Suso de Toro: “O meu proxecto literario está finalizado”

EntrevistaSuso de Toro de César Lorenzo Gil a Suso de Toro en BiosBardia:
“- BiosBardia (B): No 2010 vostede anuncia que deixa a literatura. Por que?
– Suso de Toro (SdT): Consideraba que acabara un ciclo vital e profesional. Para min, a literatura fora unha empresa á que me dedicara con esforzo e ilusión. Constatei os límites da miña realidade, até onde podía chegar. Tamén os límites da miña literatura; cheguei a un punto de autocoñecemento suficiente para parar. Decidín cerrar o ciclo porque estaba conforme comigo mesmo. E ao mesmo tempo profundamente disconforme co que estamos a vivir en Galicia e en España. Só un exemplo: o último Sant Jordi ao que acudín, no 2010, esa festa do libro que celebra Barcelona o 23 de abril, un programa da segunda cadea de TVE púxonos xuntos para entrevistar a min, un escritor en catalán e outro en vasco. Cando me tocou falar, empecei a soltar palabróns, a queixarme de que para a cultura oficial, as linguas do Estado só daban para un deses chistes que empezan con “Un vasco, un galego e un catalán…”. Non sei se emitiron aquilo pero quedei contente de poder expresar tanto cansazo acumulado.
– B: Mais agora volta con Somnámbulos.
– SdT: Este libro nace do primeiro relato, “Negocios de familia”. Era un texto que necesitaba botar fóra, que me proía. É un relato que ten moito a ver coa miña propia idade. A partir dos 50 anos, as persoas, tamén os escritores, empezamos a reflexionar e a falar sobre a nosa propia vida. A orixe deste relato está na miña propia vivencia de mocidade no remate do franquismo; é unha reflexión sobre o pasado. Os outros textos xa estaban escritos desde hai tempo. O segundo, “Conversando coa auga”, é unha encarga da Fundación Augas de Barcelona; o terceiro, “Insomne”, naceu primeiro como unha gravación magnetofónica.
– B: Así que este libro é unha paréntese. Volverá ao silencio.
– SdT: Agora escribo só polo pracer que me dá a loita que supón a creación. Xa non teño propósito de nada. Xa non me quero encadear aos lectores. Pero no futuro seguro que escribirei libros e intentarei publicalos. O meu proxecto literario xa está finalizado. (…)
– B: Vostede dixo unha frase moi interesante sobre o estilo: “Hoxe, aínda que queiramos, xa non podemos escribir coma o facía Robert Louis Stevenson”. O escritor do século XXI pode escribir como facía James Joyce?
– SdT: A min Joyce interésame como construción autoral; en canto á experimentación, eu sempre fun da idea de que había que lograr a liberdade expresiva e a busca da transmisión. Nunca quixen romper co lector. O Ulises de Joyce é unha perversión do pacto literario. Volvendo a Joyce como construto artístico, considero que realizou o seu empeño de converterse nun grande escritor con grande astucia. Quería que a súa obra ocupase un posto de poder e logrouno. A min interésame a dialéctica que ten con Irlanda, algo que se oculta xeralmente no estudo que del se fai desde España. Está claro que era un antiimperialista. Gústame moito esa frase que dicía de que quería arrebatarlles a lingua inglesa aos ingleses. (…)”

A Coruña: obradoiro A palabra que hai, por Estevo Creus, o venres 30 e sábado 31 de xaneiro

DesdeEstevo Creus Apiario:
“Periodicamente Apiario ofrecerá cursos intensivos e monográficos que coordinarán autor*s de recoñecido prestixio. Dentro da formación que ofrecemos aos nosos habituais parécenos fundamental a exposición ás distintas miradas literarias, para que cada quen poida atopar os camiños teóricos, metodolóxicos e prácticos máis axeitados para a súa voz.

A palabra que hai, con Estevo Creus, vai dirixido a todos aqueles que queiran achegarse ao traballo poético dende o cerne da palabra.
Número de horas: 8.
Horario: Venres 30 xaneiro (18:00 a 20:00) Sábado 31 xaneiro (11:00-14:00 e de 17:00-20:00) Prezo: 65 euros.
Descrición: A palabra que hai é un obradoiro de escrita/pensamento no que, mediante xogos coas palabras e actividades de escrita, tenta provocar reflexións sobre os procesos creativos de forma que a suma de xogo, escrita e reflexión ofreza ás persoas participantes ferramentas novas para enfrontar calquera proceso creativo.
1. A palabra bala.
2. A palabra habitable.
3. A palabra é un como?
4. A palabra en ¨Lázaro e anda”.
5. A palabra en formatos.
Matrícula e máis información: info@apiario.eu”

Vigo: obradoiro de escritura creativa. As técnicas dos grandes autores, con Dores Tembrás

DesdeDores Tembrás Afundación:
“A proposta deste obradoiro tenta abordar a escritura creativa dende os mestres. Así apoiaremonos na análise dos mecanismos que algúns autores empregan maxistralmente nas súas obras, co obxectivo de penetrar e descubrir as súas ferramentas. O que nos interesa é fixar aquelas técnicas que servirán de guía para a propia escritura.
Organizado en catro bloques o traballo coa palabra irá da man de Julio Cortázar dende a concepción da trama, internándonos no proceso do misterio xunto co manexo da tensión e a distensión. Despois deterémonos con Sandor Marai na construción das personaxes, as posibilidades que se abren no retrato profundo, e esa procura da unicidade, da personaxe xenuina que trascende a propia obra. A seguir traballaremos con Herta Müller e o estilo único que fai recoñecíble a voz da autora. E fecharemos cunha das voces máis potentes do panorama galego, Gonzalo Hermo, que servirá de modelo para mergullarnos na precisión e a arquitectura do poema.

