Tabela dos libros. Xaneiro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Cos primeiros do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Xosé Manuel Sánchez Rei: “Moitos avós e moitas avoas son ‘reintegratas’ e non o saben”

Entrevista de María Obelleiro a Xosé Manuel Sánchez Rei en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): É posíbel unha restauración social cando o que se pretende restaurar está fortemente erosionado polo español?
– Xosé Manuel Sänchez Rei (XMSR): Eu penso que o único camiño para avanzarmos na normalización asenta nunha restauración seria e destonada, na medida do posíbel, de influencias do español gratuítas e desnecesarias.
– SG: Unha restauración que pasa por?
– XMSR: Suprimirmos todo aquilo foráneo e potenciarmos o que é máis noso. Humildemente, considero que eses modelos híbridos que se escoitan na televisión ou na radio, en programas con persoas que comen do galego e que propositadamente o destrúen, non constitúen avanzos para normalizarmos a lingua nin para a dignificarmos. A xente non pode verse reflectida nese galego barbarizado, híbrido, vulgarizado, e quizais sexa certo que non se vexa noutro máis culto, mais con aquel, con total seguranza, tampouco se identifica. En confronto, tamén acontece que en ocasións cando alguén di “Cómpre irmos traballar” unha persoa pode comentar “Así dicía o meu pai antes”; agora é moito máis común “Hai que ir traballar”. Lembro que na Fonsagrada, hai uns anos, unha moza de 90 anos, cando escoitou falar dun prato nun encontro familiar, ponderou sen dubidar: “Ai, así se falaba antes”.
– SG: Dentro do debate sobre a preferencia na escolla de estruturas morfosintácticas e repertorios lexicais debemos decantarnos polas construcións máis xenuínas e diferenciais, aínda sendo de escaso uso, ou polo máis común nos hábitos orais e escritos dos nosos días?
– XMSR: É un debate que ten suscitado certa controversia. O que se considera máis culto ou máis confluente coas outras variedades do noso sistema lingüístico pode estar presente en modalidades de diversa procedencia (locais, contextuais etc.). En ocasións, acontece que ao aprofundarmos na fala de xente de idade aparecen construcións máis xenuínas, documentadas no ámbito galego-portugués xa desde hai centos de anos.
– SG: Para termos unha lingua de calidade debemos acudir a esta tradición galego-portuguesa?
– XMSR: Sen dúbida, e non só a ela, mais tamén á nosa literatura contemporánea, ao portugués actual, ao falar das persoas de idade, etc. Hai xente que é lusista e non o sabe, moitos avós e moitas avoas son “reintegratas” e non o saben [ri].”

“Entre distopías e ucronías”

Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“A expectación xerada pola aparición de Blade Runner 2049, a secuela da mítica película de Ridley Scott protagonizada por Harrison Ford en 1982, confirma que as distopías e ucronías son fórmulas narrativas de todo tempo, tamén do noso, e que este modelo literario convive e se retroalimenta coa súa plasmación cinematográfica e, en non poucas ocasións, a súa adaptación ao mundo dos videoxogos e teleseries ou a súa lectura en clave de banda deseñada e outras vías creativas. (…)
Na literatura galega téñense publicado tamén ben interesantes distopías e ucronías. É o caso, por citar só algúns títulos, do futurismo telecontrolado de Suso de Toro na súa novela A sombra cazadora; o mundo domesticado e opiáceo da Bailarina de Manuel Seixas; as revisións histórico-temporais de Xoán Bernárdez Vilar en Big bang; a Europa homoxeneizada e unitarista de Agustín Fernández Paz en O centro do labirinto; o apartheid dun estado omnipresente e controlador do Valdamor de Beatriz García Turnes; as cargas distópicas que, con derivacións diversas, conteñen Costa Norte/ZFK de Xurxo Borrazas, Delimvois de Rubén Ruibal, Stratos de Miguelanxo Prado ou Obediencia de Antón Lopo e, xaora, os aires ucrónicos do Hipógrifo de Antón Risco ou a intriga sobre a non morte temperá de Manuel Antonio coa que fabulou Xesús González Gómez na súa narración xustamente titulada Ucronía.
A maior parte destas obras comparten co Blade Runner 2049 que chama ás portas unha denuncia do presente que se configura nun futuro alegórico; isto é: chámase a atención do camiño errado que estamos a andar para facernos ver a Galicia, a Europa, o mundo que será se, teimudamente, nos empeñamos en esfarelalo. Trátase, pois, de revisitar criticamente un sistema presente-futuro que nega a liberdade do individuo en aras dun mal interpretado ben social común, asentando nun dirixismo extremo e feroz onde non queda marxe ningunha para a decisión persoal, para o camiño propio, para o albedrío que nos humaniza. Unha sociedade onde os que dirixen os destinos fomentan a desaparición dos lazos afectivos, a robotización do carácter, illando as persoas e negando a complicidade das relacións interpersoais, principalmente as familiares, na procura devecida da instauración do Pensamento Único como o novo Moloch ao que adorar.”

A arquitecta Ruth Varela presenta o seu ensaio sobre a Flor de Santiago

Desde a Televisión de Galicia:
“Acaba de presentarse en Compostela o libro Flor de Santiago. Recolle os dez anos de investigación da arquitecta Ruth Varela sobre a historia dunha flor sagrada para os aztecas que viaxou de México a España no século dezaseis. Aquí foi rebautizada con ese apelido de Santiago polo intercambio cultural, científico e relixioso que comezaba daquela entre as dúas terras. Pode verse aquí.”