Bos Aires: No Parque de la Memoria-Monumento a las Víctimas del Terrorismo de Estado

O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, dentro do programa de actos previstos pola AELG con motivo da Feira do Libro de Bos Aires, visitou o Parque de la Memoria-Monumento a las Víctimas del Terrorismo de Estado.

“Veño ao lugar onde o río semella ser xa do mar, onde o río é aínda grande río de pálida prata empardecida.

Veño traer o respecto meu e das escritoras e escritores aos mártires da liberdade, tamén galegos e galegas, fillos e netas de galegos.

Percorro en silencio o muro da memoria de mozos e mozas na flor da idade, un rapaz de quince anos, mentres xogan meniños da mao do pai na relva. Lonxincuos sons do día a día, do traballo. A vida percute na pedra, insculpe os seus Nomes de ausentes.

Unha e mais outra e outra as fotografías dos desaparecidos que ficaron inmortalizados na súa eterna xuventude.


No río unha escultura que está a piques de se afundir cos pés atados polo cemento. No seu inestable aboiar, o río  lembra coas súas ondas breves. Esvara a tona da tarde un corvo mariño.
O helicóptero sobrevoa estrondosamente sinistro o lugar.  As algas aboian coma rosas deitadas aos afogados.”

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG

Lisboa: (Des)encontros galego/portugueses, proxección de Santa Liberdade, de Margarita Ledo Andión

desencontros_grandeDEF“O Centro de Estudos Galegos da Faculdade de Ciências Sociais e Humanas da Universidade Nova Lisboa (FCSH/NOVA) organiza o ciclo de eventos (Des)Encontros Galego-Portugueses, que ten lugar en Lisboa durante os meses de marzo, abril e maio no local da Xuventude de Galicia – Centro Galego de Lisboa. Estruturado en seis sesións monográficas, abordará temas como a lingua, a historia e a cultura da fronteira, a emigración, as loitas pola democracia ou a relación de Manuel María con Portugal e a súa cultura.
A cuarta sesión do ciclo será realizada o 22 de abril ás 19:00 horas, e estará centrada nos procesos de resistencia ás ditaduras salazarista e franquista. Con este motivo, será exhibido o filme Santa Liberdade da realizadora galega Margarita Ledo Andión.
O Ciclo (Des)Encontros Galego-Portugueses é organizado en parcería co Centro Galego de Lisboa e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. Fai parte do programa de actividades culturais do Centro de Estudos Galegos da FCSH/NOVA, que integra a rede de Centros de Estudos Galegos no exterior da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.”

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o venres 22

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente, desenvolverán un programa de traballo onde, entre outros actos, o presidente da AELG participará nunha mesa redonda titulada Diálogo de autores arxentinos e galegos, que compartirá con Graciela Aráoz, da presidenta da Sociedad de Escritoras y Escritores de Argentina (SEA), o luns 25 de abril, ás 18:00 g. Farán unha presentación das respectivas entidades e compartirán as inquedanzas das dúas entidades e as ferramentas de traballo e interconexión entre os profesionais das palabras. Dúas visións desde as dúas beiras do Atlántico. Tamén na súa calidade de presidente sumarase á iniciativa da Fundación Manuel María Manuel María na túa voz, lendo o día 23 de abril poemas do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas no Festival Internacional de Poesía organizado pola FILBA ás 18:00 h.
Pola súa banda, Ledicia Costas, vogal da AELG, participará o domingo 24 ás 16:00 horas no encontro “Pontes literarias sobre o Atlántico”.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o venres 22 de abril:
10:00 h. Ledicia Costas participa nun diálogo con estudantes do Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol.
18:00 h. Coloquio sobre Luís Seoane na Arxentina. No Stand de Galicia. Participan: Silvia Dolinko, irmáns Leirado e Víctor F. Freixanes.
18:30 h. Conferencia de Teresa Moure: A literatura galega como produto cultural contra-poder. Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina.
19:00 h. Presentación de Francisco Luis Bernárdez. Poeta de fe, leal a Galicia, publicado polo Centro PEN Galicia. Coloquio sobre o escritor e proxección audiovisual de Xan Leira. Con Luís González Tosar, Antonio Requeni e José Luis Moure.
19:30 h. Proxección audiovisual e coloquio sobre Dúas letras, de Fina Casalderrey. No Centro Galicia. Participan, xunto á autora, Carlos Brandeiro e Víctor F. Freixanes.
20:00 h. Asociación Galega de Editores. Stand. Análise da industria editorial galega. Con Laura Rodríguez, Henrique Alvarellos e Benigno Paz.
20:30 h. Lectura e presentación de O último día de Terranova, co seu autor, Manuel Rivas, publicado en Xerais. Sala Leopoldo Lugones (Pavillón amarelo).

Cambados: “Océano para Terrícolas”, espectáculo arredor de Contos do mar de Irlanda, con Xurxo Souto

OXurxo Souto venres 22 de abril, a partir das 20:30 horas, na Confraría de Pescadores de Cambados, Xurxo Souto protagoniza a performance interactiva Oceáno para terrícolas, baseada no seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado por Xerais.

