Xurxo Borrazás reivindica o teatro no Manifesto Galego para os Premios María Casares

DesdeXurxo Borrazás Sermos Galiza:
““A nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura”, conclúe o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro que este ano ten como autor ao escritor Xurxo Borrazás, encargado tamén de ler o texto no Teatro Rosalía Castro da Coruña a vindeira quinta feira 26 de marzo, a víspera do Día Mundial do Teatro. (…)
Na cerimonia entregarase o Premio de Honra Marisa Soto a Vicente Montoto e daranse a coñecer os nomes gañadores nas 14 categorías, ás que concorren un total de 16 espectáculos. A tempestade, de Voadora, con 10 nomeacións; Perplexo, de IlMaquinario Teatro, con 9, e Ultranoite no País dos Ananos, con 7 son as que compiten a máis premios da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro
Autor: Xurxo Borrazás

Ser … basicamente, é ser outro.
Desde cativos xogamos a ser trastes e a ser quen non somos, e no marco dese xogo xogamos outros xogos dramatizados, teatro dentro do teatro, coma se non houbese límites. Xogamos despois a construír o personaxe en escenas de familia, de amor, de revolta, de desamor… Buscamos papeis de adulto e disfrazámonos de adulto para resultar críbeis. Xogamos a ser traballadores, ou pais e nais, sen estar moi convencidos de que eses sexan os papeis da nosa vida. Dicimos que a vida en parella é teatro, que a oficina é teatro, que unha voda, un xuízo, un discurso ou un funeral son teatro. Preguntámonos que facemos aquí e afirmamos que toda a vida é teatro…
Quen lle dera!
No teatro non se perde o norte. Na vida, quen máis quen menos cae no erro de tomarse en serio. E que ocorre cando alguén se toma demasiado en serio? Primeiro que os demais o toman a broma, segundo que o serio se radicaliza e tenta prohibir as bromas. E para non caer no ridículo de prohibir unicamente as que lle fan a el, ou ela, prohíbeas todas, a ver se así non se nota.
No escenario máis extremo, nas dictaduras e as teocracias, prohíbese non só a escola, senón bailar e cantar, disfrazarse, a risa pública, a festa, a caricatura, e por suposto o teatro enteiro.
Aquí non.
Aquí somos civilizados e as autoridades non prohiben a festa, “sempre que sexa sá”, nin a protesta, “con tal que sexa construtiva”. Non se leva a ninguén ao cárcere por protestar, simplemente se lle mete unha multa de cabalo para que a próxima vez o pense dúas veces antes de dar un couce.
Da mesma maneira non se persegue o teatro, só se adurmece ninguneando as iniciativas ou menosprezando as compañías, racaneando o acceso ás salas, arrombándoo nas programacións culturais, desecando os orzamentos para a formación e o teatro público, subindo impostos para que o prezo actúe de barreira, renunciando á promoción… Ao teatro non hai que cortarlle os pés senón darlle patadiñas nas canelas e regalarlle ás de chumbo para que non voe, obrigar a que cada representación se convirta nunha epopea de actores e actrices que ao tempo deben ser directores, produtores, representantes, iluminadores, músicos, transportistas, maquilladores, escenógrafos, xastres, cobradores… e por suposto ter un traballo aparte que os manteña. O obxectivo último é impedir que o espectáculo se normalice e poida converterse en medio de vida digno, atraente e non desilusionante para quen se apaixone por el.
Aqueles que se toman en serio son sistemáticos. A mesma medicina aplícanllela á literatura, aos medios, mesmo á música… se é en galego, porque a nai de todos os obxectivos é conter a lingua galega como emblema da nosa cultura. Os serios non teñen nada contra o polbo á feira, a praia da Lanzada, o Pórtico da Gloria, o albariño de Cambados ou a romaría da Franqueira. Son os primeiros en chorar cando escoitan unha gaita. O que non aturan é a diferenza da lingua. De maneira que a representación de Galiza prefiren deixala en mans de Enrique Iglesias, David Meca, ou Marina Castaño.
E aínda así no teatro seguimos adiante, escachamos coa risa e fervemos cada vez que se descorre o pano e o público aplaude.
Que frío vai no mundo!
Que ben se está no teatro!

