“A viguesa Isabel Soto foi a gañadora da XVIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución pola obra Fosca de Iginio Ugo Tarchetti, publicada por Hugin e Munin.
Isabel Soto é unha tradutora consolidada cunha longa traxectoria profesional. A obra premiada, Fosca, é a máis importante de Tarchetti, escritor italiano scapigliato. A scapigliatura foi un movemento artístico e literario desenvolvido no norte de Italia sobre todo entre os anos sesenta e oitenta do século XIX. Nos scapigliati aniñaba un espirito de rebeldía contra a cultura tradicional e o bon senso burgués.
O xurado destacou da tradución a fluidez e a solvencia na lingua meta, así como o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da lingua orixinal nun galego que recupera usos propios dunha época literaria anterior; respecto á calidade da tradución, salienta o acerto no transvasamento de estruturas sintácticas intricadas ao galego.
Con este premio, a Fundación Plácido Castro pretende reivindicar a dimensión tradutora do autor galego de quen en 2017 cúmprense 50 anos do seu pasamento, así como alentar un maior recoñecemento social do labor dos tradutores e tradutoras e da súa achega ao sistema cultural e literario galego.
O premio entregarase o vindeiro 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, no Concello de Vilagarcía de Arousa.”
Compostela: presentación de Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o luns 3
O luns 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:30 h. Sinatura de exemplares de Un banco na Gran Vía, polo seu autor, Manuel Vilanova, publicado por Ir Indo, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
– 19:45 h. Presentación de Os fillos do lume, de Pedro Feijoo, publicado por Xerais. Con Ledicia Costas. Ao remate, sinatura.
– 20:00 h. Paco Barreiro asinará Beixos de lingua, publicado por Xerais.
– 20:30 h. Presentación de Terradentro, de Xosé Benito Reza, publicado por Xerais. Con Xosé Luís Méndez Ferrín. Ao remate, sinatura.
Compostela: presentación de Diálogos de mortos. Diálogos mariños, de Luciano de Samósata
Presentacións de O precariado. Unha nova clase social?, de Adrián Sotelo Valencia
Morreu un Mestre da Memoria, morreu Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando
A AELG lamenta fondamente a perda dun dos seus Mestres da Memoria, nomeado en 2015.
A cámara ardente está na sala número 1 do Tanatorio Regueiro, da Fonsagrada. Mañá, sábado 1 de xullo, ás 15.15 sairá cara o cemiterio parroquial de Porteliña (A Fonsagrada). O funeral terá lugar ás 16.00 na igrexa parroquial.
Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando, naceu no lugar do Pando, parroquia de Cuíñas, concello da Fonsagrada (Lugo) un 27 de febreiro de 1932. Foi o máis cativo de dez irmáns, criados nunha casa con moitas necesidades pero tamén alegre e con tradición musical. Seu pai tocaba a frauta traveseira, e un seu irmán era tocador de trompa. Ademais, a casa natal foi lugar de reunión onde se celebraron moitas polavilas.
A primeira memoria que ten da música e dos músicos da Fonsagrada é de cando andaba polos dous anos e medio: foi daquela cando quedou impresionado pola música do Chocolateiro, un gaiteiro dezanove anos maior, que el recorda tocando algunha peza coa súa gaita para amenizar, entre os monllos, os descansos da sega do trigo.
No transcorrer da vida, ademais de músico, foi xastre, comercial de electrodomésticos, carteiro por vinte e cinco anos, activista social, político e cultural, e ata presidente dun club de fútbol. Mestre de músicos, semente e salvagarda -con outros nomes míticos da comarca- da conservación da trompa ata a actualidade.
Emilio do Pando participou na creación e colaborou decisivamente no acrecentamento de fondos do Museo Etnográfico da Fonsagrada, unha institución fundamental na realidade cultural actual daquel concello. Tamén foi dirixente e formador doutro colectivo cultural da Fonsagrada, a Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979, agrupación responsable da profunda tradición que atesoura aquela comarca no referente á música e baile tradicionais.
