Manuel Rivas: “Teño que repensar se quero continuar na Academia nesta situación”

Entrevista a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) «A circunstancia actual da institución non é a mesma que cando eu entrei e este cambio obrígame a repensar se debo ou non permanecer como académico», apunta Rivas.
O escritor considera, «aínda que sexa algo inxenuo», que debe quedar algunha esperanza para resolver a situación porque, declara, «eu pediría que Ferrín agotase o seu actual mandato». Rivas asegura sentirse incómodo «con algunhas acusacións vertidas desde o anonimato por académicos» e pide que se abandonde o «cainismo que tantos estragos causa no país para adoptar isto que antes se chamaba altura de miras».
O escritor tamén considera que hai unha «considerable desproporción entre as cuestións que son motivo de polémica e as repercusións das mesmas». Rivas lembra que non sucedeu «nada ilegal» e que pode ser «necesario que a Academia poña en marcha un regulamento para establecer contratacións públicas». Igual que outros consultados, o escritor sinala que a valoración do presidente e da súa xestión «é globalmente boa e esta circunstancia aínda fai máis difícil entender por que a situación acaba en dimisión». Na opinción de Rivas «a situación debería reconducirse desde unha confianza básica, desde unha certa unidade que pense no país e que abandone comportamentos cainitas que non benefician á cultura galega nun momento moi grave para a mesma». (…)”.

O ILG súmase ao Consello da Cultura e nega ter presionado á Academia

Desde Sermos Galiza:
“O ILG agardou para se manifestar o tempo preciso que marcan as convocatorias oficiais da entidade. Despois da xuntanza do Consello Científico desenvolvida na mañá deste xoves, a entidade da Universidade de Santiago afirma que “desexa desmentir categoricamente as imputacións” formuladas por Xosé Luís Axeitos ademais de expresar a vontade de “seguir colaborando de maneira activa e leal coa Real Academia Galega, sen máis pretensión que a de contribuír solidariamente ao estudo, desenvolvemento e promoción da lingua galega”.
Lembra que os membros do ILG que forman parte do plenario da Academia están alí a nivel persoal e non actuan como colectivo no seu funcionamento interno. En canto á posición sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG lembra que xa ten manifestado a súa “firme e manifesta oposición” facendo seus “en todos os seus aspectos a análise elaborada pola Real Academia Galega”. Reafirma o ILG a súa “lealdade e compromiso” coa Academia, e deixa ver que a entidade non presentara recurso xa que “carece de personalidade xurídica propia e non pode acudir aos tribunais” mais, de todas maneiras, sinala que “non mudou a súa posición nin, por suposto, promoveu ningún tipo de acción para orientar ou condicionar as decisións da RAG”. Chama finalmente á colaboración de institucións e entidades que teñen como obxectivo a defensa, promoción e difusión da cultura e lingua galega.”

A guerra de Celso Emilio Ferreiro

Entrevista a Ramón Nicolás en Faro de Vigo:
“O levantamento militar do 1936 supuxo para Celso Emilio Ferreiro o paso á escuridade. Durante os tres días seguintes ó estoupido, o poeta de Celanova andou fuxido, acubillándose na casa duns familiares en Ramirás. Tras esas xornadas, optou por regresar á casa de Celanova onde lle agardaba unha decisión sen volta atrás, alistarse no bando franquista.
Este fragmento da historia de Ferreiro inclúese na biografía que o profesor vigués Ramón Nicolás publica para Xerais baixo o título Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro e que se presentou recentemente en Compostela.
“Os seus dous irmáns máis vellos obrigárano a alistarse no bando franquista para salvarse. Chamábame a atención que Celso Emilio liderara as Mocidades Galeguistas de Celanova no 36 e que se alistase cos franquistas”, sinalaba onte Ramón Nicolás. O destino bélico do poeta foi Asturias durante tres anos. Foi nesa época na que coñecería a súa futura muller, Moraima. “Aí comezou o noivado. Despois da Guerra, el vai vivir para Pontevedra e casa con ela”, sinalou o biógrafo. Dese tempo, gárdanse uns versos inéditos, Poemas da Guerra, en castelán. Trátase, explicou Ramón Nicolás de “composicións amorosas adicadas a Moraima pero nos que tamén trata a súa situación persoal de desazón”.
A guerra, pero na nova volta a de carácter silencioso e clandestino, voltaría á vida do poeta no 1963 cando cofunda xunto a outros persoeiros -como Xosé Luís Méndez Ferrín– a Unión do Povo Galego (UPG), de carácter nacionalista. “Celso Emilio estivo en actividades clandestinas ata 1966. Fórono cercando. El traballaba en seguros sociais e era procurador e había presións para que non traballasen con el. Por iso, para sobrevivir, marchou para Caracas coa idea de estar un mes inda que despois foron sete anos”, lembrou Nicolás.
De Caracas, marcharía con dor expulsado da Hermandad Gallega -institución que o chamara para traballar alí- polo seu libro Viaxe ao páis dos ananos, no que criticaba a unha parte da emigración galega que pensaba máis en supera-la miseria e enche-lo peto que en defender o ideal de nación galega, o que molestou ós asociados do ente venezolano.”

