Pontevedra: espectáculo de A guerra dos números, con Lucía Aldao e María Lado

OMaría Lado e Lucía Aldao martes 3 de marzo, ás 18:30 horas, no XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (no Auditorio Pazo da Cultura), María Lado e Lucía Aldao, co Seminario Permanente de Jazz Trío, participan no espectáculo interactivo de teatro e música, baseado no libro de OQO Editora A guerra dos números. Está dirixido a público a partir de 3 anos, cun prezo de 3 euros.

Luís Valle gaña o III Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

DesdeLuís Valle o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Na tarde do xoves 26 de febreiro, na Sala A de traballo da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, Carmen Carreiro, Luís Cochón, Mercedes Queixas e servidor xuntamos para decidir cal había ser o poeta distinguido este ano co Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, certame mozo que, secasí, chega xa á súa terceira edición.
Carreiro é a alma deste premio, pois ela foi quen o ideou e quen o anima dende a presidencia da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe de Fornelos de Montes, terra do escritor, que tamén se comprometeu na organización dende o concello, pois é esta a entidade patrocinadora do mesmo coa axuda da Deputación Provincial e mais de Sotelo Blanco, selo que publica as obras gañadoras.
Xunto a ela, que actuou con voz e sen voto, Cochón, Queixas e eu deliberamos por espazo de dúas horas para ir peneirando entre os trinta e nove títulos que se presentaron nesta convocatoria, unha cifra que confirma a boa saúde do certame, no que se contou con poemarios de estimable altura.
Logo das correspondentes cribas, rematamos por escoller o orixinal presentado a concurso baixo o título As cicatrices do Sol e o pseudónimo Dylan Dog, curiosa máscara (remite a un famoso cómic italiano de Tiziano Sclavi considerado de culto entre os amantes do Fumetto Nero) tras da que, aberta a plica, resultou agocharse Luís Valle, poeta lucense cunha traxectoria importante que o levou a obter no 2008 o Premio de Poesía Caixanova coa obra A caída e no 2010 o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Fedor, aos que sumou ultimamente Caderno do mendigo, publicado por Barbantesa no 2012.
As cicatrices do Sol sorprendeunos pola forza simbólica dos seus textos. Hai nel un elaborado urdido no que van tecéndose fías dun a outro poema que remiten a conceptos clave que cómpre decodificar axeitadamente para a comprensión do conxunto: as raíces, os anxos, as espiñas, os cervos, os corvos e as pombas ou as babas e os caracois son algunhas presenzas que proporcionan a este territorio lírico unha consistencia significante alén do aparencial.
Gustou, tamén, a orixinalidade da imaxinería que sostén o poema, posuidor dunha singular dicción que moitas veces relanza os versos cara a unha entidade dialóxica intermedia á que a voz poética dirixe proclamas. Alentan as composicións nunha atmosfera oracular, mesmo por veces non dubidan en internarse nos eidos do profético, alzando a palabra para revelar verdades superiores que se enxergan ocultas e que desvelan a súa epifanía facendo que a plenitude solar disipe océanos de sombra. (…)”

Queres participar nalgún dos xurados dos Premios Xerais 2015?

DesdePremios Xerais Xerais:
“Despois de tres décadas de protagonismo dos lectores e lectoras non profesionais nos xurados dos seus premios literarios, Xerais acordou neste ano 2015 abrir a posibilidade de que participen neles aquelas persoas que así o desexen. Con esta intención, ábrese unha convocatoria para escoller tres persoas que formarán parte de cada un dos xurados da 32ª edición do Premio Xerais de novela, da 30ª do Premio Merlín de literatura infantil e da 7ª do Premio Jules Verne de literatura xuvenil.
Nesta convocatoria poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos e residentes en Galicia que antes do 16 de marzo de 2015 envíen ao correo xerais@xerais.es un texto no que xustifiquen o seu interese por participar no xurado que sexa da súa preferencia. Nesta comunicación deben facer constar o seu nome, enderezo postal, teléfono, correo electrónico de contacto e calquera outro dato persoal que consideren de interese para candidatarse.
As persoas participantes nesta convocatoria comprométense a valorar os orixinais que sexan sometidos á súa consideración durante os meses de abril e maio de 2015, a asistir ás dúas reunións deliberativas convocadas pola editorial, así como a acudiren ao acto do ditame que se celebrará no curso da Festa Xerais o 6 de xuño de 2015. Do mesmo xeito, asumen que estas tarefas non serán retribuídas, declaran non ter relación familiar con ningunha das persoas concorrentes e comprométense a manter confidencialidade sobre as lecturas, deliberacións e acordos nos que participen.
Para calquera dúbida sobre os termos desta convocatoria, escribir a xerais@xerais.es

Vigo 24 de febreiro de 2015″

A Estrada: lectura pública da obra de Rosalía de Castro

OEuSonRosalia___(1) sábado 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala de Exposicións de Abanca da Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes organiza unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro e a proxección de I ante aquel silencio mudo.

