Pontevedra: actividades destacadas do Salón do Libro para o venres 1

OXVII Salón do Libro Pontevedra venres 1 de abril comeza o Salón do Libro de Pontevedra 2016, que se celebra no Pazo da Cultura, cos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:00 a 20:00 h., e sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h. O propio venres 1 terán lugar os seguintes actos destacados dentro do seu programa:
18:00 h., no Auditorio do Pazo da Cultura: As Peripecias de Extravaganzza Pérez, Conto musicado. Con María Lado, Lucía Aldao e o Seminario Permanente de Jazz. Espectáculo feito especialmente para o Salón baseado no libro homónimo de Ledicia Costas. A partir de 4 anos. Entrada libre ata completar cabida.
19:00 h.. Obradoiro: Extravaganzza en Pontevedra, impartido por Anxo Fariña. A partir de 3 anos. Entrada libre ata completar cabida.

Felipe Senén: “Manuel María é integralmente radical coa tradición, o clasicismo e a innovación galega”

EntrevistaFelipe Senén a Felipe Senén na Real Academia Galega:
“- Real Academia Galega (RAG): Que características pensa que definen a obra de Manuel María?
– Felipe Senén (FS): A súa coherencia insubornable con canto supón Galicia. O seu humanismo galego como achega á universalidade.
– RAG: Cales son, ao seu xuízo, as súas achegas de maior interese?
– FS: Enxertar paisaxe e paisanaxe galega ante o acontecer, coidando clasicismo e tradicións literarias e innovando sobre elas. A súa Ítaca de ida e volta, a súa vara de medir o mundo é a Casa, Outeiro de Rei, a Terra Chá e Galicia.
– RAG: Que pegada coida que deixou na cultura galega?
– FS: Imborrable mentres Galicia exista: obra cantada, solicitado como poucos poetas, precisamente por ser integralmente radical coa tradición, o clasicismo e a innovación galega.
– RAG: Que vixencia conserva a súa creación?
– FS: É vixente agora e sempre: se buscas a orixe, a orixinalidade, a identidade… Se buscas a Galicia, nel has de atopala… Entendo que é un clásico.
– RAG: Como descubriu vostede a Manuel María? Que recordo garda daquela descuberta e que supuxo para vostede?
– FS: Dende 1968 até o seu fin, mesmo como compadre, coincidente nunha fronte de sensibilización para enxergar canto supón a historia e a cultura de Galicia. Un carismático referente inesquecible, que sabía usar a retranca, a bonhomía, viaxeiro para tripar as pegadas dos pasos, buscar o locus amoenus dos seus admirados, Rosalía, Francis Jammes, Antonio Machado, Aresti, Torga, Otero Pedrayo…
– RAG: Cal é a súa obra ou o seu poema favorito de Manuel María? Por que?
– FS: “A nai enche” (Ritual pra unha tribu capital de concello). É todo unha lección de esencias galegas, da Casa… que vencella moitas tradicións galaicoportuguesas.”

Xosé Duncan: “Ás veces teño a sensación de que hai máis escritores ca lectores en galego”

