Desde
A Sega:
“”O que non se di é coma se non existise, dixéralle o avó un día, e xa ían sendo horas de existir. Álex, ata o de agora, só vivira de portas para dentro” (p. 9). Estas primeiras liñas coas que comeza a novela de Eva Mejuto xa nos sitúan nunha temática de “portas para dentro”. Esa que non só resultaba invisible para as personaxes do relato senón tamén para a sociedade.
“22 segundos relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe_sen poñerlle etiquetas- que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer.” (contraportada). A escolla desa primeira persoa é un acerto por parte da autora porque nos aproxima a unha realidade continuamente ignorada. Si, é certo, que todas as persoas escoitamos falar de homes e mulleres trans, pero comprendemos o que significa? comprendemos os atrancos que as leis supoñen nun país no que nos manifestamos pola liberdade sexual de cada quen? comprendemos, e pregunto con sinceridade, o que supón o día a día nun mundo completamente inzado de prexuízos? Pois esa primeira persoa, Alex, cóntanos o cotiá, os problemas no diario, pero non só. Eva Mejuto opta por facer unha narración positiva, desde o respecto e cun amor infindo. Un amor infindo na familia ( nesa figura do avó que nos emociona páxina tras páxina), na parella ou no mesmo Alex no seu proceso de autocoñecemento e transición. Esta elección non é secundaria. Todo o contrario. Dignificar o contexto ou os procesos crea unha serie de referentes no que as persoas adolescentes que lean esta obra poden encontrar un espello no que mirarse. E son referentes positivos porque, para poder cambiar as cousas, é necesario construír. Pouco a pouco, pero construír. (…)”
Susana Villamor e Cruz Martínez, gañadora e finalista do V Concurso de micro-relatos OZOCOgz
Desde
Sermos Galiza:
“OZOCOgz entregou en Pazos de Arenteiro (Borobás) os premios do seu concurso literario de micro-relatos, que este ano facía a súa quinta edición. A gañadora do primeiro premio foi Susana Villamor, unha viguesa residente en Moaña (Morrazo) desde hai 26 anos e que xa sabe o que é gañar un concurso de micro-relatos: o da Lonxa Literaria de Moaña. Recibiu un diploma, un vale para a estancia dunha noite na casa de turismo rural Aldea Pazos de Arenteiro, unha camisola OZOCOgz, un lote de libros obsequio da deputación ourensá e un agasallo da asociación de diminuídos psíquicos Aaspadisi do Carballiño.
Cruz Martínez foi finalista e recibiu diploma, unha camisola OZOCOgz, lote de libros obsequio da Deputación de Ourense e agasallo da xente de Aspasidi. Nada en Armenteira (Meis) é colaboradora habitual de Sermos Galiza e Praza Pública. Gañou diferentes premios literarios, entre eles o XXII e o XXVI Certame Rosalía de Castro de poesía.
Antes da entrega de premios houbo un pequeno recital de música e poesía no que interviron Rochi Nóvoa, Quico Valeiras, Alexandre Cabanelas, Dani Soldevilla e Puntxa Rivers.”
A Coruña: entrega de premios da VII edición de Inspiraciencia
Inspiraciencia é un concurso de relatos de inspiración científica. É unha iniciativa que relaciona ciencia e escritura dun xeito lúdico, e que pretende ser un espazo aberto onde pensar e imaxinar a ciencia desde a ficción. O seu obxectivo é fomentar a creación literaria como forma libre e persoal de achegamento ao pensamento científico e de explorar realidades antes non imaxinadas.
A AELG colabora ofertando prazas ás persoas gañadoras nos obradoiros da súa Escola de Escritores/as.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 30
O
venres 30 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Concerto-presentación de Mel, unha mosca agradecida, de Miguel Ángel Alonso, ilustrado por Luz Beloso, publicado por Nova Galicia Edicións. Participan Miguel Alonso, Servando Barreiro, Malvares de Moscoso e Maese Pedrido.
– 19:00 h. Miguel Alonso presenta O caso Quintana, publicado por Belagua.
– 19:45 h. Raquel Castro presenta Bestiario doméstico, publicado por Galaxia. No acto estará acompañada por Francisco Castro.
