Artigo
de Antonio Reigosa publicado na Asociación de Profesionais da Narración Oral en España:
“Os gregos cando consultaban o oráculo de Trofonio tiñan que beber en primeiro lugar da Fonte do Esquecemento (Lete) para borrar da memoria todo canto lles pasara anteriormente na vida. A continuación entraban nunha cova onde experimentaban o pánico que produce o transo da vida á morte, para a continuación recuperar o visto e o vivido bebendo auga da Fonte da Memoria (Mnemósine). Ese horror transitorio que se apoderaba do consultante do oráculo cando se desprendía da memoria (lémbrese o mito do Río do Esquecemento acontecido no noso Limia) representa a necesidade humana de ter lembranzas dun pasado para conformar unha identidade no presente.
Mais esquecemento e memoria, sendo contrapostos pois un inhibe ao outro, son valores aliados e complementarios. Non todo debe fiarse á memoria nin todo debe entregarse ao esquecemento. Como na Cova de Trofonio, a experiencia debe ser o árbitro que concilie un desexable equilibrio entre unha e outra facultade.
A memoria é, xa que logo, imprescindible pero, como dicía Nietzsche, fiar todo á memoria pode matar. A memoria é fráxil, voluble, alterable e vulnerable, e, a pesar de todo isto, constitúe a argamasa imprescindible da nosa identidade.
A memoria e a identidade son representación subxectivas da realidade, mais, coidado coas fontes da memoria. Non é o mesmo alimentar a memoria lendo textos de historia, escritos para que os sucesos do pasado, como afirmaba Heródoto, non queden no esquecemento, ca beber directamente da memoria viva, froito das experiencias e da tradición.
Esta é unha das grandes razóns, non a única, pola que o Consello Directivo da AELG decide aló polo ano 2006 crear nun primeiro momento unha vogalía e logo unha sección de Literatura de Tradición Oral.
Hai outras razóns, evidentemente. Sabemos que a memoria popular e a memoria das elites, que sempre se preocuparon por conveniencia pola conservación da súa memoria de clase, non son as mesmas.
Os historiadores e os arquivos apenas reparan nas memorias da xente do común así que a conformación da nosa identidade como galegos e galegas non pode depender só das interpretacións, máis ou menos certeiras, dos historiadores que desde este ou outro presente indagan e interpretan un pasado máis ou menos recuado. Os saberes que se acumulan na memoria viva da xente e nas súas tradicións, no que se lembra e representa do pasado máis próximo, ten significado no presente e, por tanto, utilidade para o inmediato futuro.
Aos poucos, paseniño, nestes anos fomos poñendo en marcha proxectos de investigación e divulgación como as Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que se veñen celebrando en Lugo desde o ano 2008. Creamos as Polafías, un proxecto que, inspirado nos antigos costumes de reunión para contar ou cantar (polavilas, fías, seráns …), nos leva agora por aldeas, parroquias e vilas para, coa axuda indispensable de moitos colaboradores, motivar a recuperación da transmisión de historias, contos, lendas, romances, músicas ou historias de vida. Das vinte e tantas gravacións destas sesións naceu o arquivo da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que conta agora mesmo con máis de 500 vídeos accesibles libremente para quen o desexe.
E outra consecuencia máis deste proxecto, o arquivo e os premios “Mestres da Memoria”, cos que tratamos de detectar e recoñecer como se merecen aqueles homes ou mulleres que nos amosan un grao de excelencia na transmisión dos saberes propios da nosa cultura popular. Así mesmo, botamos andar os Obradoiros de Narración Oral, unha variante especializada da Escola de Escritor@s da AELG que conta con moita aceptación. A estes habería que engadir outros proxectos menores como a revista oral Letra das Festas, que se desenvolve en Lugo como un acto máis do programa de festas de San Froilán desde o ano 2011.
Con estas e outras actividades son moitos os colectivos e persoas relacionados co estudo, investigación e recreación da tradición que participan dos nosos proxectos. Unha comuñón de intereses e obxectivos que nos fortalece a todos, que nos dá esperanza e ánimo para non perder o paso, nestes tempos nos que calquera descoido pode derramar de vez e para sempre as formas culturais que nos identifican e ata a mesma lingua na que se expresan e transmiten.
