Santiago: Romaría Formativa de Compostela Literaria, obradoiro sobre redes sociais e comunicación online

Para a inscrición é preciso depositar unha fianza de 10€ antes do 5 de abril, na sede social de Compostela Literaria (rúa Gómez Ulla nº 4, baixo, Santiago de Compostela).
É posible preinscribirse no email compostelaliteraria@gmail.com, mais a matrícula non será formal até a formalización mediante a fianza.

María Alonso: “A emigración é unha revolta en si, e a persoa emigrante, un suxeito político”

Entrevista de Montse Dopico a María Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): As persoas transmigrantes sodes, aseguras no inicio do libro [Transmigrantes. Fillas da precariedade], un colectivo “silenciado”. En que sentido?
– María Alonso (MA): Hai unha importante presenza nos medios de comunicación de historias de éxito de galegas e galegos no estranxeiro, mesmo a través de programas de televisión que idealizan dun xeito case obsceno este fenómeno. A emigración do final feliz si está documentada, mais hai outra que non o está. Con esta versión edulcorada da nova emigración galega parécese querer suxerir que a xente emigra porque quere, non porque non ten outra opción, e que o éxito está a esperar por nós no estranxeiro. Pero hai unha cara B que non se ve reflectida en moitas ocasións: as historias de fracaso daquelas persoas que aspiraban a ter unha vida mellor e que atopan no estranxeiro a mesma precariedade que pensaron que estaban deixando atrás.
Para min a transmigración é equivalente a precariedade, e desta precariedade poucas veces se fala. A cara menos amable da nova realidade migratoria, que é a migración das que teñen que firmar tres contratos zero-hour como limpadoras para poder chegar a fin de mes e, como iso non abonda, deciden probar sorte nalgún outro país e buscan outros tantos minijobs para tirar para adiante, e finalmente, mesmo pode que decidan deixalo e regresar á casa. A necesidade de recoller esta cara B foi o motivo que me levou a escribir o libro. En realidade, o que fago é intentar comprender o mundo que me rodea, mais tamén o concibo como contradiscurso a esta visión idealizada da nova emigración galega.
– P: En que se diferencia o actual do emigrante galego da xeración dos nosos pais e dos nosos avós?
– MA: Os condicionantes históricos son obviamente diferentes. Ademais, agora todas e todos temos un coñecemento moito máis global do mundo, o que facilita a toma da decisión de emigrar. Os medios de transporte tamén melloraron as condicións nas que unha viaxa, mesmo as novas tecnoloxías permítennos estar ‘aquí’ e ‘alí’ á vez e axudan a paliar a saudade. Estas diferenzas son indiscutíbeis, pero tamén hai unha serie de paralelismos.
A nova emigración galega, coma a do século pasado, caracterízase pola alta cualificación das e dos emigrados. A xeración das nosas nais e avoas pode que non tivesen títulos académicos, ou doutoramentos, pero os datos e estatísticas indican que tiñan un nivel de profesionalización moito maior do que eu pensaba, o que axudou a que se integrasen no tecido laboral dos países de acollida. É preciso afastarse do tópico da e do emigrante galego analfabeto do século pasado que tanto complexo de inferioridade ten creado.
En Terra de adeuses, que é o segundo capítulo do libro, ofrezo unha contextualización histórica á nova diáspora galega tendo en conta os movementos do pasado. Falo dos factores pull e push que motivan a toma de decisión de emigrar, e trato a segunda década dos noventa, caracterizada polo boom inmobiliario e que favoreceu a chegada de inmigrantes a Galiza, convertendo ao país no que define como un diaspora space.
No caso galego, este espazo de diáspora viuse condicionado non soamente pola chegada de comunidades latinoamericanas, africanas e de Europa do leste, entre outras, senón tamén pola presenza de retornados e retornadas, é dicir galegas e galegos de primeira ou segunda xeración no estranxeiro que aproveitaron aquela época de conxuntura económica para regresar ao país. A nova emigración galega afecta a todos estes colectivos, tanto ás galegas e galegos que nacemos en Galiza, como á xente que chegou durante os anos de bonanza económica, como ás retornadas e retornados que agora están a facer novamente as maletas. (…)”

