A
quinta feira 13 de xuño, ás 20:00 horas, na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola A. C. Eira Vella, en colaboración coa Libraría Carricanta.
Aula Fina Casalderrey no IES Pintor Colmeiro de Silleda
O portugués Amadeu Baptista gaña o Premio Cidade de Ourense de Poesía
Desde
Fervenzas Literarias:
“Não vês a revolução permanente neste trapo vermelho
enrolado à volta da minha cabeça, enquanto ponho
os olhos num infinito não muito distante?
Estes versos corresponden ao poema Murmuração de Leon Trotski no seu leito de morte, incluído en Um pouco acima da miséria, o traballo poético co que o poeta portugués Amadeu Baptista ven de gañar por unanimidade do xurado o XXIX Premio de Poesía Cidade de Ourense.
O xurado desta edición estivo composto por Fernando de Castro Branco, como representante do Grémio Literário-Vilarense, Margarita Seara Pazo, Edelmiro Vázquez Naval, Eva Moreira Fontán e Miguel Anxo Fernán-Vello. Actuou como secretaria a técnica de Normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia e presidiu o Xurado a Concelleira de Cultura, Ana Garrido González (sen voz nin voto).
Os membros do xurado valoraron especialmente da obra premiada que “estamos perante un libro de excepcional calidade. Unha respiración poética ampla, un traballo minucioso de linguaxe que está na base dunha tensión poética intensa. Aínda cun percurso na referencias marcantes da civilización occidental que cuestionan dunha forma aguda o presente de Europa.”. (…)”
Antonio Manuel Fraga, premio Merlín 2013: “A historia chegou a absorberme case por completo”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Antonio Fraga, no seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Sinalaches que n´O castañeiro de abril foxes do edulcorado á mantenta, á marxe de concretas franxas de idade…
– Antonio Fraga (AF): Si, quixen protexer a obra de min mesmo e non dulcificarlles aos rapaces cousas que irían en detrimento do propio valor da historia. Acho que é moi sinxelo acadar empatía cos personaxes, principalmente con Baltasar, o protagonista, e se iso é así, en gran medida é pola dignidade e valor co que afrontan as distintas vicisitudes que lles xorden.
– RN: Tamén resultou gabada polo xurado a forma da novela, o nivel de expresión. Algo fundamental para calquera obra?
– AF: Alegreime especialmente de que iso fose tido en conta, porque tentei ser todo o coidadoso posíbel nese aspecto. Como persoa cuns estudos técnicos e afastados do eido da lingua, procurei ser o máis respectuoso posíbel no seu uso. Gustei da metáfora do canteiro traballando a pedra que empregou o xurado, porque tentei que os meus golpes co cicel fosen o máis precisos posíbeis.
– RN: No ámbito da LIX galega e internacional, no caso de telos, cales son os teus referentes?
– AF: Semella moi manido dicir isto, mais a nivel internacional o meu principal referente é Roald Dahl, porque consegue que goce como un raparigo cada vez que releo algún dos seus libros. A nivel galego hai moitos, mais se teño que ficar cun nome talvez sería o de Agustín Fernández Paz tamén polo moito que teño gozado coa súa obra. (…)”
A lus do mundo: o poeta Díaz Castro desde o IES de Guitiriz
A Coruña: obradoiro de edición da Galipedia
“A
vindeira semana vaise celebrar na Coruña dous obradoiros de introdución á edición da Galipedia. Os obradoiros terán un carácter totalmente práctico e gratuíto, e están orientados a todo tipo de público. Hai dúas convocatorias, o mércores 19 e o xoves 20 de xuño, os dous ás 19:00 e de hora e media de duración, para adaptarse ás axendas dos asistentes. A información completa pode atoparse na páxina de información xuvenil do concello, así como a páxina de inscrición que está aberta ata o día 15 de xuño.”
Actos comarcais organizados pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público contra a LOMCE
Entrevista a Xabier López, gañador do Premio Xerais 2013, por Cadeas
Convocado o XIV Premio Vicente Risco de Creación Literaria
O Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco, convoca un premio anual de CREACIÓN LITERARIA, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta ilustre cidade.
Ao PREMIO RISCO DE CREACIÓN LITERARIA, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais.
Para este fin, e tendo en conta a colaboración e opinión da Fundación Vicente Risco, redactáronse as seguintes
BASES
Primeira. Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.
Segunda. O prazo de entrega remata o martes día 1 de outubro de 2013 e o lugar de presentación será no Rexistro Xeral do Concello de Ourense.
Terceira. Para garantir o anonimato dos autores, os orixinais presentaranse por sextuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra Times New Roman de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo.
