Artigo de Manuel Bragado en Brétemas:
“Viaxamos á Coruña para participar na Libraría Lume na presentación d’ Os tres de nunca, a novela monumental de Nacho Taibo. Foi o escritor Xosé Manuel Martínez Oca, compañeiro de xeración e amigo do autor, quen lembrou como o trato con Taibo lle abrira a posibilidade de ler novos autores e lle modificara as ideas sobre a narrativa. Xaora, Oca centrouse na deriva política dun dos protagonistas d’ Os tres de nunca, Bocoi, unha evolución que considerou moi ben levada.
Nacho Taibo comezou recordando que coñecera a Oca hai corenta anos, «coincidindo coa apertura da propia librería Lume». Logo explicou a orixe desta «novela tocho»: «había moitos anos que quería empezar este proxecto que empecei en febreiro de 2010, cando por diversas razóns non tiña acceso a editores; pensei en continuar a fórmula que utilizara en Homes de ningures, unha novela tamén relacionada con Castelao coma esta, con dous personaxes en contrapunto». «Desbotei o enfoque de narrativa condutista daqueloutra de hai corenta anos e ideei para esta tres personaxes, Paracón, Milorde e Bocoi, que fosen acompañados por moitísimas outras persoas que saísen e entrasen nunha narración de estrutura fragmentaria cuxa trama estivese centrada na Segunda Guerra Mundial en Galicia». «A estrutura foime iluminada por Crash, unha película de 2004, que ten moitos personaxes que se van entrelazando, uns cen, que se explican no apartado “Elenco” do remate da novela». «Tardei un ano en escribir a primeira versión».
Caracterizou despois Taibo os tres protagonistas: «Patacón é anarquista, ligón, agarrado, combatente a prol da república, mais a hora da verdade é un covarde, non é un heroe». «Milorde é un fidalgo, sabe idiomas, detesta o fascismo, renega da sua clase, inconstante, consumidor de morfina». «Bocoi está inspirado en Pedriño d’ Os dous de sempre, gordecho, oficinista, ten tres intereses na vida: comer, comer e comer, pasará de galeguista a franquista». «Os personaxes amigan na Coruña durante os anos da República e durante a Segunda Guerra Mundial se separan até convertese case en irrecoñecibles. O Patacón será un exiliado intentando incorporrase no exército alidado, O Milorde traballa en Londres no servizo secreto británico e O Bocoi é un policía franquista dirixindo un campo de concentración».
Taibo explicou que a novela está organizada en moitos capítulos breves, «algúns teñen sentido por si mesmos». «Hai máis de cen personaxes que entran e saen da novela, algúns non son mera coicidencia, son reais, recrean persoas que existiron. Entre eles un personaxe da miña predilección é Tristán Trebón, un oficial do exército español que virará tolo polo respecto as súas vítimas. Tamén hai personaxes que poden ser identificables como algúns da película Casablanca ou cos cómics de Tintín, aos que quixen homenaxear«.
Abordou Nacho Taibo a aparición dos trasnos, a compoñente do marabilloso na novela: «Eu creo nos trasnos, vinos, confúndense contra o fondo». «Utilicei un procedemento de sacramentación, concedinlle a cada un dos tres de nunca unha característica do marabilloso: O Milorde pode aumentar ou diminuír de tamaño; O Patacón pode entender todos os idiomas, menos o alemán; e O Bocoi pode ler o pensamento de todas as persoas se as mira de fronte e son da Coruña. A introdución do marabilloso é unha razón de moito peso pola que Os tres de nunca non poderá ser chamada unha novela histórica».
Rematou Taibo referíndose ao carácter de novela coruñesa d ‘Os tres de nunca: «Podo confesarme como unha persoa desleigada, nacín en Madrid e vivín alí até os 27 anos, mais nunca me sentín de Madrid, viña á Coruña aos longuísimos veraneos, vivía na casa de Juana de Vega, na rúa Real, onde se pariu o Álbum da Caridade, aquí non tiña amigos, máis quería ser de aquí. Os tres de nunca é a miña novela coruñesa».”
“O cuarto de María Canosa”
Artigo de María Canosa para A Sega:
“Non subín aínda as persianas. Intúo que fóra vai frío e tamén hai luz, mais eu mantéñome nesta sorte de burbulla illada, ás escuras, en silencio. É cedo. Pero hoxe quero escribir. Un texto. Este texto. Este pequeno texto. Por iso me erguín cando o frío nos pés ameazaba con agasallarme unha catarreira máis. Deixei a cativa na cama, na miña cama, tapada. Durmida nunha placidez admirable. Pasou unha mala noite, eu unha peor.
Non me mirei sequera no espello, vin directamente aquí, á mesa da sala, que habilitei como lugar de escrita esta tempada. Porque xa non teño ese lugar, o lugar, e, ás veces, tampouco teño escrita. Ou si. Non material, pero… as historias, as palabras andan sempre aboiando en min, no meu interior.