Vigo: homenaxe a Francisco Fernández del Riego

O luns 4 de marzo, na Universidade de Vigo, terá lugar unha homenaxe a Francisco Fernández del Riego, co seguinte programa:
12:00 h. Xardíns do CACTI (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á investigación): descubrimento dunha placa ao pé do pradairo plantado en 2010 na súa honra.
Interveñen: Xosé-Henrique Costas (vicerreitor da UVigo), Alfonso Zulueta de Haz (presidente da Fundación Penzol)
13:00 h. Mesa redonda: Lembranza e semblanza de D. Paco del Riego no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.
Interveñen: Camiño Noia (catedrática de Filoloxía Galega da UVigo), Malores Villanueva (profesora de Lingua Galega na UB), Ana Mª Fernández del Riego (irmá de D. Paco), Francisco Domínguez (director da Fundación Penzol)
Organizan: Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Fundación Penzol.
Colaboran: Trabalingua, Comités.

Ferrín di que informará “ao seu debido tempo” sobre se repensa a súa dimisión

Desde La Voz de Galicia:
Xosé Luís Méndez Ferrín asistiu este mediodía na sede da Real Academia Galega ao primeiro acto público desde que o pasado luns anunciou a súa dimisión como presidente da centenaria institución.
Ás insistentes preguntas dos xornalistas sobre a súa decisión de abandonar a Academia, Ferrín respondeu unha e outra vez cun rotundo «non hai comentarios». Só se limitou a responder que informará «ao seu debido tempo» sobre a posibilidade de repensar a súa dimisión ante as mostras de apoio de destacados académicos, como Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana, e de entidades como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Centro PEN Galicia, que pediron expresamente que continúe no seu cargo ata esgotar o seu mandado en xaneiro do 2014. Ante a pregunta de como estaba dixerindo o conflito na Real Academia Galega sinalou: «Moi enxeñoso. Ben, grazas».
Méndez Ferrín fixo estas declaracións tras presidir, na sede da Real Academia Galega, a presentación do Dicionario de alimentación e restauración, acto no que interviron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Manuel González, tesoureiro da Academia e coordinador desta publicación.”

A AELG pídelle a Ferrín que continúe como presidente e non abandone a Academia

Desde Sermos Galiza:
“A AELG solicítalle a Xosé Luis Méndez Ferrín que continúa nas súas funcións como presidente e non abandone a Academia. A Asociación presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias “respectando as súas decisións persoais” ínstalle, tanto a el como a todos os membros da RAG a pensar “no papel histórico que ten a Academia e que ten que seguir a desenvolver”.
Para a entidade que agrupa aos escritores e escritoras, a marcha de Ferrín significaría “un empobrecemento na pluralidade que é necesario teña a RAG”. Fai por iso un chamamento para que os problemas da Academia “sexan resoltos dentro dos organismos da Academia dialogando, para manter a súa independencia na defensa da nosa cultura e do noso idioma”.
Defenden que a sociedade precisa dunha RAG “que sexa lugar de confluencia e símbolo público de prestixio social e cultural”. Para a AELG, a situación do idioma “non permite ter unha Academia en conflito interno e proxectando unha imaxe pública de descrédito”.”

Uns humoristas “bos e xenerosos”

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acaba de conceder a súa distinción Os Bos e Xenerosos aos humoristas gráficos da xeración de Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e mais Pepe Carreiro, que, en palabras do presidente da Asociación, Cesáreo Sánchez, “trasladaron uhna imaxe crítica e lúcida da nosa sociedade en galego”.
A distinción Os Bos e Xenerosos, que chega á súa décima edición, supón, segundo a AELG, “un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura”.
En efecto, a xeración destes cinco humoristas protagonizou a que podemos chamar sen medo a esaxerar “a segunda idade de ouro do humor gráfico galego”, logo da primeira e xenuína, a desenvolvida antes da Guerra Civil por Castelao, Maside, Cebreiro, Vidales Tomé e tantos outros. Foi entón cando Castelao creou propiamente o humor gráfico galego, galeguizando a caricatura modernista do noruegués Gubralsson e outros debuxantes da revista alemana Simplicissimus.
A Guerra Civil rachou con esta farturenta tradición e deu lugar a unha longa travesía no deserto de máis de tres décadas. Nese tempo de cativez salientaron só algúns nomes excepcionais como Atomé, que colaborou en El Ideal Gallego ata a súa morte en decembro de 1974, ou Quesada, que se xubilou en 2011 logo de colaborar durante 50 anos en Faro de Vigo. (…)”.

Ourense: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O venres 1 de marzo, ás 20:15 horas, no Centro Cívico da Ponte (Rúa Euloxio Gómez Franqueira, 43) de Ourense, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto, onde participan, xunto ao autor, Rosa Martínez e Francisco Rodríguez, haberá tamén unha intervención musical a cargo da Rondalla Alecrín, coorganizadora da presentación, dirixida por  Xoán Vázquez Casas.