Antón Gómez: “Paco Carballo non morreu. É un símbolo para moitos de nós”
Entrevista
de Belén Puñal a Antón Gómez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como foi esa volta a Galiza e a Vigo, ti xa como cura obreiro?
– Antón Gómez (AG): Como cura obreiro, estiven 17 anos traballando nunha empresa en quendas de mañá, tarde e noite. Francisco Carballo, aos 48 anos, xa non estaba para ir ao mundo obreiro. Despedíronme, sancionáronme, detivéronme, como a calquera cura obreiro. Houbo un tempo no que eu estaba máis dedicado ao sindicatos obreiros e el ao mundo sindical do ensino e a actividades culturais. Nese tempo tivemos menos contacto pero seguimos mantendo esa relación até que morreu.
– SG: Sospeito que o perfil do cura de esquerdas e nacionalista, é bastante incomprendido…
– AG: Si. Hai un anticlericalismo extremolaicista que considera que todos os cristiáns son iguais, e non. Eu penso que o evanxeo está máis cerca da esquerda ca da dereita. Coido que un cristián comprometido ten que implicarse tamén politicamente. Paco tíñao moi claro e eu tamén, e o papa vai por aí.
– SG: A morte de Paco Carballo deixouvos, nese sentido, un pouco máis sós.
– AG: Si, en Galiza Paco Carballo era unha institución. A todos os niveis. El era capaz de escoitar a todo o mundo, de dialogar con todo o mundo. Tiña unas bases históricas moi elaboradas. Co que deixou escrito temos unha pequena biblia. O que sabía, sabíao transmitir, facíase escoitar, e era acolledor. Era un home entregado, nunca pretendeu nin carreiras nin honores, senón ser unha persoa normal, cando como historiador e teólogo podía falar de ti a ti con calquera porque estaba ao día en todas as correntes. Aínda que nunca se dixo que era teólogo da liberación, a súa liña ía pola teoloxía da liberación. (…)”
Presentadas as actas dun simposio sobre lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa
Desde
Cultura Galega:
“Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa é unha publicación que se achega a esta zona xeográfica desde a perspectiva histórica, antropolóxica pero sobre todo lingüística. O volume, foi presentado o xoves 29 de xaneiro por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ernesto González, director do Instituto da Lingua Galega (ILG) e Xulio Sousa un dos tres editores deste volume xunto con Rosario Álvarez e Marta Negro. A variación sintáctica, o léxico dialectal, a entoación e as percepcións así como as actitudes lingüísticas na fronteira galego-portuguesa son algúns dos temas tratados no volume. Nel tamén se analizan os camiños diverxentes de Galicia e Portugal a partir da Idade Media ou a permeabilidade bidireccional da raia, que a un tempo une e separa ambos os territorios.”
Manuscritos: Xosé Díaz Jácome
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nos fondos da Fundación Penzol consérvase este manuscrito que desde aquí se dá a coñecer. Trátase do poema “Éstase” de Xosé Díaz Jácome, autor que foi de tres libros de poemas: Primeiras cantigas de amor (1936), Pombal (1963) e Muíño Fidel (1983). Este que aquí se incorpora asínao o autor mindoniense, en papel timbrado do Faro de Vigo -xornal no que traballou durante moitos anos como xefe de redacción-, o 12 de decembro de 1953. A miña gratitude á Fundación Penzol pola cortesía.”
Vigo: presentación de Galicia: un pobo con futuro?
O
xoves 5 de febreiro, ás 20:00 horas, na Librería Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase o libro Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico, do Instituto de Estudos das Identidades en edición de Manuel Blanco Desar, publicado en Xerais. No acto participan Santiago González Avión, Xosé Manuel González Reboredo, Manuel Bragado e o editor do mesmo, Manuel Blanco Desar.
Antonio Tizón: “A novela negra é tamén unha forma de retratar unha sociedade corrupta”
Tabela dos Libros de febreiro de 2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada comezo de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Compostela: presentación de Espectros, de Rosa Enríquez
O
mércores 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, Rosa Enríquez presenta o seu novo libro de poemas, Espectros, publicado pola editora O Figurante. No acto, xunto á autora, participan María do Cebreiro e Ismael Ramos.
Eli Ríos: “Agora chámanlle whatsapps de papel ás notiñas de toda a vida”
Entrevista
a Eli Ríos en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Por esta obra [Bicha] acaban de concederlle o premio Pura e Dora Vázquez de Narración da Deputación de Ourense. O xurado destacou a importancia que o relato da á amizade entre nenos e animais. ¿Como é o argumento?
– Eli Ríos (ER): Pois está ambientada nese colexio e conta unha aventura moi na narrativa coa que se criou a miña xeración que é Os Cinco. O contido da obra reclama un diálogo aberto entre os adultos e os nenos, que sexan escoitados con máis atención.