Eu fun, ou son, unha muller viaxeira, nai, pluriempregada, parada de longa duración, traballadora por conta propia e allea. Ao longo da vida pasei por diferentes etapas, diferentes lugares, diferentes espazos. O único que permaneceu foi a teima de observar, cazar historias, inventalas, soñalas… Podo imaxinarlle unha vida a calquera persoa que cruce pola rúa e esa é a miña escrita, construír ese mundo especial e excepcional para esa persoa que se volveu personaxe. Claro que, ás veces, non chega a materializarse nunha presada de letras escritas. Porque… Onde escribo? Cando? Como?
Escribo en cadernos, tamén no ordenador. Prefiro, sen dúbida, a escrita a man. Pero… por que? Quizais porque os podo levar no bolso, no coche, no peto do abrigo… e, se saco cinco minutos, é sinxelo facer anotacións nunha cafetaría, no banco do parque, apoiada no cadro de mando do coche. Ás veces séntome a esta mesa, tamén na que teño arriba, no meu cuarto propio, onde o frío de inverno non me axuda a estar, ou na grande que hai abaixo… Teño un cuarto de meu aquí, na casa paterna, onde vivo agora. Mais no que é a nosa casa, vai ser complicado atopar espazo. Cando vivimos en Ourense, non o tiña, e mais escribín igualmente.
Ás veces pregúntome por que esa teima de seguir dándolle ao lapis. Escribir é unha opción moi solitaria. Non o feito da escrita en si, que tamén, eu refírome á soidade da profesión. Para comezar, porque moi poucos o entenden como tal. Escribir, desde fóra, parece unha distracción, un divertimento. Desde o meu interior, un acto de fe, de compromiso, de amor. (…)”
Castroverde: Sacar a lingua a p(r)acer, narración oral e humor a cargo de Lois Pérez
Últimos días para presentar orixinais ao Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
“O Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, que xa contaba cun acordo de colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega a un acordo equivalente coa Asociación Galega da Crítica (AGC) para incluír de maneira estable un membro no xurado.
O Certame de Arteixo, que pechará a recollida de orixinais da 26ª edición a finais de febreiro, contará cun novo acordo de colaboración para seguir traballando na liña da pluralidade e o rigor que o caracteriza desde o seu nacemento. Segundo argumenta o seu coordinador literario, o escritor Alfredo Ferreiro: “O Certame Manuel Murguía hai moito que está consolidado grazas a que se alicerza en premisas estrictamente literarias como a competencia dos xurados e a tolerancia gráfica, así como na esixente profesionalidade do equipo técnico que o sostén. Pola miña parte, só caben modestas contribucións como esta pretensión de vencellalo máis a un sistema literario que loita por consolidarse e atopar os apoios que necesita. Felizmente, o Concello de Arteixo continúa apostando por manter o apoio á cultura e mesmo demostra interese por novos proxectos”.
O Certame de Narracións Breves Manuel Murguía conta con tres premios (4000 €, 500 € e 300 €) para orixinais de entre 15 e 30 páxinas enviados até o 28 de febreiro conforme as Bases. Entre os seus gañadores constan xa moitas das grandes figuras da literatura actual.»
A Coruña: recital poético-musical Poesia Multiforme
Lérez, Pontevedra: conferencia de Calros Solla: “Amuletos, talismáns e pedras de fartura”
Rianxo: presentación de Un cesto de mazás, de Montse Fajardo
Pontevedra: encontro con Emma Pedreira arredor de Corazón e demais tripas
O venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Paz (Rúa Peregrina, 29), en Pontevedra, terá lugar un encontro coa escritora e poeta Emma Pedreira arredor do libro Corazón e demais tripas, Premio Literatura Erótica 2016 Narrativas Quentes de Edicións Positivas. A autora conversará con Míriam Ferradáns desta obra de relatos curtos onde a temática sexual vertebra todo a través dunha lingua cercana e chea de humor.
María Solar, xornalista e escritora, autora de Os nenos da varíola
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“María Solar presenta o seu último libro Os nenos da varíola, baseado na historia real dos 22 nenos que saíron de Galicia na expedición do doutor Balmis, que levou a vacina da enfermidade a América a comezos do século XIX. Pode accederse á entrevista aquí.”
#RosalíaTe: Día de Rosalía de Castro 2017
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.
Pode descargar aquí o cartel base do Día de Rosalía de Castro 2017, en formatos pdf e jpg.
Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.
Actos promovidos pola AELG
Alén do acto central, que terá lugar ás 12:00 do domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG en colaboración coa súa base asociativa está organizando por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.
En todos estes actos lerase o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborará a escritora Ledicia Costas.
Actos organizados por outras entidades (actualización diaria) Sigue lendo