Eli Ríos gaña o XVIII Certame Francisco Añón de poesía

A Coruña: charla de Pilar García Negro na A. C. Alexandre Bóveda

O martes 20 de maio, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha charla de Pilar García Negro co título de A nosa lingua e a nosa cultura tamén se defenden en Europa, que será presentada por Xosé Manuel Sánchez Rei, presidente da asociación.

Cuestionario Proust: Vicente Araguas

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Vicente Araguas:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sosego.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O ir amodiño.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non se me alteren (ou desasoseguen).
4.– A súa principal eiva?
– O insomnio crónico.
5.– A súa ocupación favorita?
– Supoño que ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar diante dunha paisaxe de neve, en boa compaña (máis ben silenciosa), e un libro e un caderno á man.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder aquela a quen máis quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Xogador de fútbol (do Racing de Ferrol). Bailarín (de claqué).
9.– En que país desexaría vivir?
– Italia, Escocia, Portugal, Illas Canarias (Lanzarote).
10.– A súa cor favorita?
– Branco.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A de Alexandría (“colorada de noche, blanca de día”).
12.– O paxaro que prefire?
– O carrizo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Dickens, Eça de Queiroz, Galdós, Blanco-Amor.
14.– E na poesía?
– Quevedo, Rosalía, JRJ, Neruda, CEF, Seamus Heaney.
15.– Un libro?
Veinte poemas de amor y una canción desesperada.
16.– Un heroe de ficción?
– Charles Bovary.
17.– Unha heroína?
– Emma Bovary.
18.– A súa música favorita?
– A romántica (Schubert, Chopin, Schumann). O rock ecléctico: Beatles, Dylan.
19.– Na pintura?
– Giorgione, Velázquez, Vermeer, Goya, Manet.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Don Manuel Azaña y Díaz.
21.– O seu nome favorito?
– Andrea.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A lalitalia.
23.– O que máis odia?
– A envexa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler, Stalin, os Jung. ¡E Franco!
25.– Un feito militar que admire?
– A defensa de Madrid, novembro de 1936.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Pés lixeiros para a danza.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Logo de facer o amor, sen darlle problemas a quen comigo veña de estar ou estea aínda.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sosegado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os implícitos ao feito de amar, no senso lato do verbo.
30.– Un lema na súa vida?
– “Legere et nivere”.

Unha aula do IES Castro de Baroncelli de Verín leva o nome de Elena Gallego

Desde Xerais:
“O luns 19 de maio, no IES Castro de Baroncelli de Verín, dentro dos actos organizados con motivo da celebración do Día das Letras Galegas de 2014, inaugurouse a aula dedicada a Elena Gallego, que mantivo mantivo unha conversa con alumnos e alumnas do centro e asinou exemplares das súas obras Dragal e Sete Caveiras.”

María López Sández e Francisco Castro falaron de literatura en Alemaña

Desde Galaxia:
“Dende o pasado mércores 14 de maio ata o domingo 18, María López Sández e Francisco Castro tiveron ocasión de participar no Europäisches Festival des Debütroman de Kiel que se celebra nesa cidade alemá.
A literatura galega tivo presenza, na semana das letras galegas, neste importante festival que concentra escritores de toda Europa para cinco días nos que partillar ilusións, establecer contactos, falar de libros e edición e, en definitiva, compartir os asuntos do oficio das letras.
María López Sández e Francisco Castro mantiveron encontros co alumnado da Universidade de Kiel, tanto co grupo de estudantes de galego da profesora e investigadora Antía Marante, como co estudantado de español. Ao tempo, e dentro das actividades do Festival, tiveron ocasión de debullar asuntos relacionados coa creación literaria. (…)”

Emboscadas na representación colonial, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez en A Sega:
“A pesar de que o ton habitual sobre a tradución en Galicia poida facernos pensar que o máis vital é a escolla de tal ou tal outra palabra e a súa relación ou non cun certo estándar, tradición literaria ou anovación, hai xa décadas que a teoría da tradución retrotrae as súas análises a un marco previo e moito máis amplo ca este. O estudo da tradución comeza coa propia decisión de traducir unha obra e non outra. Este tema que pode parecer abstracto de máis cobra unha corporeidade inusitada cando nos enfrontamos a textos como o que hoxe me ocupa, Emboscadas no gran Norte, da autora catalá Margarida Aritzeta. Resulta sen dúbida intrigante saber por que para narrar supostamente as vidas dos “indios” (e uso o masculino e o termo colonial moi á mantenta) montañeses do Canadá para un público galego xuvenil se escolla traducir unha obra escrita por unha catalá no canto de escoller, dado que vai ser unha tradución de todas todas, algún dos fantásticos textos que dende como moi tarde o século XIX levan producindo as autoras de distintos pobos orixinarios americanos.
Agora ben, con isto non quero dicir que por ser catalá ou galega ou chinesa unha teña que limitar o seu espazo literario a un espazo xeográfico ou cultural concreto e predefinido. Por suposto que se podería argumentar que a visión dunha personaxe “mediadora” pode ter un valor engadido de interpretación para un público que mira tamén dende fóra (pero son o público catalán e galego falante o mesmo? Teño as miñas dúbidas). O importante, ao meu ver, é entender esa mediación como un acto político de tremendo peso, sobre todo entre dous polos opostos da colonización, porque as interaccións desiguais entre culturas resultan sempre un lugar complexo; intentar narrar a outra dende a mentalidade occidental esixe, ao meu ver, un esforzo de autoanálise e autocrítica sen parangón. (…)”

Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño

Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.

Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.