Revistas dixitais, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.
Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.
Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.
Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre As revistas na era dixital e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto Crear desde a ventá e unha segunda para As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro.
Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de Ana Cibeira e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.
Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.
É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.
Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]

Quiosco: Revista Galega de Teatro, nº 73

Desde Cultura Galega:
“Fai o número 73 da Revista Galega de Teatro, o relativo ao inverno de 2012-2013 e xa se pode atopar nas librarías. Nesta ocasión a proposta segue fiel ás súas liñas de traballo habituais con crítica, análise e divulgación das artes escénicas. Nesta ocasión Marta Pérez e Vanesa Sotelo falan de Tomar as rendas e crear á inversa: Unha perspectiva feminista da creación escénica en Galicia. Ademais informa de actividades e festivais desenvolvidas no fin do ano 2012, como as III xornadas de Escena Galega ou do LXVI Festival de Avignon e do XXVII Festival Iberoamericano de Cádiz. Recomendacións editoriais e producións destacadas (Pegadas de Teatro de Ningures e Viaxe a ningunha parte de Sarabela Teatro) completan este número.”

A poesía de Celso Emilio Ferreiro chega a Bangladesh

Desde o blog de Xerais:
“O Inditex Chair for Spanish Language and Culture da Universidade de Dhaka, en Bangladesh celebrou o Ano Celso Emilio Ferreiro programando actividades culturais dedicadas á figura do escritor galego. Catro paneis, coa biografía e poemas de Celso Emilo en galego, castelán e inglés, presidiron durante todo o ano as instalacións da Universidade. Ademais, editouse un folleto cos textos dos paneis que se distribuíron nas aulas. Ao longo do curso, e da man dos profesores Amparo Porta e Antonio Porto, os estudantes tiveron ocasión de coñecer tamén as versións musicadas dos poemas de Celso Emilio Ferreiro, como Irmaus (versionado por Fuxan os Ventos) e Deitado frente ao mar (versionado por Dios ke te Crew).”

Varias actividades lembran a Lugrís Freire no 150 aniversario do seu nacemento

Desde Cultura Galega:
“Foi un prolífico xornalista, poeta, narrador (baixo o pseudónimo Asieumedre) e defensor do nacionalismo concretando na identidade e no idioma. Segundo a biografía oficial Lugrís Freire cumpriría o 12 de febreiro 150 anos do seu nacemento, aínda que a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo proba que foi o día 11, coa publicación da súa partida de bautismo. Con ela arrincan os actos para homenaxear a súa figura. O vindeiro xoves 14 haberá unha ofrenda floral e inaugurarase unha exposición na capela de San Roque. O concello financia as actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano, tras declarar este 2013 en Sada como o Ano Cultural Lugrís Freire.”

Concellos que acordaron celebrar o Día de Rosalía de Castro (II)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega agradece o compromiso das corporacións provinciais e municipais que acordaron nos seus plenos celebrar o Día de Rosalía de Castro:

Concello de Foz.
Concello de Lalín.
Concello de Lobeira.

Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013 (IX)

Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Finalizamos coa publicación diaria dos centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:

Miña Santiña: CPR Divino Maestro, Lugo.
Nosa Señora da Barca: CEIP dos Muíños, Muxía.
Fun un domingo: CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños.
Un repoludo gaiteiro: CPI Conde de Fenosa, Ares.
Díxome nantronte o cura: CEIP Nosa Señora dos Remedios, Ponteareas.

Gravacións das II Xornadas de Literatura e Ensino: Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá (I)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO), celebrou os días 9 de 10 de novembro de 2012 a segunda edición das Xornadas de Literatura e Ensino que, co lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá abordou os seguintes obxectivos:
– A posta en valor do Club de Lectura como formato plenamente vixente para o fomento da lectura e da escritura creativa, así como para a normalización lingüística e o achegamento á lingua e literatura portuguesa.
– A revisión dos parámetros metodolóxicos actuais para a didáctica de contidos de xéneros tradicionais, con especial incidencia no poético e mais na literatura infanto-xuvenil, explorando o seu potencial normalizador coa axuda das novas tecnoloxías aplicadas á creación e á difusión.
– Temas de especial interese para o profesorado -os criterios de selección e o estabelecemento de canons literarios orientativos para o ensino da literatura, as estratexias de sedución que faciliten a descuberta e o achegamento á literatura por parte do público infanto-xuvenil, tamén no sentido da estimulación da escrita creativa- tamén terá espazo nas xornadas.
Desde hoxe reproduciremos nesta Axenda os vídeos onde se recollen as participacións nas Xornadas. Pódense consultar todos aquí.

Presentación das xornadas

Lugo: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez

O mércores 13 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase o libro En vías de extinción, de María Reimóndez, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Luís Tosar e Manuel Bragado.