Constitución do Grupo de Traballo de Literatura de Tradición Oral da AELG

AAELG Logo 2-2015 Sección de Literatura de Tradición Oral, cuxo coordinador é o vogal da AELG Antonio Reigosa, promoveu a creación dun Grupo de Traballo neste ámbito co obxectivo fundamental de favorecer, tanto individual como colectivamente, a visibilidade e o prestixio da oralidade como sistema de comunicación primordial da nosa cultura popular.

O Grupo está conformado polas seguintes persoas: Ana AcuñaFélix Castro VicenteIsidro NovoMaría do Carme Pernas BermúdezCalros SollaXurxo Souto e Antonio Reigosa, todas con longa experiencia e recoñecido prestixio nos campos da investigación, recreación e difusión da literatura de tradición oral e, en xeral, nos diferentes ámbitos da cultura popular tradicional galega.

O Grupo, logo de avaliar a traxectoria e actividades da Sección ao longo dos últimos anos, acordou dar continuidade aos proxectos PolafíasXornadas de Literatura de Tradición OralMestras e Mestres da Memoria.

En canto ás Polafías, organizaranse dúas en 2015: a primeira delas terá lugar o vindeiro sábado 21 de marzo, ás 17:30 h., en Tallo, Ponteceso, co lema Non deas a esquecemento: regueifeiras/os; e outra polafía que terá lugar ben na provincia de Ourense, ben na de Pontevedra.

Tocante á VIII Xornada de Literatura de Tradición Oral -a celebrar en Lugo no próximo outono- o tema a tratar será o sexo e a escatoloxía na Literatura de Tradición Oral.

Tamén acordou reunir propostas para novas gravacións en vídeo de Mestres e Mestras da Memoria.

Así mesmo o Grupo resolveu integrar e promover novas actividades a nivel local (xornadas, relatorios, representacións…) similares ás que se viñeron desenvolvendo en Lugo nos anos pasados como o Obradoiro de Narración Oral, Letra das Festas, Recital de Coplas de Antroido…, considerando representada a Sección naquelas actividades onde participe, colabore, promova ou interveña calquera dos membros do Grupo de Traballo. Tamén elaborar un mínimo de dúas unidades didácticas durante o ano 2015 para impulsar o uso do arquivo videográfico e documental da Sección de Literatura de Tradición Oral da web da AELG, así como crear un blog específico da Sección de Literatura de Tradición Oral dentro da web da AELG, no que se anunciarán as diferentes actividades que se desenvolven polo país en relación á oralidade e cultura popular, así como publicar os artigos que se consideren.

Tallo, Ponteceso: Polafía no Día Mundial da Poesía

CartelPolafiaTalloMarzo2015Coa participación de:
– Carmen Eiroa (Pardiñas-Tallo), que falará dos regueifeiros/as que coñeceu (por exemplo, a afamada Leonarda de Tallo).
– Obdulia (Xornes), quen falará de seu pai, o afamado Calviño de Tallo.
– Teresa (A Campara-Cores), contaranos do afamado Cadete de Figueroa-Cores.
– Carmen (Mandián-Xornes), ilustraranos sobre o seu parente, o afamado Mandián de Xornes.
– Matilde Vilariño (Dombate-Borneiro), recitará un poema sobre os regueifeiros, composto especialmente para esta Polafía.

O profesorado e alumnado do Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro tamén colabora e participa nesta Polafía, xunto ás regueifeiras e regueifeiros Lola, de Pardiñas (Tallo), Dolores do Coxo (Borneiro), José de Severo (Borneiro), Manuel Fariña (Cesullas) e Suso de Xornes.

A parte musical correrá a cargo de Eloy Mato, neto de Matilde Vilariño, de Dombate.

Rianxo: Catro singraduras en honra de Manuel Antonio

MA_CARTEL_ANUNCIADOR

Pontevedra: coloquio sobre A literatura infantil e os temas feos, con Clara do Roxo e Francisco Castro

OXV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra domingo 22 de marzo, ás 19:30 horas, no XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (no Pazo da Cultura), terá lugar un coloquio arredor de A literatura infantil e os temas feos, onde dous creadores conversarán sobre o emprego de asuntos tradicionalmente afastados da LIX nas súas obras. Cancro, con libros como A mamá que perdeu as cóxegas, de Clara do Roxo, ou Chamádeme Simbad, onde Francisco Castro se achega á enfermidade do Alzhéimer, constitúen un bo exemplo de como eses temas “feos” son abordados, cada día con máis naturalidade, polos nosos escritores e escritoras.