O
mércores 21 de setembro, ás 20:15 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Isaac Xubín ofrecerá unha pequena antoloxía persoal, onde, ademais dun percorrido polas súas propias creacións, recitará textos doutros autores que lle gustan ou que tivo a oportunidade de traducir: Gabriel Aresti, Joseba Sarrionaindia, Xosé Luís Méndez Ferrín, Chus Pato, Xuan Bello… «Do que non hai dúbida é de que o recital tratará sobre a viaxe e o concepto de identidade», afima o autor.
A Coruña: obradoiro de creación O ollo da Arte (I), impartido por Antía Otero
O ollo da Arte. I é
un obradoiro de creación artística contemporánea impartido por Antía Otero, onde coñecer, descubrir e compartir a práctica contemporánea, as derivas e os desbordamentos.
Para participar non se precisa ningunha experiencia previa e está destinado a todas as persoas que están interesadas no feito artístico, xa sexa desde o punto de vista do espectador como da acción. Neste obradoiro crearase a través dun programa definido, un espazo de convivencia ao redor da teoría e da práctica artística propoñendo ferramentas que axuden ao descubrimento do propio proceso e fomentando o desenvolvemento das capacidades e habilidades de cada participante.
Mergullando en disciplinas moi diversas que van desde a fotografía ao collage, do video á arte urbana, pasando por outras como a performance, o cinema e a literatura, en O ollo da Arte propoñemos un programa aberto que, dividido en sesións teóricas e prácticas, nos permita ampliar referentes sendo máis conscientes do acto creativo, da experiencia, do debate e da aprendizaxe grupal tendo en conta as derivas e os desbordamentos.
Tod@s aqueles e aquelas que participen en O ollo da Arte I no primeiro cuadrimestre poderán continuar a experiencia no Ollo da Arte II. Laboratorio de Creación durante o segundo cuadrimestre. Entre outras cuestións, afondaremos nos contidos iniciados na primeira parte e plantexarase un laboratorio de creación, coa fin de crear un marco idóneo no que cada participante poida transitar os seu propio proceso artístico. Os traballos resultantes serán presentados a finais de xullo nunha Mostra aberta ao público en Normal.
Pódese coñecer un pouco máis de preto o universo de O ollo da Arte a través deste vídeo…
Datas: todos os martes entre o 4 de outubro de 2016 e o 7 de febreiro de 2017.
Horario: de 19:00 a 21:00 horas (30 horas en total).
Lugar: Aula circular de NORMAL.
Prezos: 40€ estudantes / 60€ PAS e PDI / 80€ público xeral / 45€ persoas desempregadas ou con minusvalía.
Participantes: máximo de 15 persoas.
O prazo de matrícula e pagamento comprende desde o día 19 ao 30 de setembro. Pode facerse directamente nesta plataforma en liña. As incidencias da matrícula en liña nos obradoiros, serán atendidas no correo info@istoenormal.org ou no teléfono 881 014 502 en quenda de mañá.
Máis información en:
NORMAL. Espazo de intervención cultural da UDC. Paseo de Ronda 47, A Coruña.
TF: 881 014 502. Mail: info@istoenormal.org
Xurxo Chapela xunta 500 recordos en Lémbrome
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“O escritor de Carballo preséntanos o libro editado por Positivas que escoitamos esta semana na Páxina de narrativa. Á entrevista pode accederse aquí.”
Ledicia Costas: “Escribir en galego implica moitas renuncias, tamén unha conciencia”
Entrevista
a Ledicia Costas en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): As mulleres teñen moito peso nesta historia [Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta].
– Ledicia Costas (LC): Nos últimos anos as mulleres, e falo en concreto da literatura infantil e xuvenil, son protagonistas e creo que iso é algo positivo porque en décadas anteriores non era así. A min interesábame relatar a historia dunhas mulleres cunhas características moi singulares. A pesar de que elas viven dentro de esa ficción literaria nun momento histórico onde todas as grandes fortunas estaban manexadas por homes, como Sanjurjo Badía ou o propio Verne, elas teñen a forza, a fouteza e a coraxe necesaria para conseguir aquilo que elas se propoñen. Esa era a miña idea central, que a súa valentía fose suficiente. (…)
– FV: É unha grande defensora do galego, pero este libro se publica tamén en castelán…
– LC: Si, e en breves tamén en catalán. Malia que temos moi poucos apoios e é complexo o tema das traducións, escribir en lingua galega implica moitas renuncias, tamén implica unha conciencia e un posicionamento claro con respecto á lingua e creo que aquí hai que escribir dende o galego.
– FV: Ambientar a obra en Vigo foi gratificante?
