– 18:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Pilar García Negro (“Rosalía rebelde e feminista”).
– 18:30 h. “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques (+6).
– 18:30 h. Mini-concerto de Margarita Viso no piano de Rosalía.
– 19:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Xosé Luís Axeitos “Rosalía documentada”.
– 19:30 h. Entrega da Rosa de Galicia e presentación do Libro Escolar de Poesía.
– 20:00 h. Recital poético con Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical).
– 20:30 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Mercedes Peón: “Rosalía queer”.
– 21:00 h. Concerto de Mercedes Peón.
A Coruña: presentación de Fernando Osorio do Campo. Unha vida sen treguas, de Carlos Caetano Biscaínho
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2018
A
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presenta o programa da súa 34ª edición, cun total de 21 representacións e un reforzo de espectáculos de rúa.
O espectáculo de inauguración será Commedia, un xoguete para Goldoni, estrea absoluta e coprodución entre a MIT e a compañía de Cándido Pazó, para despois xirar por outros festivais de verán e teatros do país. O de clausura será a estrea en Galicia do espectáculo inglés The Table, de Blind Summit, premio do Festival Fringe de Edimburgo e un dos mellores espectáculos do mundo segundo varios medios como The Guardian, Sunday Telegraph ou Chicago Sun Tribune, entre outros galardóns.
A comedia musical, as linguaxes híbridas da escena actual e a diversidade son as liñas mestras que conforman o programa desta 31ª edición da MIT.
A inauguración terá lugar o sábado 14 de xullo ás 21:00 horas, no Patio do Xulgado de Ribadavia (Praza Maior, s/n).
Aquí pode consultarse o programa completo.
Sanxenxo: actos destacados na Feira do Libro 2018 para os 14 e 15 de xullo
O
15 de xullo finaliza a Feira do Libro de Sanxenxo (na Praza dos Barcos), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes dous días:
Sábado 14
– 19:30 h. Contacontos e presentación de O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López, publicado por Xerais.
– 20:00 h. Miguel García Seoane asina Galicia inmaterial, Galicia máxica, na caseta da Libraría Pedreira.
Domingo 15
– 19:30 h. Concerto espectáculo As parábolas de Pakolas, de Paco Cerdeira.