Emilio do Pando foi gaiteiro e tocador de trompa de formación autodidacta. Tiña facilidade para aprender dos vellos gaiteiros e trompeiros, aos que lembra con admiración e gratitude. Formou varios grupos musicais que amenizaron centos de festas e romaxes por case todo o país. Foi un dos músicos populares galegos que, xunto ao seu paisano e amigo Herminio Villaverde, participaron no disco La Voz Antigua, unha gravación de SONIC, S. A. en 1980. Foi tamén, momentaneamente, foi actor na película Tierra del Fuego, un filme gravado en parte na Fonsagrada, dirixido por Manuel Littin, no que compartiu cartel con Uxía Blanco, Nancho Novo, Ornella Mutti e Jorge Perugorría.
Xa na madurez, recoñecida por fin a súa mestría máis alá da súa terra natal, foi convidado a impartir numerosos obradoiros e a participar en múltiples concertos con grupos de tanto renome como Luar na Lubre ou Milladoiro. Tributáronselle numerosas e moi merecidas homenaxes. Unha das súas alegrías e ilusións é ver como o seu sobriño-neto, Daniel Pando, se convertiu nun digno continuador da tradición dos tocadores de trompa da Fonsagrada e de toda a Terra de Burón.
Emilio do Pando pasou a formar parte do noso arquivo de Mestres da Memoria como exemplo irrepetible de persoa onde conviven memoria, saber e tradición.
Deixounos onte, 29 de xuño de 2017.
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Emilio do Pando no Proxecto Polafías.
Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 1 e domingo 2
O domingo 2 de xullo finaliza a IV Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h.), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 1
– 12:30 h. Presentación de A candidata, de Miguel Sande, publicada por Galaxia.
– 13:00 h. Presentación de 22 segundos, de Eva Mejuto, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Presentación da colección Mulleres Bravas da nosa historia, de Urco Editora, coas súas autoras, Eli Ríos e María Lado, acompañadas pola ilustradora Eva Agra e o editor, David Cortizo.
– 19:45 h. Presentación de O anxo negro, de Manuel Gago, publicado por Xerais.
– 20:30 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, Cé Orquestra Pantasma. Para nenas e nenos entre 0 e 3 anos.
Domingo 2
– 13:00 h. Presentación de As covas do rei Cintolo, edición facsímile das obras de Daniel Cortezón e Suso Peña. Presentan o libro editado por Lar Roberto Rodríguez, Santiago Sanjurjo e Justo García.
– 19:30 h. Presentación de Placebo, de Santiago Jaureguízar, publicado por Xerais.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 1 e domingo 2
O domingo 1 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 1
– 12:00 h. Contacontos e presentación de Gombó e a viaxe á Lagoa, de Ánxela Gracián, con ilustracións de Christian Villamide, por Fervenza.
– 19:00 h. Presentación de Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas. Por Galaxia.
– 19:45 h. Presentación de Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans, publicado por Fervenza.
– 21:15 h. Presentación de Travesía cebola. Diario dunha aprendizaxe, de Eliana Bouzas Collazo, publicado por Fervenza.
Domingo 2
– 12:00 h. Presentación de A Carapuchiña pasa da carapucha vermella e A Princesa e o labrego, de Raquel Castro, por Fervenza. Representación teatral a cargo dun grupo de nenos/as.
María Reimóndez: “Vivimos un momento paradoxal”
Entrevista a María Reimóndez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como avalías o estado actual da cultura galega?
– María Reimóndez (MR): Dende a miña visión concreta creo que vivimos un momento moi paradoxal. Estamos nun estado de efervescencia con grandes creadoras, mediadoras e público pero que cada vez se move nun contexto máis minguante. A base de todo isto é, sen dúbida, a situación da lingua. Ao perder a lingua perdemos tamén a capacidade de buscar os nosos propios referentes e atopamos que a poboación vive cada vez máis descentrada, máis desconectada do lugar onde vive, e cos ollos máis postos na hexemonía. Por exemplificalo moi claramente, en Galicia é máis doado saber que pasa na vida de Isabel Pantoja que coñecer a actividade de calquera colectivo cultural. As barreiras para chegar á cidadanía teñen tamaños moitas veces xigantes. Mais nós, sobre todo as creadoras, estamos moi afeitas a gabear mentres nos tiran pedras.
– SG: Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
– MR: Dado que á cultura non se lle pode pedir que solucione problemas como a presenza da lingua galega no ensino ou en calquera espazo da vida, creo que o único que lle podemos pedir é que se constitúa nun espazo biodiverso, onde a variedade de voces sexa quen de promover unha cidadanía crítica, en particular dende o punto de vista feminista, da ecoloxía e da xustiza social. (…)”