Xabier López: “É difícil escribir sobre Galicia sen que asomen algunhas ‘fracturas’ como a da diglosia”
Entrevista
de Montse Dopico a Xabier López en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Comeza o libro [Cadeas] cun encontro entre un escritor e unha lectora, que irá evolucionando dun xeito que os personaxes non agardaban ao principio. Por que escolliches esta historia como fío condutor?
– Xabier López (XL): Ao formular unha proposta que ten como eixes máis ou menos difusos ás identidades/colisións entre vida, narración(s) e literatura, tiña bastante claro que o fío vertebral debía reflexionar sobre a relación entre o escritor-creador e o lector como destinatario da súa creación (e mesmo, e velaquí o máis interesante, como unha creación máis do primeiro). Confesémolo ou non, non coñezo ao primeiro escritor que non estea tentado a facer coma Dióxenes de Sínope, o filósofo cínico, e no canto de saír na busca do “Home”, ben armado cun candil, percorrer rúas e prazas na busca do “Lector”: “Sabedes del? Víchedelo? U-lo?”. Os escritores non só se dedican –e isto pode xerar ás veces certas escravitudes- a buscar “o tempo perdido”; ás veces pasan tempo de máis intentando compracer un fantasma… Dende certo punto de vista, e isto non deixa de ter a súa graza, a escrita non deixa de ser unha especie de tiro ao branco cos ollos pechos…
– MD: Volves, tamén, como en libros teus anteriores, á historia. En relatos que van máis alá da narración de aventuras (por exemplo), para apuntar a cuestións fundamentais da historia como as guerras coloniais, a memoria das vítimas do franquismo… Canto hai de documentación nestes relatos? Que ollada quixeches ofrecer neste libro sobre a memoria?
– XL: “Documentación”, o que podemos entender por “documentación”, a necesaria para salvar as esixencias mínimas de verosimilitude que esixe toda creación literaria (e non só a “histórica”). Porén, e creo que aquí reside boa parte do espírito lúdico de Cadeas, toda a erudición, poderíamos chamala así, se atopa ao servizo da narración: na novela podemos encontrar feitos completamente ficticios con aparencia de ser “históricos” e sucesos con aparencia ficticia que son completamente reais. Se poñemos isto último en relación coa túa pregunta sobre a memoria… A memoria, aínda que a concibimos doutra maneira, é sempre parcial, particular, poliédrica… Podemos –e debemos- configurar un relato máis ou menos aceptado por todos ou, cando menos, polo meirande número, mais a verdade é que penso que a filosofía do “coma se” de Hans Vahingir podería aportar, aínda hoxe en día, algunhas reflexións interesantes: o home é incapaz de coñecer a realidade e limítase a comportarse “coma se” o fixese; comportámonos coma se o mundo (pasado, presente e futuro) se correspondese co modelo que del nos fixemos. (…)”
Madrid: conferencia-coloquio de Montserrat Pena Presas: Soñar para nenas e mozos en galego
Olalla Cociña: “A poesía bebe do real, do tanxible, é, ou aspira a ser, o real. O cotián contén o mundo todo”
Entrevista
de Montse Dopico a Olalla Cociña en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): No teu poemario anterior, Libro de Alicia, estaba tamén presente a infancia, a través das “nenas”. Neste libro [Ningún precipicio] volve a infancia. Pero non hai idealización da mesma. Como se conectan estes dous libros?
– Olalla Cociña (OC): Volven estar as nenas, e coido que seguirán estando no que escriba porque me habitan. A infancia ocupa un papel chave na miña escrita, toda persoa adulta leva dentro de si a nena que foi e considero importante escoitala sempre, mirar a vida con ollos pequenos, que non inocentes. Reconectar con episodios sucedidos nunha época que foi esencial para a configuración do ser humano pode doer pero á fin resulta benéfico e revelador.
