Entrevista a Breogán Riveiro en Fervenzas Literarias

DesdeBreogán Riveiro Fervenzas Literarias, esta entrevista a Breogán Riveiro:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que o levaron a escribir?
– Breogán Riveiro (BR): Cando falo con rapaces sempre digo que o que máis nos distingue como especie aos humanos é a necesidade que temos de contar -e de que nos conten- historias. Un tal Xabier P. Docampo di no seu blogue que o acto máis sublime de amor é contar unha historia. Eu non creo tanto, non creo que sexa un “acto sublime” -se cadra para alguén da calidade literaria do vello mestre Docampo si, pero no meu caso non-, pero se non é un acto sublime é, en todo caso, un acto necesario. Contar historias é a maneira na que os humanos aprendimos, compartimos coñecementos, comunicamos e emocionamos ao longo de millóns de anos. A escrita, simplemente, é unha plasmación técnica deses relatos que contabamos ao carón das lumieiras. Unha técnica que nos permite contar a mesma historia moitas veces, a diferentes oíntes e en infinitos lugares. Unha técnica marabillosa en si mesma, pero que carece de sentido se perdemos a perspectiva de para que naceu: para contar historias.
Escribir, para min, é unha necesidade. No fondo -confeso- gustaríame máis poder contar historias en directo, conectando cos oíntes como fan Carlos Blanco, Cándido Pazó ou Avelino González. Pero, por desgraza, non dou a talla e debo facelo por escrito. Unha técnica distinta para o mesmo fin. (…)
– FL: Que é o que busca transmitir coa súa literatura?
– BR: Así, en global? É certo que toda obra nos “vende” algo ideoloxicamente, xa sexa á maneira da clásica “sentenza” ou de forma máis sibilina e publicitaria. Pasa inevitablemente. Eu son de esquerdas, non podo evitar que as miñas obras tamén o sexan, pero iso non significa caer no panfleto, nin que os protagonistas das miñas obras sexan da miña mesma ideoloxía -os personaxes teñen tendencia a ter as súas propias ideas-. Tamén son consciente de escribir para todo o mundo, así que tento que non se me note demasiado a ideoloxía, pero claramente teño que estar a prol de certas cousas como a igualdade; unha sanidade, educación e seguridade de todos e para todos; a democracia plural ou o libre cultivo e comercio de grelos, nabizas e outras herbas. Supoño que todo isto nótase nos meus libros, porque é inevitable, pero non é un obxectivo “primario”. O obxectivo “primario” é que o lector o pase ben. Por outra parte escribo en galego, que xa de por si é un posicionamento ideolóxico moi claro: avogas pola supervivencia dun idioma que morre. Herexía! E non só iso: Pretendo que un lector o pase ben lendo en galego! Dobre herexía! Eu coido que iso xa é importante abondo. E aínda por riba está o humor, que exerce de crítica, de agulla que pincha as ideas e que fai pensar. O humor é unha ferramenta imprescindible da intelixencia, pero é a máis deostada de todas as ferramentas. Dá medo ás mentes cativas -e por “cativas” non me refiro ás mentes dos nenos-.
Agora ben, se a pregunta de “Que pretendo transmitir coa miña literatura?” é máis fonda, máis transcendente, sinto que non podo responder. Son o bastante maduro como para saber que unha obra literaria, ou unha película, non van cambiar o mundo. Confórmome conque fagan pensar a unha soa persoa uns poucos segundos. Iso de facer “a obra” definitiva, a obra que deixará en nada a todas as demais obras, a obra que fará que a humanidade comprenda, por fin, o magnífico, transcendente e imprescindible que é o autor, non é mais que vaidade baleira.
No audiovisual pasa que coñeces a xente que quere facer “a” película. Cando lle preguntas de que vai esa película, que historia vai contar, responden que non importa, que iso tanto lles ten, que non o saben. O que importa é que vai ser “a” película. A definitiva. Enorme. Abraiante. Será un “antes” e un “despois” no cinema. Esquecen que somos simples contadores de historias, nada máis. (…)
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– BR: Sen dúbida un oficio que non permite vivir del non é un oficio. No meu caso teño claro que, estatisticamente, cada ano hai cinco ou seis galegos aos que lles toca a primitiva, e non creo que haxa cinco galegos que se poidan adicar profesionalmente á literatura en galego. Se é por cartos, xa que logo, resulta máis lóxico -estatisticamente- investir en primitivas e non en fotocopias das miñas obras. Se escribo -e en galego- é por outros motivos, non por diñeiro.
– FL: Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?
– BR: O mellor é escribir para un público sincero, o peor deste público é que non é totalmente libre: non coñezo a moitos rapaces que vaian mercar libros en galego de “motu propio”. Por outra banda, non está demasiado ben visto escribir LIX. En xeral en Galicia -e en España- as literaturas de xénero son desprezadas. Coido que é un erro dos xestores da cultura en toda España -e Galicia non se libra dese erro, senón mais ben todo o contrario, abunda nel-. (…)”

