San Sadurniño: recital de poesía en feminino
O sábado 16 de setembro, ás 18:30 horas, no patio interior da Casa do Concello de San Sadurniño (Lugar do Casal nº 16), terá lugar un Recital de poesía en feminino. Ao acto asistirán Xelo Teijido, Mar Beres, Pás Veres e Antón de Guizán, María Xosé Lamas, Xosé Abeledo, Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe, Silvia Pardo e Luz Campello, quen lerán textos poéticos. Tamén participan Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira, e a cantautora Sandra Tenreiro.
Nigrán: Curso de Escritura Creativa, impartido por MN Soutelo
Amoeiro: conferencia de Carlos Pereira, “Tras as pegadas dos Templarios na Galicia”
O
sábado 16 de setembro, a partir das 20:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Amoeiro, Carlos Pereira pronuncia a conferencia “Tras as pegadas dos Templarios na Galicia“.
A Coruña: Escola de Escritoræs: Obradoiro de iniciación á videopoesía, con Celia Parra. Lapis, cámaras… acción! 2017
O
Obradoiro de iniciación á videopoesía Lapis, cámaras… acción!, dirixido por Celia Parra, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG co patrocinio e colaboración do Concello da Coruña.
Inscríbete, gratuitamente, desde o 1 de setembro ás 09:00 ao 14 de setembro, ás 23:59, aquí. As doce prazas dispoñibles asignaranse por orde de solicitude.
O obradoiro, para persoas maiores de 16 anos, desenvolverase os xoves desde o 14 de setembro até o 2 de novembro de 2017, en horario de 18:30 a 20:00 horas, no Centro Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña.
Será impartido por Celia Parra, escritora socia da AELG, licenciada en Comunicación Audiovisual e especialmente interesada na fusión da poesía con outros formatos e linguaxes.
Proponnos un obradoiro de iniciación para achegarse á videopoesía. Traballaremos con textos, pensaremos en imaxe, escoitaremos a música das palabras e levaremos versos á pantalla para crearmos o noso propio videopoema.
Fene: Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Pablo Bouza Suárez: Poesía: a grafía da emoción
O
Obradoiro de creación literaria, con Pablo Bouza Suárez: Poesía: a grafía da emoción é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de Fene-Concellería de Cultura-Biblioteca Pública Municipal Xosé María Pérez Parallé e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Será impartido por Pablo Bouza, e terá unha duración de 10 sesións de 2 horas cada unha (mércores e xoves: 14 setembro; 20 de setembro; 28 de setembro; 5 de outubro; 11 de outubro; 18 de outubro; 26 de outubro; 2 de novembro; 9 de novembro e 16 de novembro). A data de comezo é a do 14 de setembro de 2017.
O lugar é a aula de estudo da Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” de Fene (Avenida de Conces, 20-22). Como chegar.
Haberá 20 prazas, gratuítas, para maiores de 16 anos, que se asignarán por orde de solicitude.
Na sesión do 9 de novembro participará, como autor convidado, Miguel Anxo Fernán-Vello.
Inscricións do 1 ao 12 de setembro na Biblioteca Pública Municipal “Xosé María Pérez Parallé” nos seguintes horarios:
Do 1 ao 8 de setembro (de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 h) Os días 11 e 12 de setembro en horario de 16:00 a 20:30 h.
O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.
OBXECTIVOS:
1. Estimular a sensibilidade poética e fomentar a creatividade literaria no ámbito da poesía.
2. Internarse na riqueza da linguaxe poética e das súas posibilidades expresivas.
3. Achegarse ao texto poético desde unha perspectiva distinta.
4. Traballar a expresión escrita e oral en diversos soportes.
5. Practicar técnicas poéticas.
6. Fomentar o gusto pola lectura poética.
7. Coñecer as características e fomentar o gusto pola literatura galega contemporánea.
8. Fomentar a creatividade do alumnado.
9. Perder o medo a experimentar coa linguaxe.
10. Enfrontarse ao público: recital de poesía.
METODOLOXÍA:
1. Lúdico-descritiva.: explicación, exemplificación, actividades e xogos.
2. Traballo individual e en grupo. Proposta de lecturas e exercicios de escritura en cada sesión.
3. Participación activa das/os compoñentes do grupo sobre as propostas dadas no obradoiro.
4.- Compartir cos/as outros/as as nosas inquedanzas literarias, para ver, en e cos/as outros/as, a nosa diferenza.
PROGRAMACIÓN E DESENVOLVEMENTO DO OBRADOIRO
1.- Que é a poesía? Para que serve a poesía? Autopoéticas.
Definicións clásicas de poesía. Autopoéticas de diferentes autores/as. Reflexionamos sobre o que significa para cada autor/a a poesía e faremos unha tentativa de autopoética por parte de cada alumno/a.
2.- Versos, rimas e estrofas. Medimos versos. Xogamos coas rimas e medidas. A poesía sen rima.
3.- Recursos literarios en poesía: recursos fonéticos e semánticos. A importancia poética das reiteracións (aliteracións, anáforas, textos monovocálicos, tautogramas, enumeracións…).
Traballamos sobre o poema “Medo”, de Raymond Carver.
4.- Xogamos e investigamos coa linguaxe: poemas roubados, poemas incompletos, poema completo, poema do eco, poemas narrados, poemas dialogados, poema Dadaísta, poema sobresdrúxulo, poema hipotético, poemas tolos, caligramas, poema do sol, poema vello/poema novo, centón, acrósticos, jitanjáforas, lipogramas e palíndromos.
5- Outras estruturas poéticas: poemas cunha única vogal, versos con monosílabos, acrósticos, rachamos palabras e creamos poemas… O contido poético das palabras. A brevidade intensa dos haikus.
6- Poemas que cambian as vidas. As miñas lecturas poéticas. Falamos e lemos sobre os nosos autores preferidos. Compartimos versos. Fontes literarias. A importancia da lectura poética.
7.- A lectura de poemas. Xogar coa lectura de poemas. Vocalizar, entoar, comunicar…
8.- Algunhas referencias sobre a poesía galega contemporánea e actual. Autor/a invitado/a.
9.- O estilo propio. A publicación da intimidade. Escribo o meu poema.
Lectura ou recital final.
*Esta programación poderá sufrir algún cambios e adaptarase ás esixencias e interese do grupo.
Primará o traballo de escrita e pretendo ser un mediador que ilusione aos alumnos. Contaxiar o pracer da poesía. Vivir a poesía e o proceso creativo coma unha festa da palabra.
Paseos Literarios por Compostela
Os
Paseos Literarios por Compostela son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
Ciclo de percorridos literarios por Compostela, que procuran outra ollada á historia e xeografía da cidade.
A participación é gratuíta, e limitada a 50 prazas.
A inscrición debe facerse neste correo: comunicacion@auditoriodegalicia.org
O prazo para a inscrición finaliza o día anterior a cada un dos percorridos.
Todos os percorridos comezarán ás 18:00 h.
Xoves, 14 de setembro.
Itinerario compostelán de Isaac Díaz Pardo, con Esperanza Mariño Davila.
Punto de Partida: Casa natal da Tumbona (Rúa das Hortas).
Xoves, 21 de setembro.
Compostela en Nordeste, con Daniel Asorey.
Punto de partida: Cruz de San Pedro.
Xoves, 28 de setembro.
Os elefantes en Compostela, con Antón Riveiro Coello.
Punto de partida: Carballeira de San Lourenzo.
Xoves, 5 de outubro.
Compostela en Crear o mar en Compostela, con Marta Dacosta.
Punto de partida: Praza de Mazarelos, ante a antiga Facultade de Filoloxía.