EntrevistaXosé Duncan de César Lorenzo Gil a Xosé Duncan en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Para que crear Lermos? Foi por cubrir algún oco? Por engadir un punto de vista máis ao ecosistema de información sobre literatura en galego?
– Xosé Duncan (XD): Si. Se buscamos no Google ou, simplemente, nos poñemos a perder o tempo navegando pola Internet na procura de algo interesante, chegaremos á conclusión de que as webs adicadas á literatura galega poderían ser clasificadas en dous grupos. Por unha banda temos os blogues de escolas e bibliotecas e pola outra as webs da crítica e as editoriais. Obviamente hai excepcións mais, xeneralizando, unha persoa que procure información sobre a literatura en galego atoparíase cunha visión bipolar das nosas letras. Nun extremo os proxectos de fomento á lectura dos docentes e os posts do seu alumnado e, no outro, as análises da crítica e as auto-recensións das editoriais das novidades literarias que, na maioría das ocasións, teñen un nivel de narrativa e complexidade de recursos estilísticos mesmo superiores á obra da que falan. Cando decidimos o que queriamos que fose Lermos, tiñamos moi claro que debería ser un punto de encontro no que tivese cabida toda a literatura (en especial aquela da que non se fala por moitos e variados motivos) mais tratada dun xeito accesíbel e atractivo para calquera amante das letras, desde un nivel básico de acceso até mesmo para algún erudito que se deixase pasar pola web. (…)
– B: Hoxe visibilízase máis ca nunca esa dupla faceta do lector que acaba converténdose en escritor afeccionado, acode a obradoiros de escrita creativa e por fin publica. Como valora esa vía de entrada á literatura?
– XD: Pois supoño que é tan lícita coma outra calquera. Eu, por exemplo, fun moi lector de rapaz e xusto cando deixei de ler, déuseme por escribir. A vida é frenética e, polo menos a min, non me dá tempo para as dúas cousas. Na miña opinión, o importante non é como chegues a escribir senón o que escribas e como o fagas. Si que é certo que semella que hai un boom de obradoiros e plataformas que posibilitan escribir e mesmo de publicar. Mais, en certo modo, resúltame estraño. Quero dicir que se a min me gusta escribir, escribo. Non me adico a ler durante anos e, de súpeto, dáseme por pensar que hai un escritor en min. É como se escoitas heavy metal toda a vida e un bo día decides aprender a tocar a guitarra. Se tiveses vocación, se tiveses a necesidade de envorcar a túa alma sobre unha páxina en branco, terías agarrado unha guitarra tan pronto como rematases de escoitar o primeiro disco. (…)
– B: Falemos de Duncan como autor. Vostede forma parte da nómina de autores da convocatoria de Contos Estraños. Que representou para vostede esa publicación?
– XD: O meu nacemento como escritor. Eu era un escritor nas sombras do meu cuarto. Abandonara a lectura había tempo para me deixar levar polos meus propios pesadelos. Só precisaba unha porta que cruzar e alguén que me ensinase a subir os chanzos dun xeito máis ou menos aparente. Iso foi para min a oportunidade que me ofreceron Fernando M. Cimadevila e Tomás González Ahola. Sen eles, sinxelamente, non escribiría. Eu son dos da clase creativa que non van a obradoiros porque non se consideran bos dabondo nin se presentan a certames literarios porque pensan que iso é para os entendidos e cultos. Así que o meu destino sería o do artista incompleto, non formado e, a poder ser, moi bohemio e afundido na miña propia frustración. Si. Contos Estraños foi a miña psicoterapia. (…)
– B: Malia a forte implantación dunha tradición oral fantástica e termos un nutrido grupo de escritores de prestixio que cultivaron dun ou doutro xeito o xénero (Fole, Risco, Ferrín…) si chama a atención que non haxa máis autores e obras de hoxe en día que escriban fantasía e sobre todo que teñan éxito. Non sei como ve o tema.
– XD: A miña teoría é que a fantasía está considerada unha literatura moi interesante, e mesmo beneficiosa, para lles dar de ler ás crianzas. Por ese mesmo motivo non está ben visto, ou cando menos ben considerado, que un adulto siga a ler ese tipo de literatura. Xa non che digo nada se un adulto a escribe, agás que o faga para a rapazada. Iso si, despois imos ao cine e consumimos toda fantasía que nos poidan querer vender. Aínda que ninguén se estraña que non leven Oscars, polo menos si que se lles permite ser un produto de consumo masivo. Eu firmaba agora mesmo por non gañar na vida os galardóns e premios que levou, ben merecidos, o mestre Agustín Fernández Paz e vender 5.000 exemplares ao ano d’As Crónicas. E non o digo polos cartos, eh. Só hai que ler ‘Onde van os cartos dun libro?’ en Lermos para saber canto ingresaría eu ao ano por eses 5.000… Non sei, supoño que é o peixe que morde o rabo. Non hai demanda e non hai oferta ou a oferta que hai, ao non haber demanda, ten un proceso de maduración e perfeccionamento máis lento do que debera e está a tardar demasiado en acadar o nivel e a importancia que podería ter. (…)”