Desde Galicia en el Mundo:
“O sábado 29 de novembro, tivo lugar o acto de concesión dos premios do Certame Literario Rosalía de Castro 2014, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellá (Barcelona), que este ano acada a súa 28ª edición na modalidade de poesía en lingua Galega e a 11ª na de narrativa, e no que foron galardoados cos primeiros premios: Miriam Ferradáns, en poesía, e Alba Sánchez, na modalidade de narrativa.
O acto de concesión dos premios foi precedido dunha charla-coloquio a cargo da escritora Elí Ríos, filla de pais emigrantes galegos en Londres e residente en Galicia, que presentou o seu ultimo libro, Anamnese, un poemario co que ven de gañar o II premio de poesía Manuel Lueiro Rey. (…)
O presidente do xurado do certame, Jordi García Guitart (Rexedor delegado da Cidade da Lectura e Política Lingüística do Concello de Cornellà), e composto por persoas relevantes da cultura galega, deu a coñecer aos gañadores da edición deste ano 2014.
Na modalidade de poesía, na 28ª edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, os gañadores foron os seguintes:
– Primeiro premio: Miriam Ferradáns, de Bueu, polo seu poema titulado O sangue que corre polas rúas. Dotación, 500 euros.
– Segundo premio: Verónica Martínez e Alberte Momán, de Lugo, polo poema Test de embarazo positivo. Dotación, 300 euros.
– Terceiro premio: Xosé Otero Canto, de Lugo, polo seu traballo Rolando o vento para o Nordés. Dotación, 200 euros.
Na modalidade de narrativa o mesmo xurado concedeu o premio da 11ª edición do Certame de Narrativa Rosa Reboredo, ao traballo en Galego presentado por Alba Sánchez Ares, de Santiago, polo seu traballo Querida Lola. Dotación 500 euros.”
Ferrol: presentación de Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, de Verónica Martínez Delgado, e Da Vida Conclusa, de Mário Herrero
A sexta feira 5 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundaçom Artábria (Travesa de Batallóns, 7), en Esteiro, Ferrol, preséntanse Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter, de Verónica Martínez Delgado, accésit do VIII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, e Da Vida Conclusa, de Mário Herrero Valeiro, II Prémio de Poesía O Figurante.
Isaac Alonso Estraviz obtén o Premio Brais Pinto da A. C. Auriense
Vigo: presentación de Nestes Días, de Neves Soutelo
O venres 5 de decembro, ás 20:00 horas, na Asociación Cultural Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase Nestes Días, de Neves Soutelo, publicado pola Porta Verde do Sétimo Andar.
Cambre: inauguración da exposición e presentación de A fuxida, de Berta Dávila e Inma Doval
Ourense: presentación de Lúa Plenur, de Alfonso Rodríguez
A Coruña: presentación de Galiza, um Povo Sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira
A sexta-feira, 5 de decembro, ás 20:00 horas, na Linda Rama (Rúa Porta de Aires, 4, baixo) da Coruña, preséntase Galiza, um Povo Sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Helena Miguélez-Carballeira, publicada por Através, editado orixinalmente en inglés, con tradución de Fernando Vásquez Corredoira. No acto, xunto á autora, participa Alberto Lema.
Carlos Labraña leva o VIII Premio Estornela de Teatro para nenos
Desde Cultura Galega:
“A pequena compaña é o título da obra coa que Carlos Labraña Barredo obtivo o VIII premio Estornela de Teatro para nenos. O xurado, composto por Xosé Neira Vilas, Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez, destacou a “perfecta caracterización dos personaxes, a tensión dramática e o vibrante ritmo narrativo” así como a mestura de tradición galega e mitoloxía clásica da obra. O galardón que convoca de xeito bienal a Fundación Neira Vilas está dotado con 600 euros en metálico e mais a publicación da obra. Canda a este traballo, entre os 18 presentados, o xurado concedeu tamén mencións de honra ás obras As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro Martínez, e mais a As aventuras de Odiseo, de Xosé Luna Sanmartín.”
As cinzas de Francisco Carballo volverán a Galiza
Desde Sermos Galiza:
“Unha semana despois da súa morte, os restos mortais de Francisco Carballo serán soterrados na súa parroquia natal de Asadur, Será o sábado día 13 de decembro nun acto que terá lugar ás 11:30 h. da mañá. Para o 27 de decembro está marcada unha homenaxe popular en Maceda. (…)”