– LVG: ¿Non se lles escoita dabondo?
– ER: Non. Hoxe en día esquécenos escoitar o importante que eles teñen para contar. Non deberíamos banalizar o contido do que nos transmiten os nenos. (…)
– LVG: ¿E como é iso de amentar á Bicha? ¿Por que ese nome?
– ER: Bicha é un animal mitolóxico, é un dragón no que todas as partes son importantes. No meu conto é igual. Todos os nenos e as nenas que participan son importantes ó mesmo nivel. Non hai un que destaque por ter máis habilidade que os outro. Cada un ten a súa personalidade, os seus recursos. Un entende de informática, a outra é máis áxil… O conxunto deses elementos conforma o todo. (…)
– LVG: Isto de contar contos aos nenos, ¿venlle de familia?
– ER: Si. Meu avó sempre tiña tempo para sentarse a contarnos contos. De feito, estou na literatura por el. Eu vivía nunha aldeíña e empecei a vivir mundos grazas a el. Cando cheguei á carreira e empecei a ler a Dieste ou a Cunqueiro, eu xa coñecía eses contos. Non era a mesma localización, pero eu xa vira o da muller que se convertía en lobo ou o da xente que resucita. ¡Había cantidade desa nos enterros! [Risas] (…)”
María do Cebreiro: poesía = verdade no sentido máis radical
Entrevista
de Carlos Loureiro a María do Cebreiro en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E por que a inclinación cara o apartado lírico a pesar da presenza ao teu redor tamén da narrativa en xeral, tanto para lectores e lectoras máis xoves coma para máis adultos?
– María do Cebreiro (MC): Podería aventurar que para min a poesía ten moito que ver coa verdade: non coa verdade experiencial ou vivencial, identificada coas cousas que nos pasan, senón coa verdade nun sentido máis radical, con aquilo que nos pon en xogo como persoas, fronte a nós mesmos e fronte a outros. Por outra banda, si que tiven algunhas ideas para facer novelas, pero até o de agora nunca callaron. Polo 2005 andaba escribindo algo de ciencia ficción que ía chamarse No land (isto dos títulos de libros que non existen é algo moi cunqueirián, pero ao tempo moi real). Logo comecei cun proxecto, unha caste de deconstrución da épica nacional, que se chamaría A guerra, título –e fragmentos- que logo foron dar ao libro de poemas que asinei hai dous anos con Daniel Salgado. E teño tamén escritas algunhas prosas, de corte máis intimista e conectadas co libriño O grupo, que pensaba titular A verdade. En todo caso, nunca vivín a literatura en termos de xéneros literarios, senón en termos dunha continuidade fluente da escrita que penso que me vai levar a onde me teña que levar en cada intre.
– NG: E tamén dicirmos que en ti conviven dous espazos literarios: o creativo e o crítico… Como se comportan estes dous espazos á hora de escribir?
– MC: Pois como dous cativos que teñen que estar moi caladiños para que a súa “nai” se concentre e escriba. Bromas á parte, o que quero dicir é que eses dous espazos en xeral son como vasos comunicantes, pero hai outras veces nas que é bo que estean xebrados, para que a enerxía de cada un deles poida traballar ao seu ritmo. En calquera caso, vexo fondas relacións entre algúns proxectos ensaísticos e outros poéticos. Por exemplo, hai un fío moi claro entre As terceiras mulleres e (nós, as inadaptadas) ou entre Fogar impronunciable e Non son de aquí. E na medida en que concibo a poesía como un xeito de coñecemento, ao cabo investigación e creación non me parecen territorios tan distantes.
– NG: Ben sabemos como anda o mundo editorial en Galiza, especialmente a nivel lírico… Xa podemos ver como moitos poemas teus andan a vogar pola rede… Está o futuro da nosa lírica na rede, incluso para ser máis coñecida a nivel internacional?
– MC: Non creo que só o da nosa lírica, senón que a difusión da literatura está a experimentar mudanzas decisivas a día de hoxe, que por suposto que afectan tamén (aínda que creo que non só) ao soporte no que se publica. Quizais non sexa tanto que nos esteamos a mover do mundo impreso ao dixital, porque ambos coñecen intensas transferencias mutuas. O máis interesante, ademais desas novas canles para a publicación dos poemas, é a emerxencia de pequenos selos editoriais onde atopan saída propostas novidosas que o terían moito máis difícil nun mundo monopolista, ou repartido entre só dúas grandes editoras. (…)
– NG: E claro, vendo o anterior, non podía ser doutra maneira de que en ti e na túa obra xermolase o compromiso feminista…
– MC: Creo que o fundamental é o meu compromiso co pensamento crítico. Iso leva de xeito natural cara a calquera tipo de cuestionamento, e mesmo cara ao cuestionamento dalgúns aspectos da tradición feminista, ou da súa articulación presente, cos que non sempre concordo. (…)”




