Rosalía de Castro aterece, proposta da Plataforma de Crítica Literaria A Sega

DesdeA Sega A Sega:
“E madía leva non aterecer! As razóns poderían ser evidentes: Rosalía de Castro é unha muller que morreu hai máis dun século e a quen durante longas décadas meteron nunha mortalla de cravos, sombras e prantos. Na maior parte dos casos o que o día a día nos devolve dela son imaxes de pedra, bustos e monumentos.
Mais debaixo da pedra fría nosoutras sabemos que latexa unha obra viva, rebelde e mesmo temeraria. Unha obra que apela a todas nós porque fala de nosoutras, fala das que cantamos, das que traballamos, das que rimos, das que padecemos, das que queremos un mundo onde a violencia non sexa tolerada. Ela ensinounos a camiñar mentres outros ladran, a buscar amores que nos queiran ben, ou a convivir coa soidade. Abriu a porta para que as que hoxe somos poidamos escribir o que nos pete, dende o patrón dunha chaqueta ata unha novela.
Por todo iso estamos certas de que Rosalia de Castro (RdC) non pode ficar máis á intemperie. Debémoslle polo menos a calor que nós aínda temos como vivas herdeiras do seu xenio. Ela ensinounos que todas sabemos cousas, que a nosa voz é importante. De aí que dende A Sega fagamos esta convocatoria aberta a todas as mulleres que queiran unirse a ela. O obxectivo é ben simple: cubrir todas as estatuas de Rosalía de Castro do noso país que sexamos capaces con obras tecidas polas nosas mans. Porque a pedra será fría pero moito máis grande é a nosa calor.

Descrición da actividade
A proposta da nosa actividade é moi sinxela:
– A nivel individual ou colectivo animamos a todas as mulleres a tecer calquera peza, dende unha bufanda a un chal que poida cubrir un busto ou estatua de Rosalía de Castro na súa vila ou lugar próximo.
– O día 24 de febreiro, día do nacemento de RdC, sairemos cubrir as estatuas en todos os lugares. Se as participantes queren organizar algún acto como unha lectura ou convidar a algunha escritora, cantante ou artista para acompañalas A Sega pode botar unha man á hora de organizar estes actos.
– As participantes deberían facer unha foto de cada unha das estatuas para poder despois darlles difusión a través das redes sociais e facer un mural con todas elas.
– As participantes poden solicitar permiso ao Concello correspondente para vestir a RdC, se ben os Concellos non adoitan poñer problema ante este tipo de accións (simplemente retirarán o “vestido” unha vez pase o acto se as participantes deciden deixalo no lugar concreto).
– Para calquera dúbida podedes contactar con nós no 606274507 (Susana).

A Sega.”

A Coruña: presentación de A Divina Comedia, de Dante, traducida ao galego por Darío Xohán Cabana

OA Divina Comedia Dante Darío xoves 5 de febreiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase A Divina Comedia, de Dante, en tradución realizada por Darío Xohán Cabana, publicada por Edicións da Curuxa. No acto, xunto ao tradutor, participan Xosé Luís Axeitos, Anxo Angueira e Xulio López Valcárcel.

Betanzos: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto e De Liverpool ás Sisargas, de Xabier Maceiras e Fernando Patricio

OXurxo Souto venres 6 de febreiro, ás 20:30 horas, no Salón Azul da Aula Municipal de Cultura de Betanzos, dentro das Xornadas Oceánicas organizadas pola A. C. Roxín Roxal, preséntanse Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, e De Liverpool ás Sisargas: a derradeira viaxe do Priam, de Xabier Maceiras e Fernando Patricio, publicado por Embora.

Publicación por entregas de Tertúlia revisitada, de Xavier Alcalá, en formato dixital

DesdeXavier Alcalá o blogue de Xavier Alcalá:
“Desde o 4 de febreiro publícase por entregas Tertúlia revisitada, de Xavier Alcalá, en Palavra Comum e Praza Pública, en formato dixital. (…)
Esta revisión de Tertúlia contén unha nova novela interior, O Abrigo do Sol, que non coincide máis que en parte do seu tema básico coa novela interior de Tertúlia: a ben coñecida e reeditada Cárcere verde.

Unha edición de só cincuenta exemplares de balde para quen merque un libro

Desde Alberte Momán Sermos Galiza:
“Editora Emerxente e O Figurante propoñen unha nova oferta editorial para convidar a mercar libros na súa tenda. Publican un libro cunha tirada de só medio cento de exemplares que, por riba, non se pode mercar nin en libraría nin na loxa. A única maneira de se facer con As mil horas, o caderno de poemas de Alberte Momán é realizando unha compra na tenda do Figurante o antes posíbel xa que a oferta está vixente só até esgotar existencias. O catálogo está a dispor na súa tenda virtual. (…)”

Novidades de Galicia Encantada

“Para  Galicia encantada celebrar o décimo aniversario da web Galicia Encantada, Enciclopedia da Fantasía Popular de Galicia, na rede desde marzo 2005, fixemos (de momento) dúas cousas:
– Renovamos a estética e a organización dos contidos da web.
Nova imaxe con debuxos de Noemí López. Novas seccións con posibilidade de interactuar como “Aulas do Imaxinario” ou o “Mapa de Galicia Encantada”, e melloramos a presentación das categorías de sempre, coa axuda de Desarrollos Lugonet.
– Publicamos un libro: Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, unha edición con ilustracións de Noemí López e que publica Edicións Xerais de Galicia na colección LibroX.
Son 101 relatos en coautoría con 52 autores e autoras, entre os que destacan nomes como os do portugués Alexandre Parafita, o do brasileiro Romyr Conde, ou Antonio García Teijeiro, Marta Dacosta, Xabier López Rodríguez, Xabier P. DoCampo, Calros Solla, Rafa Quintía, Isidro Novo ou Adela Figueroa.”