Vigo: charla-coloquio Xosé María Díaz Castro: a beleza que fere
Fisterra, a derradeira perla de occidente, de Modesto Fraga
Desde O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro, e As crebas, de Miro Villar.
Gasteiz: Xosé Antón Cascudo e Xosé Estévez participan nos actos das Letras Galegas 2014 na UPV
Marcos Abalde gaña o XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, con Oenach
“En Sarria a 10 de maio de 2014.
Reuniuse o xuri do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, composto por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, actuando con voz e sen voto como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar.
Logo dunha intensa deliberación motivada pola cantidade e calidade dos poemarios presentados, o ditame final realizouse sobre dúas obras. A que acordamos por unanimidade é a gañadora desta edición do Fiz Vergara Vilariño, presentada baixo o lema Oenach e seudónimo Humus é a presentada baixo o lema Chegaron os xinetes das primeiras xeadas, da que aconsellamos a súa publicación.
Na obra gañadora, Oenach, destacamos a súa boa construción e alento poético, as recurrencias míticas e a denuncia da ignominia: Ceuta, Lampedusa, Tijuana, Guernika, San Simón… Hai neste libro unha feliz adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Hai poesía e hai terra.
Aberta a plica en acto público ás 13:30 horas a obra presentada baixo o lema Oenach resultou ser da autoría de Marcos Abalde Covelo.”
Radiocrítica do 28-04-2014, por Armando Requeixo
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 28 de abril en Ames Radio (107.2 FM). Desta volta falei con Nazaret López sobre Maternosofía, de Inma López Silva (I, 00:30), sobre O Gabinete das Marabillas de arxentino da Rocha Alemparte, de Irene e Rodrigo Pérez Pintos (I, 8:17 e II); sobre Recuerdos de agosto, de Aurelio Aguirre (II, 2:35) e mais A cociña de noite, de Maurice Sendak (II, 7:00)”
A Coruña: actos arredor do Día das Letras Galegas da A. C. O Facho
O martes 13 de maio, a A. C. O Facho organiza dous actos na Coruña co gallo do Día das Letras Galegas:
– 12:30 h. Oferenda floral nos xardíns de Méndez Núñez, diante do monumento a Curros Henríquez. Falará o presidente d’O Facho, Xosé Luís Rodríguez Pardo, sobre Xosé María Díaz Castro. Na cerimonia haberá musica de gaiteiros.
– 20:00 h. No local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), Xulio López Valcárcel falará sobre Xosé María Díaz Castro.
Propostas con premio: Dos días escuros, de María Carmen Caramés Gorgal, por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Posúe unha traxectoria literaria marcada por conseguir numerosos premios literarios. Unha opción para publicar?
– Carmen Caramés (CC): A primeira vez que me presentei a un certame buscaba o recoñecemento de alguén (que non fosen amizades e familiares) que me indicase que o que eu escribía tiña algún valor literario. Saíume ben e iso animoume a seguir probando sorte. O que máis me satisface dos premios é, sen dúbida, o feito de que xente de moi recoñecido prestixio no ámbito literario, como é a que adoita formar parte dos xurados, considere que eu teño algo que achegar e, certamente, tamén é a opción para autores e autoras descoñecidos coma min poidamos publicar pois é difícil que as editoras aposten por nós. (…)
– RN: Dos días escuros, premio Johán Carballeira, aborda os malos tratos como temática e coido que un asunto reiterado noutras obras da súa autoría. Por que?
– CC: Porque me quedan cousas por dicir, porque me proe a súa dor e quero ser, humildemente, a voz das que calan, das que perdoan máis de sete veces, das que non denuncian, das que non teñen alternativas.
– RN: O título fai referencia, daquela, a situacións derivadas da violencia machista?
– CC: O título quixo reflectir a escuridade, a sombra, o asedio, a soidade, a indefensión das vítimas.
– RN: O xurado apuntou a intensidade do poemario ata acadar finalmente a realidade. Por que esa estrutura?
– CC: Quizais porque pretende partir da mesma orixe, do inicio velado do maltrato pasando logo polo recoñecemento, a asunción e a reflexión ata chegar ao final presentido, un final que non será máis que “a crónica dun suceso lamentable á hora do xantar”. (…)”
Coñécense os gañadores do X Premio de Relatos Curtos da Sociedade Liceo de Noia
“O xurado do X Premio de Relatos Curtos da Sociedade Liceo 2014, formado por Antón Riveiro Coello, Xerardo Agrafoxo e Pedro García Vidal, reunido en Noia o 30 de abril de 2014, decidiu outorgar o premio ás obras presentadas baixo os lemas Valmet e O único que sei é que non sei nada.
O xurado considera que Valmet é un relato cunha lingua narrativa ricaz e unha tensión dramática moi eficaz. Cunha estrutura argumental contemporánea o autor sitúanos diante do problema do mal que espreita a dúas persoas.