A Estrada Dia-de-rosalia

Vigo: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez

ORosa Enríquez por Eduardo Castro Bal sábado 28 de febreiro, ás 20:30 horas, na A. C. Bou Eva (Rúa Tercio de Fóra) de Vigo, Rosa Enríquez presenta o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado pola editora O Figurante. No acto, xunto á autora, participan Elvira Riveiro, Rexina Vega e Neves Soutelo.

Rosa Aneiros: unha literatura comprometida

EntrevistaRosa Aneiros de Carlos Loureiro a Rosa Aneiros en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Rosa, a túa necesidade de contar parece ser que lla debes a teu padriño…
– Rosa Aneiros (RA): Si. El era un gran contador de historias e sempre envexei a súa capacidade para crear un mundo novo a partir das palabras. Foi un auténtico mestre polo seu bo facer tanto na recreación de atmosferas como na articulación do ritmo do relato. Por iso sempre dixen que de grande quería ser pensionista, coma o meu padriño, e pasar as horas a contar contos. E cheguei a periodista, non hai tantas letras de diferenza…
– NG: Claro, pero o superestrato do xornalismo, da comunicación, tamén vai influír, ou non?
– RA: Non sei que foi antes, se o ovo ou a galiña. Se a necesidade de contar o mundo chegou da man dese que ti nomeas como superestrato do xornalismo ou, en cambio, chegou canda os contos do meu padriño. Tanto ten. Nunca me preocuparon as razóns de por que, talvez polo temor demasiado fundado de que, se atopo as razóns de por que escribo, daquela deixarei de facelo. Ten un aquel de misterio que me seduce á hora de narrar e sen el supoño que carecería de sentido… (…)
– NG: Resulta incomprensíbel que nestes intres onde a literatura galega de autoría feminina nada ten que envexar á literatura de autoría masculina aínda sigamos a falar de “literatura de muller” e non de “literatura masculina”, non cres?
– RA: Eu escribo literatura e, claro, por suposto, son unha muller. Iso condiciona profundamente a miña maneira de ver o mundo e, como tal, aparece reflectido na miña obra. Ademais, hai outras variantes que inflúen e, xunto co xénero, constitúen un amálgama indisoluble que determina o que escribo ou deixo de escribir: a lingua, a educación, a familia, a música, a propia literatura, o cinema, as amizades, a actualidade inmediata, a relixión, a procedencia social, o lugar das primeiras vivencias, a contorna, o ámbito laboral… Todo xunto e remexido fai de min o que son e o que escribo. Pero creo que a calquera persoa lle acontece o mesmo sexa home ou muller… Outra cousa é que por “literatura de muller” entendeses a miña vontade de visibilizar as mulleres, esas que tantas veces permanecemos invisibilizadas e menosprezadas polo discurso do poder e non tanto polo xénero da autoría…
– NG: Es quen de te meter nunha trama narrativa e esqueceres o compromiso? E ao mellor reincidindo no anterior, poderá unha obra literaria acadar o cualificativo de “universal” porque sexa válida para conectar coa realidade de calquera sociedade do mundo?
– RA: Creo que toda obra aspira a ser universal na medida en que conta algo íntimo do ser humano. Nese sentido, todas as obras van alén das circunstancias inmediatas para nos narrar algo de nós mesmas que vai alén das fronteiras do visible. E engadiría que sempre existe compromiso na literatura: polo que escribes e, tamén, polo que non. As palabras non escritas tamén definen a quen renuncia a elas.
– NG: A vida é a base da túa escrita, da túa necesidade por escribires. Que tería que ocorrer para deixares de narrar?
– RA: Sempre puxen a vida por diante da escrita, a pesar de seren indisociables en certa maneira. Por tanto, sempre antepoñería a vivencia por riba do tempo para escribir. E hai moitas circunstancias polas que podería ter que deixar de narrar. Non é algo que me preocupe. A vida debe ter os seus prazos, os seus tempos, o seu propio ritmo. Pero, ademais da vida, é a propia escrita quen determina os seus prazos. Para min cada obra é a última non sentido de que non sei se vou escribir máis, ben porque a vida tropece comigo ou porque sinta que non teño nada máis que dicir… Vivir cada texto como se non houbese outro fai que cada un deles sexa especial e único. Quen sabe o que sucederá mañá? Se cadra, non teño nada máis que contar… (…)”

A Coruña: recital de Luís González Tosar e Robert Pinsky no Ciclo Poetas Di(n)versos, o luns 2 de marzo

O Luís González Tosar 2 lunsRobert Pinsky 2 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Luís González Tosar e Robert Pinsky. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2015.