Allariz: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

A sexta feira 14 de xuño, ás 20:30 horas, na Fundación Vicente Risco (Rúa San Lorenzo, 3) de Allariz, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Libraría Aira das Letras.

Arteixo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 14 de xuño, ás 21:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, participa, xunto ao autor, Xosé María Rei Lema.

Xavier Queipo: “A literatura galega vése como anomalía no mundo literario lusófono e castelán”

Entrevista a Xavier Queipo en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Existen poucos puntos de encontro para as literaturas portuguesa, brasileira, africana ou galega, non é?
– Xavier Queipo (XQ): Existen algúns mais tamén existe unha asimetría no tratamento. Para os portugueses, de quitado algunhas excepcións no norte do país, todo ben se pagamos nós, mais se a festa é deles entón hai que falar en portugués ou en español, pois o galego non o entenden nin teñen intención de entendelo. Nese aspecto compórtanse, case todos eles, de xeito moi primitivo e pouco flexíbel. As experiencias cos brasileiros son máis de respecto, se cadra porque non nos ven con tanto desprezo, senón simplemente como tipos estraños, un pouco loucos.
– SG: A literatura galega é grande descoñecida para o mundo editorial e literario lusófono?
– XQ: Non acontece exclusivamente co mundo literario lusófono, senón tamén co castelán, por poñer un exemplo tamén próximo. Vénnos como unha anomalía, como unha rareza propia de toleiráns ou de ilusos. Lembro cando o odiado/amado Premio Nóbel da Literatura Portuguesa, un tal Saramago, me espetou que eu era un iluso por escribir en galego, que o que un escritor tiña que procurar era lectores e porén tiña que escribir en castelán, que era a lingua do meu estado. Somos un sistema literario que sendo pequeno en produción e sobre todo en lectores ten unha puxanza e unha diversidade enorme o que “descoloca” un chisco aos editores foráneos. Mais supoño que acontecerá o mesmo con sistemas literarios de linguas menos expandidas como o armenio, o azarí ou o islandés, coa agravante que nós non temos estado e, porén, non temos nin institucións que nos apoien nin un pobo –e isto é fundamental- que se sinta identificado cun sistema literario propio (as vendas certifican todo o contrario).
– SG: Que vantaxes podería ter como escritor poder entrar nese mundo da lusofonía?
– XQ: É unha cuestión de números, supoño, de lectores potenciais. Seguindo a tese de Saramago habería que escribir en castelán ou, no peor dos casos, en portugués, as dúas linguas máis próximas, unha, o castelán, porque é na que a xente da miña xeración foi instruída dende a educación primaria até a universitaria e, porén, ten un certo dominio, ou ben en portugués, para aqueles que se sintan cómodos por razón de proximidade lingüística. Mais se imos aos números de lectores potencias se cadra deberiamos escribir en inglés, en chinés ou en bengalí. Non me sinto ben tendo que mudar de lingua. Non me sinto ben tendo que renunciar ao galego pois escollino como lingua de uso de xeito consciente e forma parte da miña vida e da miña maneira de ser e de estar no mundo. (…)”

A Coruña: presentación de Morreu o demo, acabouse a peseta

O venres 14 de xuño, ás 20:30 horas, no local da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase o libro-DVD Morreu o demo, acabouse a peseta, publicado por Urco Editora, que recolle unha investigación sobre o legado de Barriga Verde. No acto, coorganizado coa Librería Sisargas, participan Anxo García e Germám Ermida, da Asociación Cultural Morreu o demo.

Parlamento das Letras: Berta Dávila

Entrevista de Armando Requeixo a Berta Dávila no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Berta Dávila (BD): Hai unha cousa que evidentemente nos sobra: o desleixo e o incumprimento da obriga de protección e promoción por parte das administracións públicas, tanto coa lingua como coa cultura. E outra cousa que nos falta: superar a fenda que existe entre os lectores para os que escribimos e nós. Decote teño a sensación de que escribo para un lector que non existe ou que existe de xeito absolutamente minoritario. Outras veces penso que escribo para que ese lector exista, desexando que exista. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– BD: Positiva, creo que é plural e rico. Inevitablemente algúns libros interésanme máis ca outros. Fuxo bastante da novela ou do poemario escritos para non incomodar, sen fallos mais tamén sen acertos nin luzadas. Isto non quere dicir que incomodar signifique para min o que talvez pode entenderse, porque realmente non existe nada máis canónico que a provocación cando é baleira. Creo, de todas formas, que non é o que máis abunda e que se cadra, polo tipo de sistema que temos, son moitas as obras afoutas, honestas e valentes, e mesmo aquelas cuxa proposta non é a miña, tamén me interesan.”