Entrevista de Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Unha candidatura que tivo éxito e no vindeiro ano o Día das Letras xirará arredor de Casares.
– Víctor F. Freixanes (VF): Era o momento, había case catorce anos, quince no 2017, do seu pasamento, e a min parecíame unha boa oportunidade. Diante doutros candidatos que tiñan, loxicamente, outros méritos abondo, os que asinamos a proposta de Carlos o que pensabamos era continuar o ronsel da iniciativa de Manuel María, que concitou moitas vontades e implicou a moita xente. Carlos ten unha obra literaria moi variada, con moitísimos rexistros: para rapaces moi novos, A galiña azul e os Toribios; para rapaces do que chamaríamos secundaria, xa que Vento ferido é un libro de iniciación para moitos lectores novos na literatura; ten libros para xente do bacharelato, como O sol do verán, que é unha novela moi intensa, de amor. El dicía que o seu estilo era transparente, coma unha fiestra. Claro, transparente, pero moi traballado. Os mortos daquel verán ou Deus sentado nun sillón azul non son libros fáciles. Son libros de investigación, de traballar coa lingua. E ten tamén unha dimensión de investigador, de divulgador, de ensaísta, ademais da de xornalista. As columnas de Á marxe en La Voz son unha gran novela aberta, interminable, a través da cal podes dialogar co mundo e co tempo.
– LVG: Sempre dicimos que o Día das Letras homenaxea a un autor, pero a lingua tamén se beneficia da súa obra.
– VF: É certo, e o mesmo pasou con Manuel María, que mobilizou a moita xente no país. Tampouco se trata de que todos os anos haxa que escoller un autor así, pero nestes momentos, sobre todo, necesitamos autores que mobilicen xente, que conciten vontades, que impliquen a persoas e institucións para conmemorar o día e celebrar a literatura galega e a lingua. E desa maneira, igual que Manuel María, Carlos Casares reúne esas características. A maiores, ten unha proxección da cultura galega cara o exterior que está aí. Carlos participou en iniciativas como o PEN Club e os seus libros tiveron unha divulgación fóra que sitúa noutro plano a cultura galega. A súa obra é unha contribución enorme á literatura e á modernidade deste país, que conecta con sectores moi diversos, e que concita vontades e compromisos moi distintos. Pódense recoñecer na súa obra xente de distintas opcións, incluso distintas ideoloxías, e iso é mérito del. Non é un escritor de parroquia ou de partido. (…)”
Carviçais, Portugal: Alfredo Ferreiro presenta Versos fatídicos
O sábado 30 de xullo, entre as 12:00 e as 13:00 horas, na Sala da Antiga Escola Primária de Carviçais, Portugal, Alfredo Ferreiro presenta Versos fatídicos dentro do Encontro PAN: O outro. O programa completo pode verse aquí: Pan: O outro. Programa Carviçais.
Questionário fou(cinha): Eli Ríos
Entrevista a Eli Ríos en A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– Eli Ríos (ER): Desta pregunta sempre saco tres conclusións sobre a persoa que as fai:
a) Cando les un texto escrito por unha muller só es capaz de imaxinar un recipiente reproductivo que contratou unha musa para que lle escribise o texto.
b) Seguro que te preguntas desde cando as mulleres gozan de tempo de lecer e abandonaron o coidado das crianzas e maiores?