Por outra banda, sérveme para contar ou cantar o que quero, e moitas veces só é un campo semántico ao que recorro porque contén imaxes que me resultan poderosas, lumínicas. Por suposto nunca podería ser unha infancia idealizada, porque sería falsaria, allea ao que eu considero poético. (…)
– MD: O que si mantén, dos poemarios anteriores, é a presenza do cotián. Os recordos da infancia, os instantes que ficaron fixados na memoria -aínda que aparezan ficcionados-. De que xeito se basea este poemario nas sensacións, emocións… ligadas ao cotián?
– OC: O cotián convoca todos os nosos sentidos e iso é algo que me interesa na poesía e na arte en xeral: a emoción que chega sen un plan ou pensamento previo, dun xeito orgánico, físico. E tamén o cotián parte dun universo pechado que se pode abrir infinitamente: a poesía bebe do pozo inesgotable do real, do tanxible, é, ou aspira a ser, o real. O cotián contén o mundo todo. Gastón Bachelard incitounos, falando da miniatura na súa Poética do espazo, a “rebasar a lóxica para vivir o grande que existe dentro do pequeno”.
Por outra parte resultaríame moi difícil escribir algo que non me atinxa, que non teña a mao ou que non me sexa coñecido, sentido. (…)”
Cuestionario Proust: Xosé Manuel Eyré
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Manuel Eyré:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A ilusión.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade a bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Comprensión a ánimo.
4.– A súa principal eiva?
– É moi doado ilusionarme para emprender proxectos novos.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler/escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que exista a felicidade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Prefiro non nomeala, non vaia ser…
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– De non ser na Galiza, no Brasil ou Portugal.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor do toxo.
12.– O paxaro que prefire?
– Paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Síntoo, tería que falar de devocións, non son quen de privilexiar unha soa.
14.– E na poesía?
– O mesmo que na anterior.
15.– Un libro?
– Tampouco podo dicir un título só.
16.– Un heroe de ficción?
– Superman.
17.– Unha heroína?
– A muller que, día a día, loita polos seus dereitos.
18.– A súa música favorita?
– Son moi aberto tamén nos gustos musicais. O que non aturo é a música comercial.
19.– Na pintura?
– Picasso.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Hainos?
21.– O seu nome favorito?
– Isabel.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de hixiene.
23.– O que máis odia?
– A hipocrisía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A simpatía.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Sempre atopo algunha ilusión que tire de min.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A torpeza.
30.– Un lema na súa vida?
– Dime que les e direiche quen/como es.”
Lugo: conferencia-coloquio sobre O rexurdir do nacionalismo galego
Cuestionario Proust: María López Sández
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María López Sández:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A alegría (aínda que non haxa motivos).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O respecto da liberdade allea.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto respectuoso.
4.– A súa principal eiva?
– Querer abranguelo todo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Pensar, ler, bailar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Un verán inacabable, con libros, mar, nenos, xogos e erotismo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A que non me atrevo a pensar ou nomear.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha nube.
9.–En que país desexaría vivir?
– Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– A gaivota.
13.– A súa devoción na prosa?
– Kazuo Ishiguro.
14.– E na poesía?
– Aínda estou na procura.
15.– Un libro?
– Non me deixes nunca.
16.– Un heroe de ficción?
– Holden Caufield.
17.– Unha heroína?
– Kath (en Non me deixes nunca).
18.– A súa música favorita?
– Rítmica, sensual e bailable.
19.– Na pintura?
– Caspar Friedrich.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Malala.
21.– O seu nome favorito?
– Aldara.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A maledicencia.
23.– O que máis odia?
– O paternalismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– A resistencia pasiva.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Talento para o baile.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Vella, sentada nunha cadeira, cun libro fronte ao mar.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ilusionada.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A preguiza.
30.– Un lema na súa vida?
– A vida mídese fronte á nada.”
Miro Villar: “A primeira vez que se reivindicou a poesía do mar na literatura galega foi con López Abente”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Miro Villar en La Voz de Galicia, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
– (…) Ramón Nicolás (RN): Que significa a súa obra [de Gonzalo López Abente] para a literatura galega?