Compostela: D4a4, con Eduardo Estévez, Rosalía Fernández Rial, Miguel Mato e Paco Souto

OVide Vide abril 2016 venres 22 de abril, ás 20:30 horas, no Vide, Vide (Rúa da Fonte de Santo Antonio, 10, baixo), en Compostela, terá lugar o evento D4a4: 4 obras | 4 autor@s | 4 editoras, onde se presentarán Entrar na casa, de Eduardo Estévez, publicado en Estaleiro; Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial, publicado en Positivas; Terra fría, de Miguel Mato, publicado por Caldeirón; e e Caín, de Paco Souto, publicado en Laiovento. A entrada é libre.

A Coruña: presentación de Un asasino felizmente casado, de Fidel Vidal

OFidel Vidal venres 22 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Fidel Vidal presenta a súa novela Un asasino felizmente casado. No acto estará acompañado por Ánxel Vázquez de la Cruz, Manuel Fernández Blanco e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Vigo: presentación de Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, de Álex Alonso

OÁlex Alonso Tempos de bebidas isotónicas e fast-food venres 22 de abril, ás 20:00 horas, no Café Badía (Rúa Sanjurjo Badía, 240) de Vigo, preséntase Tempos de bebidas isotónicas e fast-food, de Álex Alonso, XVII Premio de Narrativa curta Ánxel Fole, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Marcos Calveiro e Manuel Bragado.

Mercedes Queixas: “Manuel María foi un grande humanista”

EntrevistaMercedes Queixas 3 a Mercedes Queixas na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Mercedes Queixas (MQ): Manuel María asina máis dun cento de títulos escritos ao longo de cincuenta e catro anos, polo tanto fecundidade e constancia son trazos obxectivamente definidores. O seu proceso creativo atendeu todos os xéneros, nomeadamente a poesía, á que corresponden máis de cincuenta obras, mais tamén narrativa, teatro, ensaio e escrita xornalística. Unha expresión, pois, diversa e, ao tempo, moi plural tematicamente, que identifica a obra co transcorrer da canle dun río alimentado por sucesivos afluentes enriquecedores.
A perfecta simbiose entre a representación das causas do pobo e a súa obra converteuno na voz amplificadora do pobo silenciado, agredido e expropiado, desde a dignificación da lingua galega e da cultura popular que a constrúe e sostén con personalidade propia, recuperando a visibilidade do seu papel na historia e os referentes cultos de seu. Finalmente, a lectura da obra do autor permítenos visualizar o mapa do seu tempo, desde diferentes ángulos, converténdose nunha crónica biográfica, persoal polo tanto, mais sempre acompañada da man da cronoloxía que marcou a experiencia vital colectiva galega, española e internacional, o que o converte nun referente intelectual da segunda metade do século XX. (…)
– RAG: Que vixencia conserva a súa creación?
– MQ: Malia o carácter tan voluminoso da súa escrita, como antes mencionamos, a altísima amplificación popular a través da música e as raíces profundas no seu pobo, entendemos que Manuel María segue a ser un autor bastante descoñecido. No entanto, si sorprende o coñecemento maior que chegou a ter se temos en conta as severas dificultades coas que sempre se encontrou para ver a súa obra editada e, consecuentemente, para conseguir que chegase de xeito maioritario ao público lector quen, tantas veces, accedeu á súa obra de xeito limitado, parcial e clandestino. Unha visibilidade moito tempo condicionada que tamén alimentou a crítica literaria ao non lle ceder o merecido espazo de atención ao xulgar a súa obra con parámetros extraliterarios.
Felizmente, a lectura completa da obra, nada dunha auténtica vocación de escritor universal, é hoxe posíbel. Cada nova lectora descubrirá un dos moitos Manuel María que o verso e a prosa gardan. Nada resultou alleo a Manuel María, por iso no conxunto da súa obra é posíbel descubrir os múltiples e ilimitados centros de interese do poeta que nunca nos deixan indiferentes. A súa obra é das de maior entidade das publicadas na segunda metade do século XX, cuantitativa e cualitativamente. O carácter multitemático de moitos dos títulos presentan un panorama real e literario fértil de forte impacto no público lector, o que explica que, malia as severas dificultades de publicación e recepción dunha boa parte da obra, consiga ver en vida sucesivas edicións de obras como Terra Chá, Documentos personaes, Muiñeiro de brétemas ou Os soños na gaiola, entre outras, e reciba proposta de tradución para moi diversos idiomas.
Por outra banda, o labor que nestes últimos anos desenvolveu a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, recuperando a Casa de Hortas, casa natal do poeta, para o encontro público con el, musealizándoa conforme o percorrido biobibliográfico en paralelo, ten sido un primeiro chanzo fundamental para revitalizar sempre a memoria de Manuel María, o principal espazo de referencia para dar a coñecer a súa obra viva e figura entre o pobo galego máis aló do vindeiro 17 de maio. (…)”