TRAMA: Cortázar. Casa tomada
O misterio necesario
Levar da man ao lector
Entre tensión e distensión
O final. Ecoando. Onde todo comeza
PERSONAXES: Sandor Marai. A herdanza de Eszter
Cuestión de detalle
Verosimilitude. Credibilidade
Accións e relacións
Individuos únicos
ESTILO: Herta Müller. O home é un grande faisán no mundo
A prosa poética
Contar e cantar
Ritmo. As palabras e a música
A construción da imaxe
PRECISIÓN: Gonzalo Hermo. Crac e Celebración.
A procura da palabra
Referentes. Cando o diálogo é imprescindíbel
De constelacións. O poemario que agroma
Fechar. O sen alento final

– Datas: Os venres, 13, 20 e 27 de febreiro ao 6 de marzo de 2015
– Horario: 18:00 a 20:30 h.
– Lugar: ​Sede Afundación Vigo (Rúa Policarpo Sanz, 24-26, Vigo. C. P. 36202).
– Duración: 10 horas.
– Prezo: 75 €
– Docente: Dores Tembrás.
– Prazas: 15.
– Inscricións en Servinova.
– De non chegar ao número mínimo de inscricións (13 persoas), o obradoiro cancelarase e devolverase o diñeiro da inscrición polo mesmo método por que se realizou o pagamento. En caso de cancelación, avisarase por correo electrónico ou por teléfono con un día de antelación.”

Lugo: relatorio A represión da masonería galega durante o franquismo, por Carlos Pereira

OCarlos Pereira mércores 14 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), dentro do ciclo A Ditadura franquista: 40 anos de represión e resistencia, terá lugar o relatorio de Carlos Pereira Martínez sobre A represión da masonería galega durante o franquismo.

Vilaboa (Culleredo): tertulia sobre O Burgo nos séculos XVII e XVIII, con Carlos Pereira

O Carlos Pereiramércores 14 de xaneiro, ás 11:30 horas, na Biblioteca Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa (Culleredo), terá lugar unha tertulia de historia a cargo de Carlos Pereira Martínez, baixo o título de O Burgo nos séculos XVII e XVIII segundo os libros parroquiais. A entrada será libre para o público interesado.

Casas literarias: Alfredo Brañas

Desdeplaca-brañas-I o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Ás dez da mañá do 11 de xaneiro de 1859 viña ao mundo un dos persoeiros máis emblemáticos da intelectualidade galega da segunda metade do século XIX: Alfredo José Francisco Higinio Brañas Menéndez, Alfredo Brañas, gran teórico e promotor do Rexionalismo galego.
Alfredo Brañas naceu no centro mesmo de Carballo e a vivenda na que arrolou os soños naipelos pode hoxe visitarse na rúa Martín Herrera, 20. Alí viviu o que logo foi insigne ensaísta e catedrático da Universidade de Santiago ata os dous anos, pois en 1861 a súa familia trasladouse a Cambados, onde o pai foi exercer como rexistrador da propiedade. (…)
Agora ben, o herdo máis entrañable da pegada galeguista de Brañas no seu Carballo natal simbolízao o Bar O Mexillón, tasca histórica que se sitúa nos baixos da vivenda do prócer. Este local inaugurouse en tempos da II República, unindo o seu nome á memoria do escritor, a quen homenaxea nas súas paredes e na súa historia, pois polo Mexillón pasaron dende Álvaro Cunqueiro a Jorge Víctor Sueiro e houbo un tempo no que Urbano Lugrís fixo lucir alí a súa arte e chegou a se cantar o himno galego en pleno franquismo.
A casa de Alfredo Brañas en Carballo é un exemplo de recoñecemento das orixes e, ao tempo, de admirativa asunción do fillo preclaro. Que a tradición que encarna siga lampexando nese foro tabernario que hoxe ocupa os seus baixos é asemade unha mostra de como o pasado mítico e o presente poden convivir e mesmo retroalimentar un futuro de escrita e cultura posibles.”

casa-brañas

Quiosco: A Xanela 38

Desde Cultura Galega:
“Coa lembranza a Xulio Cuns, membro fundador da Asociación Cultural Eira Vella chega ao seu número 38 a revista A Xanela. A publicación betanceira inclúe nos seus contidos textos de creación, banda deseñada crítica, literaria e musical e análises sobre patrimonio entre outras cuestións. Elena Veiga, X. H. Rivadulla Corcón, Gabriela Rodríguez, Maxi Rei, ou Víctor Tizón son algunhas das sinaturas que participan na entrega.”

A Coruña: obradoiro De misterio e técnicas, por Dores Tembrás

Desdeef82f24141c153e29bb7f35d3aabc287 Apiario:
Co aninovo arrincamos un curso de escrita creativa na Coruña. Os luns (19.00-21:00) aproximarémonos á literatura da man de Dores Tembrás dende dúas perspectivas: misterio e técnica. Emoción e mensaxe. Todo para adentrarnos na trampa, para descubrir o motor do texto. Un dos obxectivos é analizar o estrañamento que ten lugar cando un poema ou unha prosa nos toca. Traballar dende o íntimo ao universal. Percorrer os grandes tópicos, achegarnos ás palabras da tribo. Procurar as chispas metálicas que desprenden o contacto de determinadas palabras e analizar o traballo de grandes escritores universais (Cortázar, Marai, Müller, Pizarnik, Valente, Paz…) co fin de fascinarnos e tentar acceder ao mecanismo do poema e a maquinaria do texto.
Queres escribir? Buscas un espazo onde compartir a túa escrita e adquirir novas técnicas?
Estamos en Apiario (Rúa Pondal 4, Entrechán Esq.) Dende o luns 12 de xaneiro podes achegarte cando queiras.
Matrícula e toda a info: info@apiario.eu”