Padrón: homenaxe a Rosalía de Castro
A Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Padrón organizan o sábado 20 de xullo, a partir das 20:00 horas, no Espolón de Padrón, ao pé da estatua de Rosalía, un acto de homenaxe á poeta, co seguinte programa:
– Lembranza histórica dos actos de 1957 e 1958, polo secretario da Fundación, Xosé Carlos Beiró.
– Intervencións de Maruxa Sanmartín e Pitusa Vidal Cabanillas.
– Entrega da bandeira de Camilo Agrasar á Fundación, coa intervención de Luís González Tosar e Xosé Luís Axeitos.
– Audición da voz de Otero Pedrayo (1958).
– Evocación e testemuña dos actos dos anos 1957-58, por Xosé Luís Méndez Ferrín.
– Intervencións de Anxo Angueira (Presidente da Fundación) e Antonio Fernández Angueira (Alcalde de Padrón).
– Rosalía entre nós, homenaxe dos nenos e nenas de Padrón, coa dirección de Iolanda Eiras.
– Actuacións de A Reixeira e Juan Ordóñez.
– Himno galego.
Cerdedo: acto homenaxe a Xosé Otero Espasandín, o 27 de xullo
Muxía: actos do 50 aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente, o 20 de xullo
Santiago: presentación de Rosalía na cobiza do lonxe
Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O xoves 18 de xullo, ás 12:00 horas, presentouse na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela o volume colectivo Rosalía na cobiza do lonxe, monográfico arredor da vida e obra da nosa poeta fundacional que veu luz nos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo. (…)
Os que se animen co libro, atoparán nel, precedidos dun fermosísimo texto cunqueiriano sobre Rosalía, traballos de Ana Acuña poñendo en relación os versos da cantora cos de Pintos a propósito do tema da orfandade; unha visión de confluencias e lecturas paralelas entre José Ángel Valente, Edmond Jabès e mais a escritora da man de Carmen Blanco; a procura das pegadas rosalianas en Novoneyra analizada por Luís Cochón; as influencias de Rosalía detectables en Emilio Pita presentadas por José Ángel García López; unha revisión da Negra sombra e as súas implicacións realizada por Pilar García Negro e outra visión complementaria do mesmo tema asinada por Anxo González Fernández; un estudo verbo da pragmática do poema e o seu simbolismo aplicado a En las orillas del Sar por Arcadio López Casanova; unha completa panorámica do tempo vigués dos Murguía Castro servida por Xurxo Martínez González; un repaso á cuestión da imaxe física do home nos textos de Rosalía que achega Marina Mayoral; unha detallada análise dos paratextos dos Cantares gallegos, contribución de Manuel Rodríguez Alonso; unha nota sobre a consideración de Rosalía en Borges de Claudio Rodríguez Fer e dous apuntamentos sobre a universalidade e a categoría de clásica no tratamento da saudade encarnada obra de Andrés Torres Queiruga.
Da miña parte, convidóuseme a sumarme a este magnífico elenco de profesores, investigadores, poetas, narradores, filósofos e teólogos e quixen facelo vencellando as figuras de Rosalía e Díaz Castro nun traballo titulado, xustamente, Presenza de Rosalía na obra de Xosé María Díaz Castro, encargado, por certo, antes de que ninguén soubese que a RAG ía distinguilo no 2014, por máis que o volume vexa luz agora, meses máis tarde da redacción e entrega desta colaboración. (…)”
A Coruña: presentación de Antologia Atrevida
A segunda feira, 22 de xullo, ás 18:00 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32), da Coruña, preséntase o livro Antologia Atrevida, que reúne os traballos premiados do Concurso Internacional de Criação Literária para miúdos e miúdas da Lusofonia, celebrado o ano pasado, promovido pola Livraria La Atrevida de Lisboa.
Vigo: recital con poesía e música de Elvira Riveiro e Carina Posse
Manuscritos: Ramón Otero Pedrayo (I)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Vilagarcía: edición XXVIII da Mesa das Verbas
Celanova: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández
O xoves 18 de xullo, ás 20:30 horas, na Fundación Curros (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase Bícame, Frank, a nova novela de Miguel Anxo Fernández, publicada en Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, José Luis Ferro Iglesias, Antonio Piñeiro e Gustavo Adolfo Garrido.