Considera tamén que O único que sei é que non sei nada, amosa cunha lingua exquisita a “búsqueda da luz” e a búsqueda de quen somos. Cunhas imaxes poderosas o autor trata do problema da identidade e os obstáculos que atopamos no horizonte cando loitamos por un final longamente ansiado.
Abertas as correspondentes plicas, os autores das devanditas obras resultaron ser Valmet, de Xerardo Vidal e Nun principio estaba cego, de Tito Pérez Pérez.
A Secretaria,
Asdo. María José Villaverde Crespo.”
Cuestionario Proust: Vanesa Santiago Vázquez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Vanesa Santiago Vázquez:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A dúbida.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O bo humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinxelamente, sentirme apreciada. Cos meus máis e os meus menos.
4.– A súa principal eiva?
– Cando a dúbida se torna inseguridade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler; en verán, a ser posible, a carón do mar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Traballar entre libros, como bibliotecaria, e ter tempo libre para facer todo o que me gusta.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Soa a tópico, pero creo que sería vivir sen ter amado.
8.– Que lle gustaría ser?
– Postos a pedir, física cuántica no Gran Colisor de Hadróns. Alucínanme eses avances que semellan ciencia-ficción.
9.– En que país desexaría vivir?
– Aquí estou moi ben, incluso a pesar das falcatruadas de quen mandan. Non obstante, non me importaría pasar unha tempada polo norte de Europa ou nalgún lugar exótico e remoto de Asia ou África.
10.– A súa cor favorita?
– Gústame o verde, na súa infinda paleta para vestir a terra e o mar.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As camelias das camelias en flor. E tamén a flor das cerdeiras.
12.– O paxaro que prefire?
– Cando era pequena tiven un xílgaro e dende aquela gárdolles un especial agarimo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Quizais non pareza moi académico, pero encántame Agatha Christie. Abráiame que en libros que producía practicamente en serie non perdera o fol para manter a atención do lector en case ningún.
14.– E na poesía?
– Neste terreo, xa pasei por diferentes amores. Agora pérdome cos versos de Bernardino Graña, por exemplo. Temos un mar en común.
15.– Un libro?
– Un só? Os Contos orientais, de Marguerite Yourcenar; Las semanas del jardín, escritas por un círculo de lectores (Juan Goytisolo, en realidade) ou Cousas, de Castelao. Pero quedan tantos no tinteiro…
16.– Un heroe de ficción?
– Bastian Balthasar Bux, coprotagonista da Historia Interminable.
17.– Unha heroína?
– Talvez, Éowyn, a única muller da triloxía do Señor dos Aneis que é quen de pasar á acción e non quedar á espera dos acontecementos.
18.– A súa música favorita?
– A de raíz, a que nace do pobo, nas rúas, nas festas, afastada de pazos, teatros ou macroconcertos. E, entre todas, a música galega.
19.– Na pintura?
– Cada época ten o seu aquel. Do que aprendín na escola, gústame Velázquez, con eses claroscuros.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Na vida real os heroes e heroínas adoitan ser anónimos, como eses pais e nais desempregados que buscan o xeito de que os seus fillos non pasen necesidades, os preferentistas que van todos os días a pedirlle ao banco que lles devolvan os seus aforros, ou as persoas que se enfrontan a enfermidades coma o cancro.
21.– O seu nome favorito?
– Porque non hai moitas, vou mencionar Teolinda. É o nome da miña avoa.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Ao principio, non soportaba a quen empregaban as novas tecnoloxías pola rúa e se illaban do mundo: auriculares nas orellas e un móbil na man no que teclear sen mirar ao arredor. Se non escoitas nin miras, o mundo pode atropelarte, ou? Mais agora é xa tan habitual…
23.– O que máis odia?
– Odio é unha palabra moi forte. Diría, mellor que odiar, que desconfío do fanatismo e desa xente que non dubida nunca.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Desprezo é outra palabra igualmente forte. Quizais citaría ao Bruto, que me cae un pouco mal por traizoar ao Xulio César, quen sempre fixo o que lle petou, aínda que era un peixe de coidado e seguramente máis apto a desprezos que o primeiro.
25.– Un feito militar que admire?
– Lembro con certo divertimento aquel informe rimbombante sobre a toma da illa de Perejil, pero de aí a admirar un feito militar… Ao contrario, avogaría pola desaparición dos exércitos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A constancia. Ás veces ando escasa dela.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De vella. Na miña cama. E que a xente dixera «morreu coma un paxariño».
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– En xeral, son unha persoa tranquila.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non fan mal a ninguén. Roer nas uñas, chegar tarde aos sitios, escoitar reggaeton… Ben, o do reggaeton non o teño tan claro.
30.– Un lema na súa vida?
– Voume quedar con aquilo de que “nunca choveu que non escampara”.”