O
martes 14 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, terá lugar a primeira sesión do ano do club de lectura Sete Vidas, de Espazo Lectura, na que se falará sobre a novela proposta para este mes: Nada se esquece, da autora Puri Ameixide, publicado por Redelibros, nun acto en que a autora se achegará á biblioteca para falar cos lectores e lectoras que desexen participar.
A Coruña: recital de Luís “O Caruncho” e Alexis Díaz-Pimienta no Ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns
13 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de improvisación oral a cargo de Luís “O Caruncho” e o cubano Alexis Díaz-Pimienta.
Máis información aquí: FOLLETO_DI(N)VERSOS 5.4.
Compostela: Implícate 2014
Cuestionario Proust: Francisco X. Fernández Naval
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Francisco X. Fernández Naval:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Se cadra, a constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Cariño e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– Algo máis de decisión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Camiñar, só ou en compañía.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Compartir o bo e o malo da vida cos seres queridos.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ficar absolutamente só.
8.– Que lle gustaría ser?
– Músico.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que non me doese.
10.– A súa cor favorita?
– Poñamos a azul.
11. – A flor que máis lle gusta?
– Xasmín.
12.– O paxaro que prefire?
– Permíteme dous: o merlo e o paporroibo.
13.– A súa devoción na prosa?
– … Borges?
14.– E na poesía?
– … Avilés de Taramancos?
15.– Un libro?
– O caderno dourado.
16.– Un heroe de ficción?
– Sam Spade.
17.– Unha heroína?
– Anna Karenina.
18.– A súa música favorita?
– Os cuartetos de Beethoven.
19.– Na pintura?
– Chagall.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Históricos: Gandhi e Mandela. Na actualidade a vida real está chea de heroes anónimos.
21.– O seu nome favorito?
– Daniel.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A calumnia e a difamación.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza, expresada como: guerra, fame, persecución, explotación, tiranía, absolutismo…
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia contra o fascismo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Simpatía.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmido.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tranquilo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos.
30.– Un lema na súa vida?
– Vivir.”
Francisco Fernández del Riego: Un correspondente para América
Desde
Cultura Galega:
“Non romper o vínculo e conectar as dúas beiras do Atlántico. Ese foi o propósito de Francisco Fernández del Riego, que durante varias décadas se esforzou en difundir os valores ancestrais e a actualidade cultural de Galicia en revistas de Arxentina, Uruguai ou Venezuela. Este inxente traballo xenerou numerosos artigos repartidos polas revistas da emigración, que agora o Consello da Cultura Galega compilou nun especial interactivo que publica co gallo do final do Centenario de Francisco Fernández del Riego e que permiten mesmo ver a evolución do pensamento do autor desde antes da Guerra Civil ata os anos sesenta.
O especial, que conta con fondos do Arquivo da Emigración Galega, do Arquivo Sonoro de Galicia e a colaboración da especialista en Francisco Fernández del Riego Charo Portela, pode consultarse desde hoxe mesmo. A colección de artigos dixitalizados adéntrase nas múltiples facianas dun polígrafo que se esforzou en manter abertas as canles de comunicación entre a Galicia do interior e a Galicia da emigración e do exilio. Case trescentos textos que poden ser consultados desde hoxe.”
Cuestionario Proust: Xabier López
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xabier López:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Unha (non de todo certa) acusada seriedade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– O moito que me poden obsesionar determinados asuntos.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Ler e escribir sen horarios (e coa familia preto).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a miña familia.
8.– Que lle gustaría ser?
– Pois un escritor mellor do que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– En calquera no que poidamos falar dunha democracia avanzada e dun verdadeiro estado de benestar. O clima importa menos.
10.– A súa cor favorita?
– A do monte no outono.
11.– A flor que máis lle gusta?
– O caravel, sen dúbida.
12.– O paxaro que prefire?
– O bexato, por nacer del o alcume dunha póla familiar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Sumo demasiadas como para non desbaratar este cuestionario.
14.– E na poesía?
– Estou moi anticuado ao respecto: Pablo Neruda?
15.– Un libro?
– Por moito que pasen os anos e as lecturas, Der Zauberberg, A montaña máxica, de Thomas Mann.
16.– Un heroe de ficción?
– Non baixo da montaña: Hans Castorp.
17.– Unha heroína?
– Sigo aí arriba: Clawdia Chauchat.
18.– A súa música favorita?
– O pop-rock ben entendido (nada de radio-fórmula).
19.– Na pintura?
– Non entendo demasiado de pintura. Maruja Mallo está ben.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Xa non creo nos heroes (ou heroínas) da vida real.
21.– O seu nome favorito?
– O dos meus fillos.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Facer ruído cando non toca.
23.– O que máis odia?
– O desprezo á intelixencia (propia e allea) dalgúns actores políticos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai demasiados tiranos, déspotas e iluminados como para que poida quedar cun só.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro nada que teña relación co militar.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder voar ( e non ter medo ás alturas).
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Se non soase demasiado mal, diría que entre a euforia e o abatemento.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que non se poden evitar.
30.– Un lema na súa vida?
– A versión de andar por casa do imperativo categórico kantiano: “non lle fagas aos demais o que non queres que che fagan”.”
Francisco Castro: “Sempre son as pobres as que teñen que pagar”
Entrevista
de Xurxo Salgado a Francisco Castro en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Tes xa algo en mente para publicar?
– Francisco Castro (FC): Sempre hai. Como dicía, estou coa segunda aventura. Pero antes van sair dous libros neste 2014. Un álbum para pequerrechos, con sorpresa. E como vai con sorpresa prefiro non dicir máis nada aínda, por iso de manter a intriga. Logo, para a volta do verán, sairá unha novela xuvenil que, de feito, ía sacar o ano pasado. Pero cruzouse o premio coa novela e decidín adiala.
– GC: O último libro aínda está moi fresco, O corazón da Branca de Neve. Por que ese título tan suxerente?
– FC: Son moi malo poñendo títulos ás miñas obras. Como editor éme moito máis doado coas obras doutros e doutras. Aí póñome estupendo e fago unhas propostas chulísimas. Pero no caso dos meus libros cústame mundos titulalas. No caso desta, apareceu cando estaba a escribir o capítulo derradeiro. E hai que chegar ata aí para entender por que se chama así. Daquela, velaí un motivo máis para mercala… (…)”
Marín: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira
O
venres 10 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Marín (Avenida de Ourense, 8), de Marín, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais, nun acto que contará coa presenza do autor.
Quen son? A cara B de Agustín Fernández Paz
Entrevista a Agustín Fernández Paz no programa Galicia por Diante da Radio Galega.
Xabier López López: “Existe unha diglosia tamén sexista”
Desde
Xerais:
“Ponte en Galego, o programa radiofónico do equipo de Normalización Lingüística do IES Breamo de Pontedeume entrevistou ao escritor Xabier López López, gañador do Premio Xerais de Novela 2013 con Cadeas. Na interesante entrevista, Xabier López López fala da lingua galega e asegura que existe unha diglosia tamén sexista». A entrevista pode descargarse ou escoitarse neste enlace.”