– LC: Ese é outro dos fíos dos que tirei. Vigo para min é unha cidade moi literaria e como escritora ter a posibilidade de ambientar unha novela na cidade na que vivo é fantástico. Declárome fan e unha namorada da cidade na que vivo e dalgún xeito quixen facerlle unha grande homenaxe a miña cidade e que mellor maneira que escribir unha novela. (…)”
A Coruña: VII Lúas de outono, Manuel María 2016
Luz Pichel: “Onde está mal visto o galego é en Galicia. O inimigo está dentro, non en Madrid”
Entrevista
de Montse Dopico a Luz Pichel en Praza:
“(…) – Praza (P): Dedica tra(n)shumancias á familia, que é de migrantes. En realidade, todos os seus poemarios están marcados por iso. Pola emigración.
– Luz Pichel (LP): Porque pertencer a unha familia migrante condiciona toda a vida. Eu medrei sen nai, porque estaba emigrada. Iso condiciónate moito. Non podes deixalo atrás. Ademais, eu tamén fun migrante. Marchei da aldea aos 12 anos, para estudar nas monxas, e para min foi peor que despois, cando marchei para Madrid, ou cando marchei de Madrid para Londres. Deixar unha aldea de 20 habitantes do corazón de Galicia para ir a un colexio de “señoritas” foi moi duro. Agora, unha filla miña acaba de volver de París, onde estivo catro anos traballando. A emigración, o exilio, son temas que hai que tratar se tes unha mínima conciencia. Non hai moita diferenza entre o que vivín eu, o que viviu a miña filla ou o que viviron miña nai ou meus irmáns. Iso faiche pensar que as cousas non cambian. E por iso no libro hai unha fusión de tempos, de lugares, de linguas. (…)
– P: Di María Salgado no epílogo de Cativa en su lughar que arma nos seus poemas unha “internacional queer”, unha “alianza política de raritxs excluídxs do poder”. A subalternidade é, no fondo, a posición que guía a súa escrita.
– LP: Si. Todo o que tende a quedar fóra, a non ser considerado. Por ese mesmo motivo reivindico a gheada. Tamén me axuda o feito de vivir fóra, porque o vexo todo cunha distancia. Penso que a parte fonética, a prosodia… foron e están sendo esquecidas como se só o léxico fose importante. E tamén niso hai subalternidade. O acento galego, o acento marcado das aldeas, considérase inferior. O mesmo pasa con algún aspecto da fonética. (…)
– P: En Cativa en su lughar fala de axuste de contas coa lingua e coa historia. Había que escribir en galego, por perto/lonxe que estivese. Por que?
– LP: O de axuste de contas era porque era unha especie de vinganza… contra min mesma. Durante moito tempo non quixen saber nada do galego estándar, porque creo que non o fixeron ben. Meu pai era un labrego intelixente, esperto, poeta. Unha vez viu na televisión unha señorita falando sen acento e meu pai dixo que ela si que falaba ben. Doeume moito. Esa dobre diglosia, que non é só entre castelán e galego. É entre galego estándar e galego común. Un galego contaminado no léxico, é verdade, pero moi defendible desde moitos outros puntos de vista. Por iso eu escribía en castelán. Escribindo Casa pechada, descubrín que a miña lingua poética en realidade era o galego. Por iso en El pájaro mudo e en La marca de los potros o que hai en realidade é máis ben tradución, sempre buscando a fórmula máis próxima ao galego. A contradición, claro, estaba aí, e para superala escribín Casa pechada en galego estándar. Iso permitiume tamén entender un pouco como se fixera a norma e reconciliarme, aínda que fose un pouco, con ela. (…)”
Santiago: presentación de Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego
Este é o convite á presentación da publicación Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego. O folclore como recurso para a estimulación cognitiva, que se vai celebrar no martes día 20 de Setembro, ás 20h no auditorio do Museo co gallo da celebración do Día Internacional do Alzhéimer. Este traballo foi realizado desde o Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo en colaboración coa Asociación Galega para Axuda de Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA), co obxectivo de crear recursos asociados aos contidos do Museo para estimular cognitivamente a persoas afectadas por doenzas de tipo alzhéimer.
Betanzos: representación de Xente de pálida pel, polo Clube Teatral Elsinor
Os Vilares, Guitiriz: recital de Nova Poesía Guitirica e Raúl Gómez Pato
A Coruña: presentación de Auga a través, de Dores Tembrás, e proxección de Os días afogados, de Luís Avilés e César Souto
O
sábado 17 de setembro, ás 18:00 horas, no CGAI (Rúa Durán Loriga, 10, baixo), na Coruña, terá lugar a presentación do micropoemario Auga a través, de Dores Tembrás, nun acto que contará coa presenza da autora acompañada de Antía Otero, da editorial Apiario. Xunto a elas, os cineastas Luís Avilés e César Souto falarán sobre a vinculación co seu filme Os días afogados, que será proxectado no mesmo acto.


