Últimos días para presentar traballos ao XII Premio de Xornalismo Johán Carballeira
Cuestionario Proust: Francisco Fernández del Riego
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Francisco Fernández del Riego, que reproduce a entrevista (realizada en 1985) contida en Oficio de escribir (Edicións do Castro, 1990), co permiso do seu autor, Luís Rei Núñez:
“– Principal trazo do seu carácter?
– A teimosía.
– ¿A cualidade que prefire nun home?
– A ética.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A beleza e o talento.
– ¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– A entrega amistosa.
– ¿O seu principal defecto?
– A manía da puntualidade, porque me excedo.
– ¿A súa ocupación favorita?
– O traballo en xeral.
– ¿O soño de ventura?
– Unha Galicia rica e potente no mundo material e no da cultura.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– Que o meu país se perdese e que os meus amigos se alonxasen de min.
– ¿Que quixera ser?
– O que son.
– ¿En que país desexaría vivir?
– En Galicia.
– ¿A color que prefire?
-O branco e o vermello.
– ¿A flor que prefire?
– A rosa e o alhelí.
– ¿O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– Os novelistas do XIX: Balzac, Stendhal, Dostoievski, Dickens…
– ¿Os seus poetas preferidos?
– Hölderlin, Rilke e Rosalía.
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Lanzarote do Lago.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– Eloísa.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– Rimsky-Korsakov e Beethoven.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Rembrandt, Van Gogh e Goya.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– … Non se me ocorren.
– ¿As súas heroínas históricas?
– … Tampouco teño ningunha na mente.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– Amistade. Amor.
– ¿Que detesta máis que nada?
– A mentira, a hipocresía, a falta de honestidade.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
– Os dictatoriais de tódolos tipos.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– Son pouco afeizoado a destacar feitos militares.
– ¿Que reforma admira máis?
– …
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– Talento e vontade.
– ¿Cómo lle gustaría morrer?
– Sen sentilo.
– ¿Estado presente do seu espírito?
– De optimismo.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– ….
– ¿O seu lema?
– Traballar.”
Os Reis con Otero Pedrayo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Nos comezos de xaneiro, pero de 1960, Ramón Otero Pedrayo remitía a Xosé Díaz Jácome unha carta de agradecemento en resposta a unha postal de nadal que o de Mondoñedo lle remitira días antes.
Nesta misiva inédita que aquí se exhuma, o señor de Trasalba, coa súa característica prosa, gabáballe a Díaz Jácome os versos da “Panxoliña de Noiteboa”, ao tempo que lle expresaba os mellores desexos para o ano entrante. Fágoos agora meus para transmitirvos o mellor neste día de Reis do ano que abrocha:
“¡Que teñan, acarón dos seus, un ano (…) ben inzado de ledos e fortes traballos e maxinativos folgares!”
Entrevista a Ledicia Costas sobre Escarlatina, a cociñeira defunta
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Conversamos coa escritora Ledicia Costas sobre o éxito entre o público infantil do premiado Escarlatina, a cociñeira defunta. A entrevista pódese escoitar aquí.”
Entrevista a Xosé Ramón Pena arredor de Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“O investigador Xosé Ramón Pena analiza o Rexurdimento no segundo volume da Historia da Literatura Galega: Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento, publicado por Xerais. A entrevista pódese escoitar aquí.”
Casas literarias: Castelao
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Dou comezo hoxe a unha nova sección, Casas literarias. Nela irei dando razón de vivendas de especial relevo por ter sido berce e/ou casa familiar de escritores. A intención é ir creando, devagar, unha sorte de arquivo fotográfico destes predios ata constituír algo así como un mapa de soares onde aniñou o xermolo da nosa literatura. Endalí, irán aparecendo xunto a casas célebres ou máis coñecidas outras menos sabidas e ata esquecidas, pois cómpre recuperar como activo este patrimonio que forma parte principal da historia das letras galegas. (…)
En realidade o lar de berce de Castelao non foi ese, senón un de mampostería encalada que ergueran os seus avós maternos no número 29 da rúa Cabo da Vila. Alí viviu, na compaña de súa nai Xoaquina Castelao Gemme, ata que tivo nove anos, idade á que marcharon ata a Arxentina, onde emigrara seu pai Mariano Rodríguez Dios cando o pequeno tiña tres meses.
Da Arxentina non volveron os Rodríguez Castelao ata 1900. De primeiras, recibíronos na casa de Cabo da Vila, pero ben pronto arrendaron a Casa das Balconetas, fronte por fronte do Concello, onde residiron pouco máis de dous anos. Tras ese tempo e cos cartos que o pai lograra reunir logo na súa segunda ida á Arxentina (a onde regresara ao ano e meses despois de deixar a familia en Rianxo), adquiriron a vivenda con baixo e pisos sita na rúa de Abaixo, número 7, que é a que pode verse na foto e a que foi, dende aquela, vivenda familiar na que permaneceu a descendencia de Mariano e Xoaquina ata a fin na persoa de Tareixa, a irmá máis nova do autor, que a habitou ata marzo do 2000.
Na casa da rúa de Abaixo poden verse hoxe varias placas que lembran o vínculo do escritor coa mesma ao tempo que a homenaxean por mor de efemérides varias. É pois, unha vivenda emblemática, xa que foi o lugar no que se fixo mozo e no que residiu cando non estaba en Compostela por mor dos estudos, un predio, de por parte, ben próximo aos dos tamén célebres rianxeiros Manuel Antonio e Rafael Dieste, con soares na mesma rúa. (…)”
Manuscritos: Francisco Añón
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Froito da colaboración que establece xenerosamente a Fundación Penzol con este blogue, para divulgar algúns dos seus fondos bibliográficos manuscritos, ofrécese aquí un poema manuscrito de Francisco Añón (1812-1878). Para recabar algunha información sobre a composición “Alma en pena”, ou tamén coñecida como “A pantasma“, vistas as dificultades que presentaba o orixinal para a súa lectura e interpretación decidín acudir a Ramón Blanco, profesor, poeta e salientable investigador sobre Añón que sistematizou unha mostra do seu saber oceánico sobre este poema. Coa autorización do autor de Emily on the road, comparto abaixo boa parte das súas reflexións pois axudan a entender cabalmente a composición, tanto a súa intrahistoria como a súa peripecia ecdótica. Beizón, ao profesor Ramón Blanco pola súa estimable lección. (…)”
Publicado o novo número da revista Escrita Contemporánea, coas actas da VII Xornada de Literatura de Tradición Oral
Publicouse un novo número da revista da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Escrita Contemporánea, coas actas da VII Xornada de Literatura de Tradición Oral e título Amuletos e reliquias. Usos e crenzas, que xa pode ser consultada en liña aquí.
Tabela dos Libros de xaneiro 2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Principia o ano e con el a primeira Tabela dos Libros da xeira. Nela figuran seleccionados os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”