– 20:00 h. José Julio Fernández Rodríguez asina exemplares de Clara e o rapto do solpor, na caseta da Libraría Pedreira.
– 21:15 h. Presentación de Meu avó, rei das pequenas cousas, de João Manuel Ribeiro, publicado por Hércules. Participa Ánxela Gracián.
Gondomar: faladoiro con Xosé María Álvarez Cáccamo arredor de As artes da vida de Ánxel Huete
O
venres 30 de xuño, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rosalía de Castro, 13), en Gondomar, terá lugar un faladoiro con Xosé María Álvarez Cáccamo arredor de As artes da vida de Ánxel Huete, publicado por Laiovento.
Entrevista a Elena Gallego Abad sobre O xogo de Babel
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Elena Gallego Abad sobre O xogo de Babel, publicado por Xerais. Pode accederse aquí.”
Ribadeo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 30
O
venres 30 de xuño comeza a IV Feira do Libro de Ribadeo (no Parque de San Francisco, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h.), organizada polo Concello de Ribadeo, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Presentación do libro Aldeas sen voz, publicado por Canela.
– 20:00 h. Inauguración a cargo do concelleiro de cultura, Farruco Graña. Pregón da Feira, a cargo de Eduardo Gutiérrez, cronista oficial de Riadeo.
– 20:30 h. Humor e narración oral a cargo de Lois Pérez, con “Sacar a lingua a p(r)acer”.
Eva Mejuto: “Aínda quedan moitas cousas das que falar”
Entrevista
a Eva Mejuto no Diario de Pontevedra (foto da Festa dos Libros 2017):
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A súa primeira novela [22 segundos] é tamén a primeira que se achega á temática trans dun xeito directo na literatura galega.
– Eva Mejuto (EM): É curioso, pero a temática da transexualidade sempre foi tratada dende unha perspectiva un tanto escura, dende a marxinalidade, ligándoa á prostitución, por exemplo. Pero eu quedei impactada despois de ver un documental en Televisión Española que se chama El sexo sentido, no que se fala de nenos trans e de como viven a súa condición dende que son moi pequenos. Decateime do enorme descoñecemento que temos desa realidade. Recoñecer a súa loita e o seu sufrimento conmoveume moito. Quixen contalo, quixen axudar a concienciar sobre esta realidade. Entre outras cousas, nese documental dábanse datos brutais, como que case o 70% destes nenos sofren bullying ou que os intentos de suicidio nese colectivo superan o 40%, cando na poboación xeral son dun 1%. Hai moita ignorancia sobre este tema e falta empatía. Non somos quen de poñernos na pel do outro. Eu creo que a literatura serve para moitas cousas, para entreterse, para desenvolver a imaxinación e a creatividade, pero tamén serve para axudarnos a entender a vida, para axudarnos a ter unha ollada crítica e aberta sobre o mundo. (…)
– DP: A súa novela demostra que hai moitos temas aínda por tocar na literatura galega?
– EM: Non sei se faltan tantos temas por tocar, que tamén, como olladas. Hai moitas olladas que fai falta ir incorporando. Poñamos por caso a feminista. Non é que non haxa mulleres na literatura galega, hainas, pero, como noutras literaturas, é imprescindible que o que se incorpore sexa a ollada feminista. Hai que propoñer novas formas de ollar, novas perspectivas. Pero si, é necesario falar de moitas cousas, porque aínda non se tocaron ou porque se tocaron moi por enriba.”
Falece Alfonso Zulueta, integridade e compromiso galeguista
Desde
Galaxia:
“Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-Vigo, 2017) faleceu na tarde do 27 de xuño despois dunha vida de entrega xenerosa. Notario de profesión e galeguista de corazón, un home que durante a súa longa vida militou na defensa da lingua e da cultura galegas. Asumiu responsabilidades nas editoriais Sept e Galaxia, desta última foi vicepresidente. As súas actividades públicas tamén abrangueron a presidencia do Consello da Cultura (2002-2006) e a da Fundación Penzol ata decembro de 2016 cando pasou a ser presidente de honra.
Participou na política activa dentro do Partido Galeguista e na fundación do Partido Galego Socialdemócrata, foi o primeiro presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e, quizais, do que se sentía máis orgulloso era de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego. (…)”