Cada orixinal irá acompañado dun sobre pechado, que conterá a identidade do autor (nome completo, enderezo e teléfono) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior, exclusivamente, o título ou lema da obra.
Cuarta. A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación do libro.
O importe do premio concederase con cargo á aplicación orzamentaria 170 3340 48952 do orzamento do Concello de Ourense prorrogado para o exercicio 2013.
Quinta. O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense.
Sexta. A composición do xurado darase a coñecer pública e oportunamente pouco antes da data de emisión da súa decisión, o venres 15 de novembro.
Sétima. Se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
Oitava. O Excmo. Concello de Ourense, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición desta en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros.
A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O/A beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Asemade, a persoa gañadora do premio formará parte do xurado na seguinte edición.
Novena. Os orixinais que non resulten premiados seranlles devoltos aos seus autores e autoras se os requirisen por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
Décima. A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.
Ourense, 30 abril de 2013″
Xosé Neira Vilas: “Del Riego inspiroume a difundir o libro galego”
Entrevista
a Xosé Neira Vilas en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Esta correspondencia [Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego 1959-2007] durou case medio século ¿Cál foi o seu comezo?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Pois arrincou en 1954 en Bos Aires. Daquela, dende as Mocidades Galeguistas -das que eu era secretario- entregóuselle a Del Riego un exemplar do seu primeiro libro, Cos ollos do noso espírito, que acababa de ser editado en Arxentina. Del Riego acudira á capital arxentina para dar unha conferencia ese 24 de xullo. A foto da cuberta recolle ese acto ó que tamén acudiron Alonso Ríos ou Suárez Picallo. A nosa relación continuou porque Follas Novas, que creei xunto coa miña dona Anisia Miranda en 1957, funciounou como unha representante de Galaxia en Arxentina. De feito, foi Fernández del Riego quen insinuou, tres anos antes, que máis que accionistas (daquela as accións custaban 1.000 pesetas), Galaxia o que precisaba era unha vía de difusión do libro galego. As coincidencias non rematan aquí, porque volvemos atoparnos en 1972 nun congreso en Vigo sobre Rafael Dieste, e eu fun o último académico que entrou na RAG sendo el presidente. Hai, ademais, unha foto do noso último encontro en Vigo, un ano antes do seu pasamento e seis meses antes do de Anisia.
– FdV: Ademais de falaren das cuestións relativas ás dúas editorias, ¿qué outro contido teñen estas misivas?
– XNV: Intercambiamos ideas, falamos da censura e daqueles libros que non se podían publicar. Lembro que, nunha delas, Del Riego propón que eliminemos as dedicatorias dos libros por se non pasan a criba. Dende alén mar, eu enviáballe libros que naqueles últimos anos da dictadura aínda non se podían conseguir en España, como obras de Jean-Paul Sartre ou Albert Camus.
– FdV: ¿Del Riego foi unha fonte de inspiración para personaxes como Balbino ou Sara, a protagonista de Querido Tomás?
– XNV: Pois non, pero Del Riego e Balbino están conectados. Hai dous anos, no Congreso Internacional do Ibby en Santiago, confirmouse que Memorias dun neno labrego foi o arranque da literatura infantil en galego. Pero en realidade, a edición sistemática desta literatura iníciase tres anos máis tarde, en 1964, cunha carta que eu lle envío a Del Riego dende a praia de Guanabo, en Cuba, na que lle insisto na necesidade de editar literatura infantil. Posteriormente, indícolle os intereses literarios dos nenos por tramos de idade. A partir de entón, Galaxia colabora coa editorial catalana La Galera para traducir ao noso idioma O abeto valente e O globo de colores. É certo que os nenos xa lían as historias dos irmáns Grimm ou de Andersen, pero é que estas obras adaptáronse par aos nenos, e non se escribiron inicialmente para eles. Esta relación con Balbino vai máis alá, porque Del Riego fixo unha crítica sobre o libro no xornal compostelano La Noche, e dende Cuba envielle 300 exemplares para distribuir en Galicia. É máis, o seu último traballo, que edita Ir Indo, é unha colaboración nunha homenaxe a min e a Balbino.
– FdV: ¿Nunca lle mencionou Del Riego a súa intención de exiliarse debido á dictadura?
– XNV: Non, e iso que perdeu o seu emprego e tivo diversos problemas. Pero gracias á súa colaboración na revista Galicia Emigrante, con entrevistas e noticias do que ocurría a este lado do mar, Del Riego contribuiu moito a reanudar os lazos entre os galegos de aquí e os emigrados, que anos antes se distanciaran debido á política. Del Riego asinaba con dous pseudónimos, Salvador Lorenzana, en referencia á localidade lucense na que naceu, e Cosme Barreiros, pola parroquia de Barreiro, na Mariña lucense.”