– Miro Villar (MV): Gonzalo López Abente é un dos poetas máis interesantes das primeiras décadas do século XX, con Cabanillas e Victoriano Taibo. Todos tres representan a poesía das Irmandades da Fala. Alén diso, Abente era moi valorado na súa época, por Antón Vilar Ponte ou por Vicente Risco que o definiu como «o noso mellor poeta do mar» e devecía polos seus sonetos de Do Outono (1924). De feito, Abente foi elexido en 1936 polos seus coetáneos para presidir a primeira Asociación de Escritores Galegos, outro proxecto fanado pola golpe fascista de 1936 e a guerra (in)civil. (…)
– RN: Cal é a orixe desta Poesía completa?
– MV: Constituída en 2010 a Fundación López Abente en Muxía, da que fun unha das persoas fundadoras, principiou a valorizarse a reedición da súa obra para o seu mellor coñecemento. De primeiras levei adiante a edición literaria de Bretemada (Alvarellos, 2011), poemario mecanoscrito inédito que se atopaba depositado na RAG e do que souben polo investigador Ernesto Vázquez Souza. E axiña a Fundación pediume que traballase na compilación da súa Poesía completa, labor ao que me entreguei decontado e que rematou nesta edición de máis de 600 páxinas, que xunta oito libros, textos inéditos e dispersos e a súa breve poesía en castelán, pois Abente foi por vontade propia un poeta monolingüe. (…)”
Cuestionario Proust: Alberte Momán
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alberte Momán:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Resolutivo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Sinceridade.
4.– A súa principal eiva?
– O temperamento.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Desenvolver un proxecto de meu que axude á divulgación artística.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter éxito nos meus proxectos.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza utópica.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A do toxo.
12.– O paxaro que prefire?
– O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– Boris Vian.
14.– E na poesía?
– Hans Magnus Enzensberger.
15.– Un libro?
– O arrancacorazóns, de Boris Vian.
16.– Un heroe de ficción?
– O Nexus VI de Blade Runner.
17.– Unha heroína?
– Su liz-hen, do filme In the mood for love.
18.– A súa música favorita?
– A voz de Grace Slick.
19.– Na pintura?
– Lugrís.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña nai e os meus sobriños.
21.– O seu nome favorito?
– Airas.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Falar por teléfono.
23.– O que máis odia?
– Falar demasiado.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera dos presidentes do goberno español.
25.– Un feito militar que admire?
– Revolución rusa ou cubana.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A locuacidade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De morte matada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Melancolía.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O sufrimento alleo.
30.– Un lema na súa vida?
– Mirar sempre para adiante.”
Convocados os XXIII Premios Irmandade do Libro
A
Federación de Librarías de Galicia convoca os XXIII Premios Irmandade do Libro, cos que a organización libreira de Galicia quere render homenaxe aos que durante o ano 2013 destacaron no seu traballo para que o libro e a lectura segan a ter un presente activo e un futuro determinante para a sociedade galega.
Os premios convócanse nas seguintes modalidades:
– Centros de Ensino.
– Librarías.
– Fomento da Lectura.
– Libro do Ano, Libro Infantil e Xuvenil do Ano, Obra Editorial.
– Autor – Autora.
A entrega de premios será na localidade coruñesa de Rianxo o día 5 de abril.
BASES DA MODALIDADE DE LIBRO DO ANO 2013, LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2013 E OBRA EDITORIAL
“LIBRO DO ANO 2013
Este apartado da modalidade ten por obxecto distinguir un libro, dirixido ao público adulto, escrito preferentemente en lingua galega e distribuído nas librarías de Galicia durante o ano 2013, que pola calidade e interese do seu contido e pola acollida, tanto da crítica como do público lector, teña acadado especial relevancia na nosa sociedade.
LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2013
Nesta modalidade, valorarase e premiarase un libro dirixido ao público infantil e xuvenil, escrito preferentemente en lingua galega e distribuído en Galicia durante o ano 2013 que polo seu valor literario, polo interese do seu contido, pola calidade das ilustracións (no seu caso) e pola potenciación de valores necesarios para o desenvolvemento persoal dos lectores, resulte relevante.