Bases do XXII Certame Literario de Piñor de narracións breves

BASES

“A Asociación Música e Cultura de Galicia convoca o XXII Certame Literario de Piñor na especialidade de narracións breves.
1.- Premiaranse os tres mellores relatos, con 150 € para o primeiro clasificado, 125 para o segundo e 100 para o terceiro. Entregaráselle ademais a cada un deles un diploma acreditativo do seu galardón e un obsequio conmemorativo.
Un premio poderá ser declarado deserto cando o xurado así o determine e sempre por causa fundamentada.
Para recibiren os seus galardóns os gañadores deberán comparecer obrigatoriamente no acto de entrega de premios, perdendo ese dereito no caso contrario.
2.- Os relatos, de temática libre, deberán ser orixinais, inéditos, en galego e non poderán estar xa premiados noutros certames. A súa extensión non excederá de 10 folios, por unha soa cara e con interliñado de duplo espazo. Ademais deberán presentarse mecanografados e encabezados por un lema ou pseudónimo.
3.- Os traballos enviaranse por correo ordinario á sede social da Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia (Rúa do Pito, 1. CP 32930. San Lourenzo de Piñor. Ourense), indicando no sobre: PARA O XXII CERTAME LITERARIO DE PIÑOR. Xunto cos traballos, os participantes deberán envia-los seus datos nun sobre no que aparecerá pola súa parte externa, o lema ou pseudónimo, así como a categoría na que participan. Dentro del, figurará o nome e apelidos do autor, idade, enderezo, correo electrónico e número de teléfono. Os traballos tamén poderán ser enviados mediante un correo electrónico a justocalvio@yahoo.es con dous arquivos Word, contendo o primeiro deles, denominado “relato”, a obra a concurso; e o segundo, denominado “plica”, os datos persoais que se esixen do autor.
4.- O prazo de admisión pecharase o venres, 12 de maio de 2017.
5.- O fallo do xurado será inapelable e a entrega dos premios terá lugar o sábado, 20 de maio do 2017, pola tarde, na cidade de Ourense.
6.- Os relatos premiados serán editados na web da asociación Música e Cultura de Galicia, reservándose tamén os organizadores o dereito de publicalos en libros e outros medios de difusión. Os gañadores deberán enviar por correo electrónico os seus traballos á organización do certame, antes da entrega de premios. Destruiranse tódalas narracións presentadas ao certame, polo que non serán devoltas aos seus autores.
7.- A interpretación destas bases corresponderá exclusivamente ao xurado e o feito de presentaren as súas obras supón a conformidade dos participantes coas presentes bases.

Ourense, 1 de marzo de 2017″

Entrevista a Siro López sobre Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo

Entrevista a Siro López en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que o «Quixote» representa o humorismo?
– Siro López (SL): É un personaxe ridículo, un tolo que fai tolerías. E os tolos, aínda que nos inspiren piedade, pola súas tolerías son personaxes cómicos. Se hai un personaxe cómico é don Quixote. Pero no momento no que deixa de falar de cabaleirías, cando se pon a falar doutras cousas, é un personaxe completamente sisado, é unha persoa boísima, culta, progresista. É un personaxe tan excepcional que nos crea mala conciencia da risa cando fai tolerías. Chegamos a solidarizarnos, a identificarnos con don Quixote, todos somos un pouquiño don Quixote.
– LVG: ¿Iso é o humorismo?
– SL: Ese é o humorismo. É que o lector chegue a identificarse con este personaxe que é cómico nun determinado momento pero é sublime noutro. Non podemos deixar de rir porque é un tolo, pero non podemos deixar de admiralo porque cando non fai tolerías é a persoa máis cabal, máis intelixente, máis boa, máis nobre e máis xenerosa que coñecemos. Ese é o primeiro personaxe humorista da literatura universal, antes non había ningún. Despois serve de modelo para moitos máis: Charlot é un quixote, un ser desvalido, inocente, un don quixote moderno. E moitísimos máis personaxes da literatura, do cine, do teatro, seguiron despois o modelo de don Quixote. (…)”