Cuestionario Proust: Cesáreo Sánchez Iglesias
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Cesáreo Sánchez Iglesias:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Ser corredor de fondo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A tenrura filla da honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– O respecto mutuo na diferenza de pensamento.
4.– A súa principal eiva?
– Querer facer moito en pouco tempo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escoitar os sons da natureza en silencio.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ser correspondido nos afectos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro non convocala.
8.– Que lle gustaría ser?
– Aquel que me soño cando amo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza, nunha Galiza independente.
10.– A súa cor favorita?
– O azul de Fra Anxélico.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O xasmín.
12.– O paxaro que prefire?
– O malvís.
13.– A súa devoción na prosa?
– Pedro Páramo.
14.– E na poesía?
-Safo e Uxío Novoneyra, Pessoa e T. S. Eliot.
15.- Un libro?
– A Divina Comedia.
16.– Un heroe de ficción?
– Tiresias.
17.– Unha heroína?
– Sherezade.
18.– A súa música favorita?
– Bach e Bob Dylan. A música galega de banda.
19.– Na pintura?
– Piero della Francesca e Maruxa Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– As maquiladoras de Cidade Juárez.
21.– O seu nome favorito?
– Os nomes enteiros: Alexandra.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A arrogancia.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– O ditador de cada tempo. Leopoldo II de Bélxica. Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A autodefensa do pobo vietnamita. Os Vietcong.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– En cada idade quixen ter un diferente.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Coa xanela aberta ao mar ou ás carballeiras da infancia, cos meus.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A tensión de querer facer cousas.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que, non facendo dano, a persoa non consegue corrixir.
30.– Un lema na súa vida?
– Buscar nas persoas e nas cousas o que teñen de humildade.”
Compostela: recital no marco do obradoiro de creación literaria a cargo da escritora Alicia Fernández
O sábado 23 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Didáctica da Fundación-Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela, terá lugar un recital poético aberto ao público, no marco do obradoiro Da memoria ao poema, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela, impartido por Alicia Fernández, e no que xa contou coa visita do escritor Antón Lopo.
Neste recital aberto ao público, participarán alumnos do obradoiro de creación literaria. Intervirán tamén neste recital: Antía Otero, Xiana Arias, Mario Regueira, O Leo i Arremecághona, Gonzalo Hermo, Berta Dávila, Alba Cid, Agustín Delicias, Ismael Ramos, Jesús Castro, Naïr García Abelleira e Xesús Estalote.
A Coruña: presentación de A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota
Mondoñedo: terceira edición dos Encontros coa poesía na Casa de Mañas
O sábado 23 de novembro, ás 21:00 horas, terá lugar un recital de poesía na Casa de Mañas (Calvela, 1 – Vilamor) de Mondoñedo, coa participación de Lucía Novas, Xosé Iglesias, María José Fernández, Modesto Fraga Moure e José Estévez. A actividade inclúe unha cea no propio estabelecemento a base de produtos típicos da zona.
Gondomar: coloquio con Antonio Yáñez en Espazo Lectura
O sábado 23 de novembro, ás 12:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, o Club de Lectura Sete Vidas de Espazo Lectura organiza un encontro literario con Antonio Yáñez Casal, que xirará sobre Lóbez, publicada en Baía Edicións, No acto estará presente o autor, con quen o público asistente poderá intercambiar impresións sobre a súa obra.
Convocado o I Concurso de relato breve de terror en galego da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago
“- Participantes. Poderán presentar os seus traballos as persoas maiores de 14 anos.
– Criterios de valoración
* Capacidade para crear unha atmósfera de medo ou terror no relato co fin de sobrecoller ao lector.
* Orixinalidade da temática e do emprego de técnicas e figuras literarias.
* Uso correcto da gramática e da ortografía.
– Condicións de presentación das obras
Cada participante poderá presentar un único relato. Este deberá ser orixinal e inédito, non tendose reproducido ou difundido previamente en ningún tipo de soporte ou medio (publicacións escritas, páxinas web, redes sociais, etc.)
A extensión máxima admitida é de tres páxinas escritas a ordenador con fonte Arial de tamaño 11 e interliñado de 1,5.
Os traballos deberán depositarse no buzón habilitado no mostrador de préstamo do andar baixo da Biblioteca. O relato presentarase sen asinar e cun pseudónimo, e se introducirá nun sobre pechado. No exterior do mesmo o participante deberá escribir I Concurso de Relato Breve de Terror + o pseudónimo e no seu interior, ademáis da obra, incluirá outro sobre pechado cos seus datos persoais (nome, apelidos, teléfono, DNI).
– Prazo
O prazo de presentación dos relatos remata o 4 de decembro.
– Premios
* 1º premio: lote de libros.
* 2º premio: lote de libros.
* 3º premio: lote de libros.
– Resolución e entrega dos premios
A resolución do xurado farase pública o venres 13 de decembro ás 13.00 h. no salón de actos da Biblioteca e comunicarase persoalmente aos premiados por medio do correo electrónico e/ou teléfono.
No momento da entrega dos lotes solicitarase aos galardoados o seu permiso para facerlles unha fotografía que se publicará no Facebook da Biblioteca.”
Fontán, Sada: Serán 2013, con música, poesía e teatro
Lugo: presentación de Alicornio. O poder do corno de unicornio na medicina tradicional galega, de Rafael Quintía
Ferrol: conferencia sobre Persoeiros de Galicia e recital poético
O sábado 23 de novembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena, 202-204) de Ferrol, e con entrada de balde, terá lugar unha conferencia sobre Rosalía de Castro a cargo de Jesús Matesanz, seguida dun recital de poesía galega, por Xaime Marí (actor), con este programa:
– A Galicia, de Francisco Añón.
– O maio, A Rosalía e Cantiga, de Manuel Curros Enríquez.
– Dos celtas antigos, de Eduardo Pondal.
– Sobre o sol, de Ramón del Valle Inclán.
– Camiño longo e A rosa que sangra, de Ramón Cabanillas.
– O hórreo, Longa noite de pedra e A Castelao, de Celso Emilio Ferreiro.
– Negra sombra, Castellanos de Castilla e Adiós ríos, adiós fontes, de Rosalía de Castro.
– Himno galego, de Eduardo Pondal.