Compostela: Rosalía de Castro, protagonista da programación de setembro na Cidade da Cultura

Desde81f63de9ba61376bcaf29ee5eec5bb0e_M Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca e Arquivo de Galicia, sitos na Cidade da Cultura de Galicia, pon en marcha a súa nova programación para setembro que estará marcada pola figura senlleira de Rosalía de Castro.
A Biblioteca recupera para o 8 de setembro o concurso Textos e Pretextos, unha batalla literaria entre dous equipos para saber quen é o que mellor comprende as páxinas dun libro. Tras formar dous grupos, ambos os dous lerán o mesmo libro e farán cada un unha batería de preguntas que deberán propor cada grupo ao outro. O moderador pode intervir con preguntas propias a cada un dos equipos e guialos no modo de proceder: o ‘porqué’ dalgunhas preguntas, conclusión ás que chegaron, pareceres, alternativas… O concurso, para nenas e nenos de 8 a 12 anos, arrancará ás 17.00 h. e é de balde mais é preciso inscribirse previamente.
Tras este primeiro achegamento á literatura, o 14 e 15 de setembro realizarase unha xincana na que superar toda unha serie de retos. En Rosalía na voz da xente, e a través dunha posta en escena teatral e con formato de xincana, unha serie de personaxes debidamente caracterizados da época da autora propóñenlle aos participantes pequenos retos para resolver un grande enigma. As probas están relacionadas coa vida e figura de Rosalía de Castro. A actividade é de balde previa inscrición e que, aínda que é para todos os públicos, os menores de seis anos deberán estar acompañados dun adulto.
A programación da Biblioteca de Galicia para este mes de setembro complétase co concerto Rosalía entre outras, a cargo da formación musical Xardín Desordenado. Este concerto especial terá lugar o sábado 19 de setembro no auditorio da Biblioteca a partir das 19:00 h., con entrada libre. Nel, os músicos de Xardín Desordenado interpretarán algúns temas baseados na obra Cantares Gallegos de Rosalía de Castro xunto a outros baseados en textos de seis poetas galegas de distintas xeracións: Olga Novo, María do Cebreiro, Pilar Pallarés, Luisa Castro, Marta Dacosta e Cristal Méndez Queizán. Antes de interpretar cada canción explicarase brevemente á traxectoria da autora, o contido do libro e o valor primordial do poema.”

Compostela: Simposio Estudos literarios e campo cultural galego, os 2 e 3 de setembro

Simposio Antón Figueroa 1Simposio Antón Figueroa 2

Cuestionario Proust: Lois Diéguez

Desde Lois Dieguezo blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Lois Diéguez:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Aberto.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Crítica e sinceridade.
4.– A súa principal eiva?
– Sóbrame paixón.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ser un mesmo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O silencio.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Portugal.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Magnolia.
12.– O paxaro que prefire?
– Ouriolo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Blanco Amor, Marcel Proust.
14.– E na poesía?
– Rosalía de Castro, Miguel Torga.
15.– Un libro?
Peregrinos apaixonados-Viaxeiros polo mundo dos desertos árabes, de James C. Simmons.
16.– Un heroe de ficción?
– Ulises.
17.– Unha heroína?
– Penélope.
18.– A súa música favorita?
– Música folk.
19.– Na pintura?
– Impresionismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Estevo.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O abuso.
23.– O que máis odia?
– A vaidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os presidentes dos EE.UU.
25.– Un feito militar que admire?
– Nengún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder facer milagros.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Vitalidade.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– As arroutadas sen maldade.
30.– Un lema na súa vida?
– Saber vivir.”

Un pensamento de Celso Emilio Ferreiro, no seu XXXVI cabodano, por Ramón Nicolás

Desde o Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Hai trinta e seis anos falecía, na súa casa da Avenida de Castrelos en Vigo, Celso Emilio Ferreiro. Cada día que pasa convénzome do feito de que aínda hai moitas facetas súas ás que cómpre achegarse, moito que pescudar, exhumar e sistematizar e que a relevancia do seu herdo é unha envexable bóla de neve que non cesa de medrar. (…)
Para rememorar a data permítome traer hoxe un apuntamento, inédito, de Celso Emilio Ferreiro tirado dun caderno seu de apuntamentos persoais e que reproduzo aquí por cortesía da Fundación Celso Emilio Ferreiro. Seguimos.”

Celso Emilio Ferreiro texto