c) Vese que os reloxos para mulleres non miden o tempo igual que para o resto dos mortais.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– ER: Se fose de ciencias diría o 100% das veces. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– ER: Se fose de ciencias diría o 99,9999% das veces. E o peor é que cando mencionas, por exemplo, 15 autoras e un autor, nas entrevistas só sae o autor… (…)”
Questionário fou(cinha): Elvira Ribeiro
Entrevista a Elvira Ribeiro en A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– Elvira Ribeiro (ER): Escribo cando non podo deixar de facelo e cando teño algunha encomenda ao respecto. Afortunadamente a miña filla é independente e tempo non me falta grazas ao desemprego.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– ER: Intento escribir literatura para seres humanos e sobre temas que afectan aos tales seres. Non lembro que ninguén dixese que escribo “literatura feminina”. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– ER: Unhas cantas. Mais sempre que mo preguntaron entendín (e estou segura de que así era) que a pregunta estaba referida a persoas dedicadas á literatura en xeral. (…)”
Bases do I Concurso Literario Internacional Relatos de agua
Questionário fou(cinha): Rosa Enríquez
Entrevista a Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cantas veces te chamaron “rapaza” nun contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita…)
– Rosa Enríquez (RE): Non só no ámbito dá cultura. Tamén no traballo. Sempre o fíxeron homes.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– RE: Adoitan incluírme entres “as poetas”. Interésame todo o relacionado coa violencia que temos que aturar. Supoño que cren que me interesa porque son muller. É coma se a eles isto non lles afectase … Houbo un que me dixo “deixa eses temas”. (…)
– S: Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
– RE: Moitas. (…)”
Questionário fou(cinha): María Solar
Entrevista a María Solar na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– María Solar (MS): Cando escribes e tes fillos, e tes unha nai moi maior, e traballo fóra da escritura, e vida social… escribes cando podes. Eu aprendín a non roubarlle nunca tempo aos fillos, porque medran tan rápido que non quero perder de estar con eles, pero coa miña parella si que chego a acordos para escribir. E él enténdeo como parte de min.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– MS: Nunca me dixeron que escribise para mulleres, aínda que o temía un pouco agora que escribín As horas roubadas, un libro dedicado ás mulleres de finais da transición que romperon as súas ataduras. Dediqueillo ás que fixeron pequenas revolucións domésticas. Porque os grandes cambios tamén dependen de moitos cambios pequenos. Pero si acontece que o gran público lector son as mulleres. As mulleres lemos mil veces máis que os homes, o que non quere dicir que teñamos que ler sobre “temas para mulleres”, iso ten unha connotación que me espanta. (…)”
Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2016
Na Galería das Letras do Festigal 2016, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o luns 25 de xullo:
– 16:00 h.: A Escola das Irmandades da Fala e outras experiencias pioneiras. Olaia Ledo e Marcos Abalde.
– 16:20 h.: Por que a crise non rematará nunca?, de Jordi Solé e Francesc Sardá. Presenta Manuel Saavedra.
– 16:40 h.: Nova edición de Laio e Clamor pola Bretaña, de Manuel María. Francisco Rodríguez, Saleta Goi e Alberte Ansede.
– 17:00 h.: Mortos por amor á Terra. A represión do nacionalismo galego 1936-1950. Xosé Ramón Ermida Meilán, Xoán Costa e Francisco Rodríguez.
– 18:00 h.: Sinatura de libros de Manuel Rivas.
– 19:00 h.: Sinatura de libros de Manuel Iglesias Turnes.
– 19:40 h.: A Imagem de Portugal na Galiza. Carlos Quiroga e João Ribeirete.
– 20:00 h.: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. Ledicia Costas e Manuel Bragado.
– 20:20 h.: O perverso goberno de Feijóo. Sete anos en negro. Ana Pontón e Manuel Monge.
– 20:40 h.: As Irmandades da Fala (1916-1931). Reivindicación identitaria e activismo socio-político-cultural no primeiro terzo do século XX. Uxío Breogán Diéguez-Cequiel.
– 21:00 h.: A nenez galega a través dos anteollos de Castelao. Xosé Leal, Diana Vilas e Óscar Rodríguez.
Braga: Carlos Quiroga à conversa com António Ferreira
(Rua do Raio, 175, Braga, Portugal)
Carballo: actividades destacadas do sábado 23 e domingo 24 na Praza dos Libros
Finaliza o domingo 24 esta nova edición da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 21 ao 24 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para estes dous días, destacamos os seguintes:
Sábado 23
– 12:30 h. Vermú científico. Conversa con Jorge Mira e presentación do seu libro ¿A que altura está o ceo?, publicado en Alvarellos.
– 18:30 h. Presentación de A música das árbores. Concerto e animación infantil con Servando Barreiro, a partir do libro-disco A música das árbores, publicado por Xerais.
– 19:30 h. Sinatura do poemario oso, mamá, si?, de María Lado, publicado en Xerais.
– 20:00 h. Presentación do libro álbum de recordos Lémbrome, de Xurxo Chapela, publicado por Positivas.
– 21:00 h. Aldaolado. Espectáculo musical, poético e humorístico de Lucía Aldao e María Lado.
Domingo 24
– 12:00 h. Benigno Campos presenta o seu último libro, Peixes e mariscos. As novas receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia.
– 18:30 h. Concerto infantil a partir do libro-disco Pitusa Semifusa, de Olga Brañas e a súa banda, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación dos libros da colección Costa da Morte, de Edicións Embora, formado polo momento por: Reválida de sexto, de José Antonio Andrade Figueiras; Coristanco. As súas parroquias, de Evaristo Domínguez Rial; e Lembranzas de Malpica, de Xosé González Reyes.
– 21:00 h. O ciclo dos elementos. Conversa arredor dos libros A música dos seres vivos, Dende o conflito e En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado por Xerais, con concerto de Canalé Cafuné.