Entrevista
de Montse Dopico a Celia Parra en Praza:
““O primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía”. Así se presenta Versogramas, un proxecto da produtora Celia Parra e os directores Belén Montero e Juan Lesta que iniciou hai unhas semanas unha campaña de micromecenado en Verkami. Os seus obxectivos son partillar o “abraio” ante o traballo dos creadores e creadoras deste formato e reivindicalo como xénero independente, ademais de axudar a derrubar os mitos que poidan quedar sobre a poesía como arte seria e difícil. Falamos con Celia Parra, coprodutora executiva de Versogramas, -que naceu como unha idea súa-, e con Belén Montero, guionista do mesmo, e codirectora, xunto con Juan Lesta. Esferobite asina a produción, e Isaac Garabatos a música orixinal.
– Praza (P): Xa faciades videopoemas. Como chegades ao proxecto do documental, desde a vosa experiencia?
– Celia Parra (CP): A idea naceu hai xa anos como un proxecto de mestrado, no que tiven como titora a Fernanda del Nido. Xa entón contactei con Esferobite -Belén Montero e Juan Lesta- para ir máis alá do proxecto de máster, e comezamos a traballar xuntos. Eu xa era poeta pero foi daquela cando descubrín o mundo da videopoesía, que me apaixonou. Belén e Juan eran, ademais, os compañeiros ideais, porque fixeran videocreación e algúns videopoemas moi interesantes…
– P: O documental forma parte dun proxecto máis amplo, que inclúe un libro+DVD que publicaría Galaxia. En que consiste?
– CP: É un proxecto transmedia. Primeiramente pensamos só no documental, pero despois engadimos outros formatos para tratar o tema dun xeito máis amplo. Versogramas é, así, un documental, un webdoc, unha exposición, unha longametraxe experimental que recolla a nosa visión sobre a videopoesía e un libro+DVD que incluirá o documental e textos arredor dos videopoemas de autores e autoras galegos, en principio… A peza central de Versogramas é o documental, que se ramifica no resto dos produtos.
– P: Que é o webdoc?
– CP: A idea é que calquera persoa poida experimentar coa videopoesía. A través dunha plataforma que é coma un xogo, no que o usuario ou usuaria poida crear o seu videopoema, subindo os seus propios materiais, buscando materiais online ou escollendo materiais da biblioteca do webdoc. Despois, a plataforma proporciona unhas guías que van levando á persoa por todo o proceso: análise do texto, uso de metáforas, traballo coas imaxes, selección de música… O obxectivo é que a persoa cree o seu propio videopoema, que despois pode compartir nas redes sociais, e que quedará na base de datos do webdoc. O webdoc é un proxecto que levariamos adiante coa axuda de A Navalla Suíza. (…)”
O cuarto de… Mercedes Queixas
Desde A Sega:
“Eu non nacín cun cuarto propio. Tiven que o inventar na primeira casa. Ás veces era a cama, antes de durmir, algo ás agachadas semiescuras; outras, era a mesa do comedor entre cadernos de deberes escolares e libros de texto. Aínda outras tiña que ser a mesa da cociña, fuxindo doutros labores e responsabilidades da casa, como filla primoxénita, propios do xénero, e acompañando coas mans a escrita e a lectura entre texturas e aromas dunha pota que puntualmente douraba rixóns para a economía familar.
O meu cuarto propio naceu canda todos os demais metros cadrados da casa de meu. Tiven que o pintar na segunda casa na que continuei a medrar até o de agora coas tres voces compañeiras que me amplifican todos os mundos. Puiden soñalo nos marcos do papel para a vida. Expoñer necesidades e reparto do espazo para o traballo profesional, para a escrita e a lectura. Valorar a entrada de luz natural para aproveitar a súa oportunidade. Ollar directamente a porta para vixiar idas e vindas das crianzas. E calcular a mesa curva para aproveitar ben o espazo de traballo.
Nos últimos vinte anos fóronme acompañando continuos saúdos e recepcións a novas lecturas que me rodean neste espazo compartido entre lembranzas fotográficas persoais, familiares e profesionais. Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Manuel María, Lois Pereiro, Agustín Fernández Paz, Mª do Carme Kruckenberg, Begoña Caamaño van compoñendo, cara a cara, o mural iconográfico de pousos literarios. E, ás veces, no reparto equilibrado da mesa de cerdeira, retello columnas de folios e cadernos do meu alumnado xunto ás partituras da miña violínista preferida que me acompaña en ensaios descuberta.
A vista do traballo diario coas palabras, de tempos irregulares e condicionados, bate de fronte cun pequeno andel que, onda a chave da luz do cuarto, recolle os volumes propios que naceron, ao longo dos últimos vinte anos, para a lectura de ollos alleos e tactos prestados xenerosamente.
Porque, aos poucos, eu nacín ao meu cuarto propio.”
María Reimóndez: “Desprázome en autobús por ecoloxía e para reivindicar o colectivo”
Combarro: vermú literario sobre Sapos e Sereas, de Ana Cabaleiro
Entrevista a Ana Cabaleiro no Zig-zag da Televisión de Galicia
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Sapos e sereas, primeira novela da xornalista Ana Cabaleiro. Pode accederse á entrevista aquí.”
Un monólito para Manuel María nun dos corazóns de Euskal Herria
Desde
Sermos Galiza:
“O vindeiro 20 de maio inaugúrase en Laudio (Araba), no parque de Lamuza, o monumento adicado ao escritor de Outeiro de Rei “polo seu labor a prol das culturas galega e vasca”. Máis un paso para lembrar a pegada de Manuel María no país Vasco.
Deabruak Teilatuetan é un grupo euskaldún da época dos 90, daquela escudería inesquecíbel que se formou en torno á disqueira ‘Esan Ozenki. Un conxunto que combinaba rock, punk e power pop para dar varios himnos xeracionais (‘Noiz edo noiz’, ‘Zuentzat’,… ). Poida que moita xente non o saiba mais este grupo de Tolosa ten nun seu disco unha canción con letra de Manuel María (Amari hitzak). Un exemplo de que o de Outeiro de Rei non é un descoñecido en Euskal Herria.
O vindeiro 20 de maio procederase a inaugurura no parque Lamuza de Laudio un monólito en honra e lembranza a Manuel María. Un acto impulsado pola Peña deportivista Anduriña e o Centro Galego desta localidade alavesa, e que conta co apoio do concello. “Ao insigne poeta Manuel María polo seu labor a prol das culturas éuscara e galega”, rezará o monumento, complementado cun retrato do autor e os primeiros versos de ‘Galiza’, tanto en galego como en euskera.
Como lembran os promotores da iniciativa, Manuel María tivo unha intensa relación con Euskadi, un país que visitou en numerosas ocasións para participar en recitais, conferencias, coloquios, homenaxes… ao longo e ancho: de Barakaldo a Biarritz, de Iruñea a Laudio, Donostia, Gasteiz, pasaia ou Sestao. (…)”






