Cuestionario Proust: Helena Villar Janeiro

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Helena Villar Janeiro:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A amabilidade e a tolerancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que sexan honestas e non me traizoen.
4.– A súa principal eiva?
– “Teño medo dunha cousa que vive e que non se ve”.
5.– A súa ocupación favorita?
– Saír ao campo provista dun cestiño no tempo dos cogomelos. En calquera época andar cunha cámara tratando de atopar algo orixinal que fotografar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Para min vivir en paz e co cariño dos meus. Para a sociedade, un estado xusto.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda dun ser querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– A soprano que sempre crin levar dentro.
9.– En que país desexaría vivir?
– A pesar de que sufro vendo o que nel hai de anómalo, en Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– Azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– Polo canto, o xílgaro. Pola beleza, o paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cervantes e Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– Rosalía e Juan Ramón.
15.- Un libro?
Follas novas.
16.– Un heroe de ficción?
– Non me interesan os heroes de papel.
17.– Unha heroína?
– Tampouco a heroínas.
18.– A súa música favorita?
– O Requiem de Mozart.
19.– Na pintura?
– Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Martin Luther King.
21.– O seu nome favorito?
– Helena, por unha tradición familiar que se conserva.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O chafardeo maledicente.
23.– O que máis odia?
– A inxustiza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Francisco Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Dominar a emotividade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Na miña casa e rodeada dos meus.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-O bo humor.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A presunción se non é prepotente. A xente necesita autoestima.
30.– Un lema na súa vida?
– Ánimo, que todo podería ser peor.”

As escaleiras do gran hotel, de Rubén Martínez Alonso, premio Risco de Creación Literaria

Desde a Fundación Vicente Risco:
As escaleiras do gran hotel, de Rubén Martínez Alonso, é a obra gañadora do XIV Premio Risco de Creación Literaria. Trátase dunha trama de intrigas políticas e ideolóxicas previo á Segunda República. A protagonista é unha feminista adiantada ao seu tempo, que racha co modelo familiar da época e soña cun futuro de independencia económica e intelectual.
Esta decisión foi adoptada despois de máis de dúas horas de deliberación, nas que o xurado destaca a gran calidade literarias das obras presentadas. O xurado estivo formado por: María Garrido Rodríguez, Xoán Carlos Feixoo Mirón, Serafín Alonso Pintos, Ánxela Gracián e o gañador da edición pasada Alberto Ramos. (…)”

Ourense: presentación de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez

O martes 10 de decembro, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Rubén Requeixo, Millán Picouto e Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela

O luns 9 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela, publicado en Galaxia, obra coa que obtivo o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio. No acto, xunto ao autor, participa Valentín García.

María Xosé Lamas gaña o premio Arume 2013 de poesía para nenos

Desde La Voz de Galicia:
“A profesora, escritora e actriz natural da localidade lucense de Vilalba, María Xosé Lamas Fernández, foi a gañadora da sétima edición do Premio Arume de Poesía para Nenos. O xurado deste certame literario reuníase o pasado martes en Gres para fallar un galardón que está dotado con 600 euros en metálico e a publicación da obra por Edicións Embora. O poemario gañador leva por título Cantigas para aprender a soñar.
Nesta edición foron doce os traballos presentados a concurso. O xurado que fallou o galardón estivo presidido por Xosé Neira Vilas, integrado por Juan Andrés Fernández Castro, Rosalía Morlán e Luís Reimóndez, en calidade de secretario. O acordo foi unánime, pero tamén se considerou oportuno outorgar varias mencións de honra dada a calidade dos traballos presentados. En concreto foron para Cando as follas voan, de Antón Cortizas, O libro dos medos que non o son, de María Canosa, e Versos e bicos, de Xosé Luna. María Xosé Lamas exerce como docente en Vilalba e conta cunha importante obra escrita, ademais de conseguir diferentes premios e destacar no seu labor a valor do teatro afeccionado. A entrega dos premios terá lugar o día 15 de decembro, a partir das 17.00 horas, na Fundación Xosé Neira Vilas.”

Cuestionario Proust: María do Carme Kruckenberg

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María do Carme Kruckenberg:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Calar até poder dicir todo o que teño dentro.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Pouco e moito.
4.– A súa principal eiva?
– A falta de paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Que sexa soportábel a vida.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O que me está pasando que me impide vivir en liberdade.
8.– Que lle gustaría ser?
– A razón.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha aldea de Galiza, nun bosque pequeno e verde onde vivir Galiza plenamente.
10.– A súa cor favorita?
– O azul forte propio dos mariñeiros.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa da cor do viño tinto.
12.– O paxaro que prefire?
– O reiseñor.
13.– A súa devoción na prosa?
– Os escritores que acompañaron o tempo da xeración do 27.
14.– E na poesía?
– A xeración do 27.
15. Un libro?
– A poesía de Federico García-Lorca.
16.– Un heroe de ficción?
– Ningún.
17.– Unha heroína?
– Ningunha.
18.– A súa música favorita?
– Primeiro Bach e despois o jazz.
19.– Na pintura?
– Velázquez.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Calquera ser decente e de verdade.
21.– O seu nome favorito?
– Rosalía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A mentira.
23.– O que máis odia?
– A mentira mal intencionada que vai deixando a xente ao pé da escaleira.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de conseguir superar a preguiza.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo coma a miña avoa.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A tristura.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Ningún.
30.– Un lema na súa vida?
– Vivir a pesar de.

* O meu agradecemento a Mercedes Queixas pola xenerosa colaboración prestada.”