Mañá sábado coñecerase a obra gañadora do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

O sábado 10 de maio reúnese o xuri do XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, formado por Cristina Ferreiro, Xavier Rodríguez Baixeras e Miguel Mato Fondo, actuando como Presidente o Concelleiro de Cultura de Sarria, Francisco Pérez e como Secretaria a Presidenta de Ergueitos, María Casar, ambos os dous con voz e sen voto.
A plica da obra gañadora abrirase ás 13:30 horas no Salón de Plenos do Concello de Sárria e nese momento coñecerase quen é a persoa gañadora desta 14ª edición do Premio.

Pontevedra: actividades do venres 9 na Feira do Libro

O venres 9 de maio continúa a Feira do Libro de Pontevedra (no Paseo de Odriozola, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. A escritora Fina Casalderrey, asinará na caseta de Libraría Seijas.
19:00 h. O debuxante Luis Dávila asinará na caseta da Libraría Paz.
19:30 h. CEF o poeta da vida, na Feira do Libro de Pontevedra. Presentación do documental sobre Celso Emilio Ferreiro e coloquio. Participan no acto Luís Ferreiro, Plácido Romero e Aser Álvarez, director do documental.
20:00 h. A escritora Anxos Sumai asinará exemplares da súa obra na caseta da Libraría Paz.

Ribeira: presentación de Liña azul, de David Pobra

O venres 9 de maio, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Ribeira, terá lugar a presentación do libro Liña azul, de David Pobra, gañador do IV Premio de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, publicado en Xerais. O acto, organizado polo Concello de Ribeira, contará co acompañamento musical do alumnado do Conservatorio de Música Municipal.

Rebeca Baceiredo: “Inocular fascismo é a forma de evitar que o pobo se dea á subversión”

Entrevista de Montse Dopico a Rebeca Baceiredo en Magazine Cultural Galego:
“Rebeca Baceiredo gañou o premio da AELG na modalidade de ensaio con A revolución non vai ser televisada (Euseino edicións). Recupero para Magazine Cultural Galego unha entrevista que lle fixera sobre esta obra para Praza Pública.
O neoliberalismo fascista artellou uns mecanismos de dominación cada vez máis sofisticados. Un novo xeito de escravitude converte o ser humano nun máis dos engrenaxes da máquina produtiva. Neste contexto, o control absoluto sobre os corpos e as mentes garántese a través da regulación das formas “correctas” de pensar, de sexualidade, os espazos e os tempos apropiados para ler, comer, xogar… Este é o panorama que debuxa a ensaísta Rebeca Baceiredo no seu novo libro, A revolución non vai ser televisada (Euseino edicións). Mais, como di xa o título, fica espazo para a rebelión. Sempre que os escravos decidan deixar de selo. Explícao a autora nesta entrevista.
– Montse Dopico (MD): Un dos puntos de ancoraxe do libro é, a partir da filosofía de Deleuze, a reflexión arredor da produción da subxectividade como instrumento de poder da oligarquía dominante. Por que non bastaba coa teoría marxista e, en xeral, coa dos filósofos da sospeita, para explicar a realidade actual?
– Rebeca Baceiredo: Penso que ningún filósofo pensa a partir da nada, todos recollen a tradición. Ora ben, nesa tradición existen unas liñas ou outras (e vanse enriquecendo). Entón, talvez a teoría marxista clásica facía máis fincapé na macroestrutura e ignoraba ao individuo como elemento constituínte desa estrutura, desa organización social, socioeconómica. Ter en conta a materia coa que se conforma a sociedade paréceme algo imprescindible, porque permite afiar o coñecemento desa realidade. (De todos os xeitos, tamén se intentou achegar o marxismo a Freud, pero paréceme que, se ben como análise cultural e social pode resultar interesante, falta a precisión ontolóxica que eu vexo en Deleuze).
Freud, sen embargo, puxo todo o foco no individuo e esqueceu o social, o papel da cultura na conformación (e polo tanto, nos conflitos) do suxeito. Descobre o inconsciente, di Deleuze, pero queda ás portas, porque o entende a partir dos feitos, a partir do dado: pénsao como teatro, como representación e non como produción. É dicir, enténdeo como estrutura universal e non efecto dos estímulos (inputs) recibidos. Isto fai que se exima á sociedade da súa responsabilidade: semella que o tipo de cultura non ten nada que ver no que que poboa a cabeza dos individuos (e polo tanto, pode rexer a súa conduta, dende o plano inconsciente, claro). Nietzsche, pola contra, si é unha fonte importante para Deleuze, que interpreta ontoloxicamente o seu mapa conceptual: penso que Nietzsche explica ben os estratos ontolóxicos do individuo e da mesma cultura, e deixa ao descuberto as fisuras polas que se cola a pezoña das forzas reactivas que el observou xa, pero para explicar a ‘realidade actual’ entendo que tamén hai que rozar aspectos (explicitamente) políticos e económicos. (…)”

A Casa-Museo de Manuel María acolle unha exposición-homenaxe a Díaz Castro

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos súmase ás múltiplas mostras de recoñecemento e homenaxe que están a ter lugar na Terra Chá e en toda Galiza con motivo da dedicatoria das Letras Galegas deste ano á figura de Xosé María Díaz Castro. E faino por medio dunha mostra de diferentes materiais que testemuñan a relación literaria e tamén persoal que uniu os dous autores chairegos. Dita exposición, emprazada na Casa-Museo de Outeiro de Rei -a que foi casa natal de Manuel María-, pódese visitar no espazo do auditorio da Casa todos os sábados e domingos no horario habitual en que esta abre o público: sábados de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:30 h. e domingos de 11:00 a 14:00 horas. É posíbel, así mesmo, concertar visitas dirixíndose previamente á Fundación (a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com ou do teléfono 698 177 621).
O público poderase achegar a fotografías, dedicatorias, manuscritos, correspondencia epistolar e outros elementos orixinais que poñen en común no literario e tamén no persoal a Xosé María Díaz Castro e a Manuel María. Materiais todos eles que fan parte do fondo documental da Fundación Manuel María de Estudos Galegos procedentes do arquivo persoal do mesmo Manuel María.
Para alén daqueles elementos documentais que polas súas características só resulta posíbel amosar visualmente, o público terá a oportunidade de consultar en man unha mostra da correspondencia epistolar privada mantida entre o poeta de Outeiro de Rei e o autor homenaxeado coas Letras Galegas deste ano, ben como distintos exemplos de composicións soltas que Xosé María Díaz Castro foi agasallando a Manuel María, exemplares dos cadernos inéditos de poesía en galego ou mesmo o proxecto dun poemario cuxo bosquexo facía parte do arquivo de Manuel María.