Feira do Libro de Santiago: actividades do luns 30 de abril

O luns 30 de abril continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa para este día:

– 20:00 h. Presentación de A incríbel viaxe de Noa, de Fernando Cimadevila, obra publicada por Contos Estraños.

II Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“A Fundación Celso Emilio Ferreiro (FUNCEF) entende que a expresión musical cumpre unha función clave no fomento e difusión da expresión poética en xeral e, nomeadamente, na divulgación do legado poético de Celso Emilio Ferreiro. A obra do poeta foi reiteradamente musicada nunha múltiple variedade de estilos ao longo dos últimos cincuenta anos.
Por iso, convoca con carácter bianual o Premio Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados, co obxectivo de premiar a mellor canción con música orixinal e textos dun poema de Celso Emilio Ferreiro.
O creador ou creadora da composición gañadora recibirá un premio de 3.000 euros e unha peza de bronce coas ferramentas propias do apelido Ferreiro, obra da artista Alicia Ribas. Por outro lado o prazo de recepción das obras estará aberto ata o 1 de novembo de 2018 e o anuncio do veredicto do xurado darase a coñecer o día 4 de xaneiro de 2019 con motivo do aniversario do nacemento do poeta.
Pódese obter máis información premendo aquí.”