Feira do Libro de Santiago: actividades do venres 1 de maio
O venres 1 de maio comeza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:30 h. Pregón inaugural por Manuel Portas.
– 20:00 h. Manuel Portas asinará exemplares da súa obra Amor en alpargatas, publicada por Xerais.
Bases do XVI Premio de poesía Díaz Jácome
“O Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre os mozos/as, convoca o XVI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
– PRIMEIRA. Poderán optar ó premio tódalas persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade.
– SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarado deserto o premio.
– TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos, o tema e o metro queda a elección do compositor.
– CUARTA. Deberán presentarse tres orixinais en tamaño DIN A4 mecanografados a dobre espazo.
– QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición algunha que puidera suxerir o nome do autor, sendo presentados cun lema e título.
En sobre aparte e cerrado, constará o lema e o título no exterior, e no interior o nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia do DNI polas dúas caras ou no seu defecto fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso e incluirase tamén unha breve nota biográfica do autor e o título do poema.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
– SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 1 de setembro do ano 2015, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o mataselos de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación:
XVI Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores.
– SÉTIMA. O Xurado que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, emitirá o seu fallo en novembro de 2015.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no mes de decembro.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuizo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
– OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
– NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo, sen necesidade do permiso do autor ou autores, aínda que sempre se terá en conta que nunca perderá os seus dereitos.
– DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
– UNDÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
– DUODÉCIMA. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”
Entrevista a Mario Caneiro no Diario Cultural da Radio Galega
Elena Gallego expande o universo de Dragal cunha nova triloxía
Bases do IV Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro
“O Concello de Mondoñedo co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores, convoca o IV Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que se rexerá polas seguintes bases:
– PRIMEIRA. Poderá concorrer ó premio calquera persoa física que presente a súa obra en lingua galega, conforme ás normas ortográficas vixentes e sancionadas pola RAG.
– SEGUNDA. Os poemas serán orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarando deserto o premio.
– TERCEIRA. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos e serán de tema libre.
– CUARTA. Deberán presentarse catro copias en tamaño DIN A4 impresas a dobre espazo.
– QUINTA. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición ningunha que puidese suxerir o nome do autor ou autora, sendo presentados cun lema e título.
En sobre á parte e cerrado constará o lema e o título no exterior e, no interior, o nome e apelidos do autor ou autora, domicilio, teléfono e fotocopia do DNI polas dúas caras ou, de ser menor, fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso.
O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
– SEXTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 1 de setembro do ano 2015, considerándose incluídas neste prazo as obras que, enviadas por correo, presenten selo postal de orixe con esta ou anterior data.
As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
Concello de Mondoñedo
Praza do Concello, 1
27740 Mondoñedo (Lugo)
Coa indicación:
IV Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro.
– SÉTIMA. O Xurado, que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e mais un representante do concello con voz e sen voto que actuará como secretario, emitirá o seu fallo en outubro de 2015.
A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no outono.
No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuízo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
– OITAVA. Este concurso consta de tres premios:
Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
– NOVENA. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello de Mondoñedo, para a primeira edición da obra, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor.
– DÉCIMA. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
– UNDÉCIMA. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
– DUODÉCIMA. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”
Madrid: preestrea de A esmorga, de Ignacio Vilar
Casas literarias: Vicente Risco
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O número 25 da rúa da Paz —antiga rúa dos Zapateiros— en Ourense é un vórtice literario de primeiro nivel. Que dous dos máis grandes escritores galegos do pasado século nacesen no mesmo edificio é un feito insólito do que custa procurar paralelos.
No primeiro andar desta vivenda veu ao mundo o 1 de outubro de 1884 Vicente Martínez-Risco e Agüero e alí pode lerse hoxe unha placa conmemorativa que o Concello de Ourense dispuxo polo seu centenario.
O certo é que Risco non viviu nela moito tempo, pois seus pais trasladáronse, sendo el noviño, ao número 6 da Praza do Ferro, onde residiu xa ata que casou en 1922 coa allaricense María del Carmen Fernández, coa que tivo catro fillos: Carmeliña, Antón (tamén el escritor e estudoso literario), Chus e Cruz. Logo da voda, o casal foi vivir ao número 47 da rúa Santo Domingo.
Foi esta vivenda da rúa Santo Domingo un dos epicentros da Atenas galega do seu tempo. Polos célebres faladoiros que alí se mantiveron pasou gran parte da intelectualidade galega daqueles anos e, xaora, a práctica totalidade da ourensanía, pois naquel piso dispuxéronse as liñas mestras de actuación que marcaron toda a Época Nós.
Mais a da Paz e a de Santo Domingo non foron as únicas moradas de Risco. A cartografía vivencial do escritor debe completarse coa casa dos seus devanceiros na rúa Grande, 4, do Castro Caldelas (hoxe reconvertida en pousada rural que alberga unha biblioteca monográfica sobre o autor) e, tamén si, a casa patrucial da súa familia política, na rúa San Lourenzo, 3, en Allariz, actual sede da Fundación Vicente Risco, inmoble de titularidade municipal no que se custodian os fondos bibliográficos, documentais e plásticos tanto do creador de O porco de pé coma do de Margarida d’Ouridac. (…)”
Manuscritos: Vicente Risco (III)
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nun día coma hoxe, no ano 1963, falecía en Ourense Vicente Risco. Recuperei neste blog, anteriormente, dous manuscritos do autor e hoxe vai un terceiro que se corresponde á colección de fondos dixitalizados da Fundación Vicente Risco depositados na Biblioteca de Galicia hai catro anos. Concretamente este recolle o comezo do capítulo XII da tradución do Leabar Gabala (Libro das Conquistas d´Irlanda).”
Patricia Román gaña o Pura e Dora Vázquez de ilustración
Desde Fervenzas Literarias:
“A ilustradora cidaderrealeña Patricia Román Ortega foi o gañadora da XII edición do premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración Infantil e Xuvenil, que convoca a Deputación de Ourense co obxectivo de recoñecer a calidade literaria e artística de traballos creados para nenos e xente nova, fomentar a lectura entre este público e poñer en valor a figura das escritoras ourensás Pura e Dora Vázquez.
O xurado recoñeceu da obra premiada “a orixinalidade das ilustracións, que se adaptan moi ben ao texto premiado na modalidade literaria e axudan a narrar a historia”, ademais de destacar a técnica empregada para a realización das ilustracións e a calidade do conxunto da obra.
O xurado -que adoptou por unanimidade a súa decisión-, estivo presidido polo deputado de Cultura da Deputación de Ourense, Avelino García Ferradal, e integrado polos vogais: María Rosa González Méndez, Luis Gulín Iglesias, José Manuel Fernández López e Xosé Manuel Cid Fernández. Como secretaria actuou Ana María Malingre Rodríguez.
Os traballos de ilustración presentados ao certame, de diferentes estilos e temáticas, baseáronse no texto gañador do premio de narración, Bicha, da escritora coruñesa Eli Ríos, unha obra da que o xurado destacou “o atractivo que teñen para o lector os personaxes e a importancia que o relato da á amizade entre nenos e animais, ademais de axeitarse perfectamente para ser ilustrada dentro do espírito do premio”.