A sección de literatura de Tradición oral da AELG procurou desde os inicios da súa andaina crear espazos, desenvolver proxectos onde a memoria viva e a identidade que nos é común a galegas e galegos se manifeste, a ser posible, de viva voz. Cremos na oralidade como soporte de comunicación básico, primordial, onde a nosa lingua resiste, moito máis liberada de prexuízos que noutros ámbitos os embates do desprezo da cultura oficial. Cremos na literatura popular de tradición oral e nos que a aprecian, recrean e transmiten, pois sen eles, a nosa lingua tería morto hai xa moito tempo.
Cremos, en resume, que a auga da Fonte da Memoria adormece os efectos sempre perigosos da outra auga, da que gurgulla da Fonte do Esquecemento.”
Compostela: presentación de Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre
O
xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Ovella descarreirada, de Marilar Aleixandre, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Berta Dávila e Manuel Bragado.
A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, na Libraría Couceiro
O
xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro da Coruña (Praza do Libro, 12), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto, no que estará presenta o propio autor, servirá tamén para dar a coñecer entre os terrícolas a talasonimia das augas que rodean á Coruña, “o Mar de María Antonia”, e honrar a memoria desta muller de Santa Lucía que lles deu nome.
A Coruña: Xabier P. DoCampo e Marcos Calveiro intervirán no ciclo A creación literaria e os seus autores: XI Encontros con escritores
Desde
Xerais:
“Os escritores Xabier P. DoCampo e Marcos Calveiro intervirán o vindeiro xoves 11 de decembro ás 18:30 horas no Salón de actos da Uned de Coruña, dentro da actividade A creación literaria e os seus autores: XI Encontros con escritores. Organiza estes encontros o Centro de Formación e Recursos da Coruña, baixo a coordinación de Javier Pintor. Intervén como interlocutor na mesa de debate, Xavier Seoane, recoñecido autor galego. Estas xornadas pretenden propiciar un diálogo literario e cultural con algúns dos autores máis relevantes do momento presente. Ademais de comentar textos, aproveitase a presenza dos escritores para establecer vías de diálogo e pontes de debate, tanto sobre as súas obras como sobre aspectos culturais da actualidade dentro dun ambiente distendido e participativo. A intervención será retransmitida en directo a través desta ligazón.”
Carballo: presentación de Dende o conflito, de María Reimóndez
O
xoves 11 de decembro, ás 19:00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, preséntase Dende o conflito, de María Reimóndez, Premio Xerais de Novela 2014. No acto, xunto á autora, participa Belén Puñal.
A Coruña: presentación de As crebas, de Francisco X. Fernández Naval e Maribel Longueira
A Pobra do Caramiñal: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O
xoves 11 de decembro, ás 20:00 horas, no Liceo Pobrense da Pobra do Caramiñal (Rúa da Paz, 27), preséntase Salseiros, de Suso Lista, publicado en Embora Edicións.
Compostela: inauguración da mostra As palabras habitadas, de Baldo Ramos
O
xoves 11 de decembro, ás 20:30 horas, na Galería Terra de Sombra (Rúa Fernando III, O Santo, 22) de Santiago de Compostela, Baldo Ramos inaugura a mostra As palabras habitadas. No acto haberá un pequeno recital poético do autor acompañado pola guitarra barroca do músico Víctor Blanco.
Bases do concurso literario Cóntame un conto, da Fundación Meniños
Compostela: proxección de Morreu o demo. Acabouse a peseta, no Museo do Pobo Galego
O
xoves 11 de decembro, ás 19:00 horas, no auditorio do Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), proxectarase o documental Morreu o demo. Acabouse a peseta, que leva por distintas rutas dos títeres europeos de luva até chegarmos as raíces do títere galego máis popular: Barriga Verde.
Esta proxección do documental, realizado por Pedro Solla, forma parte das actividades paralelas que acompañan a exposición temporal De feira en feira, que pode ser visitada no Museo até o 11 de xaneiro.