OBRA EDITORIAL
Neste apartado quere premiarse a calidade técnica e material dunha publicación, o esforzo editorial, o aporte documental e gráfico e o carácter innovador dunha obra ou dunha serie de obras que teñan un especial significado no panorama cultural e social galego.
Poderán participar en calquera dos tres apartados todas as editoriais galegas cos libros dos seus fondos e aqueloutras que, sen pertencer á nosa comunidade, teñan obras de especial interese para a sociedade galega.
As Agrupacións de Librarías pertencentes á Federación de Librarías de Galicia poderán presentar propostas nos mesmos termos que as editoriais.
Os interesados na participación, deberán documentar as mesmas e enviar dous exemplares dos libros propostos, antes do día 7 de marzo de 2014 á Federación de Librarías de Galicia (Rúa República de El Salvador, 28 entrechán B. 15701 Santiago de Compostela) facendo constar no paquete XXIII Premios Irmandade do Libro.
Os libros quedarán de propiedade da organización, agás petición expresa en contra por parte da editorial.
As editoriais autoras da edición das obras gañadoras, recibirán unha figura alegórica de bronce, deseño exclusivo do artista lucense Ismael López Fernández, realizada nos talleres Artebronce, de Goián e unha campaña dos libreiros asociados para a divulgación dos libros gañadores en todas as librarías pertencentes á Federación de Librarías de Galicia. O acto terá lugar en Rianxo, o día 5 de abril de 2014.
O xurado, presidido polo titular da Federación de Librarías que terá voto de calidade, estará formado por un escritor ou escritora en lingua galega. Un profesor ou profesora de lingua e literatura galega. Un bibliotecario ou bibliotecaria. Un representante da Xunta de Galicia. Un libreiro ou libreira, membro da Federación de Librarías. Actuará como secretario, con voz e voto o secretario da Federación de Librarías de Galicia.”
BASES DA MODALIDADE DE AUTOR/A
“Ten por obxecto premiar o labor profesional realizada a prol do libro e da lectura no ano 2013 por parte das librarías galegas pertencentes á Federación de Librarías de Galicia.
Os interesados deberán enviar unha memoria explicativa da proposta na que se destaquen os méritos da candidatura e, sobre todo, a súa actividade profesional e a súa participación na promoción e difusión do libro e a lectura, a incorporación e utilización de novas tecnoloxías ao servizo do libro, da lectura e da cultura en xeral no contorno no que desenvolve o seu traballo, así como as súas achegas á defensa solidaria dos intereses do colectivo de libreiros e do seu prestixio profesional.
As propostas das candidaturas, poderán ser presentadas pola libraría interesada, por outra libraría ou colectivo de libreiros, polas Agrupacións de Libreiros pertencentes á Federación de Librarías de Galicia e pola propia Federación.
As propostas deberán presentarse na Federación de Librarías de Galicia (República de El Salvador, 28 entrechán B. 15701 Santiago de Compostela) antes do 7 de marzo de 2014. Poderán enviarse por correo postal, fax (981599958) ou correo electrónico (libreiros@librarías.org).
O gañador recibirá unha figura alegórica de bronce, deseño exclusivo para os Premios Irmandade do Libro, do artista lucense Ismael López Fernández e realizada nos talleres Artebronce de Goián, que será entregada no transcurso dun acto que se celebrará en Rianxo, o 5 de abril de 2014.
O xurado estará formado polas seguintes persoas: O presidente da Federación de Librarías de Galicia que presidirá o xurado con voto de calidade. Un escritor ou escritora en lingua galega. Un profesor ou profesora de lingua e literatura galega. Un representante da Xunta de Galicia. Un bibliotecario ou bibliotecaria. Un libreiro ou libreira, pertencente á Federación de Librarías. Actuará como secretario, con voz e voto, o secretario da Federación de Librarías de Galicia.
A participación no certame implica a plena aceptación das bases.”


