Entrevista
de Carme Vidal a Antón Dobao en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Os relatos de As ilusións estrañas recrean o mundo da aparencia, dunha realidade normal na súa cotidianeidade que desemboca en episodios desacougantes.
– Antón Dobao (AD): A ilusión é unha palabra polisémica que reflicte ben o que conta o libro. Fai referencia efectivamente a esa primeira aparencia que ten a realidade, con moitas capas das que se ve só unha, fai referencia á ilusión óptica coa que os nosos sentidos se enganan e tamén á fantasía. Na miña escrita hai unha reflexión arredor da necesidade de tomar contacto co que está máis alá da aparencia, do que vemos. (…)
– SG: A condición humana é entón materia literaria privilexiada na súa escrita?
– AD: Os materiais para a construción literaria son múltiples e a maior parte deles inesperados. Son froito da observación e o contacto coa realidade alén da reflexión arredor da nosa condición como humanos, da nosa propia existencia. Supoño que é unha reflexión que moitos autores poden facer en relación coas experiencias máis íntimas. Son materiais moi diversos e procedentes de múltiples lugares, mesmo literarios ás veces, e xogos intertextuais. (…)
– SG: Desde 2008 non publica, mais neste tempo elaborou e dirixiu varios filmes. Como se relacionan na súa traxectoria a creación literaria e audiovisual?
– AD: Compleméntanse ben porque do que se trata é de contar. Proveño do mundo da literatura, como lector e escritor e a miña participación no cine ten moita relación con esa orixe. Síntome moi escritor cando fago o guión, dirixo ou monto unha película. Esas películas formaban parte dun proxecto que relacionaba a literatura, a lingua e o audiovisual. En todas as cinematografías do mundo vemos que a adaptación literaria é un recurso habitual e enriquecedor, as dúas creacións retroaliméntanse.
– SG: Algúns dos relatos son especialmente visuais. A linguaxe do cine meteuse na súa obra?
– AD: A estas alturas non se entende a escrita sen que as imaxes se aparezan como unha pantalla de cine ou televisión porque xa nacemos e nos educamos no cine. En certos relatos nótase de maneira especial desde o punto de vista formal no tratamento de personaxes, en planos superpostos, en escenas que se alternan, en multiperspectivas…”
Cuestionario Proust: Luís Rei Núñez
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luís Rei Núñez:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– A lentitude para a euforia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler clásicos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha nación de iguais.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder o sentido, ou a vista.
8.– Que lle gustaría ser?
– Mago profesional.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, sen bispos nin franquistas.
10.– A súa cor favorita?
– O mar de Muros.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eça, Tolstói, Pla.
14.– E na poesía?
– Rosalía, Machado, Yeats.
15.– Un libro?
– Guerra e paz.
16.– Un heroe de ficción?
– Jim Hawkins.
17.– Unha heroína?
– Lisbeth Salander.
18.– A súa música favorita?
– Beethoven e o Alalá das Mariñas.
19.– Na pintura?
– Vermeer, Velázquez, Klee.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mandela.
21.– O seu nome favorito?
– Atlántico.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia.
23.– O que máis odia?
– O autoodio dos nosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O sentido da música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen dar traballo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Entre a terra e o ceo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen do asombro.
30.– Un lema na súa vida?
– ¡Ollo á boia!”
Vigo: recital poético en homenaxe a Rosalía de Castro
Compostela: presentación de As ilusións estrañas, de Antón Dobao
Vigo: presentación de Anamnese, de Eli Ríos
Betanzos: recital poético con Manuel Álvarez Torneiro e Luís Rei Núñez
O
xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, terá lugar un recital poético coa participación de Manuel Álvarez Torneiro e Luís Rei Núñez, quen lerán poemas dos seus libros, publicados en Faktoría K, Os ángulos da brasa e Onde nunca é mañá, e Estrela do norte.
Xornadas Castelao. De onte a hoxe, os 16, 21 e 30 de outubro
Lalín: presentación de Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga
O
xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro de Lalín, preséntase Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga, publicada en Xerais. No acto, en que colabora a Libraría Vagalume de Lalín, participan, xunto ao autor, Uxío Grande, Celso Fernández Sanmartín e Manuel Bragado.
Ferrol: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
xoves 16 de outubro, ás 20:00 horas, no local da Fundaçom Artábria (Travesa de Batallóns, 7) de Ferrol, preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais, nun acto que contará coa participación do autor.
Manuel Forcadela autoedita Nunca se sabe
Entrevista a Manuel Forcadela no Diario Cultural da Radio Galega:



