Víctor F. Freixanes: “A democracia tecnolóxica é unha grande mentira, canto máis ruído informativo máis garantía de non sabermos de nada”

Entrevista a Víctor F. Freixanes na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa (XC): En 1985 Paz-Andrade fixo o pregón da Feira do Libro de Vigo. Sostiña que os libros eran “a columna vertebral dunha cultura, medulada por unha lingua”. Segue vixente esa idea trinta anos despois? Cal é o estado da cuestión hoxe e que futuro ten o libro no medio desta treboada económica?
– Víctor Freixanes (VF): A industria editorial é unha das grandes industrias culturais do mundo. En España só esta por diante a televisión. Cunha facturación de case 3.000 millóns de euros anuais está a anos luz da radio (600 millóns) ou do cine, agora en caída libre, do que moito se fala pero só move da orde dos 300 millóns ou da prensa que factura 1.600 millóns por ano. No mapa simbólico das empresas de comunicación o libro representa o corazón da memoria, da estabilidade, da tradición, da identidade do grupo social e o acceso individual e culto ao coñecemento e á información. Es ti quen le un libro, mentres a tv responde ao consumo masivo. Esa característica do libro dálle forza de columna vertebral, ou nas palabras de Manolo Bragado, das que sempre me apropio, o libro é o pan da cultura. Cada vez máis detrás dunha película ou dunha serie de tv ou un cómic está un libro, unha historia contada en palabras. Como vai ser ese libro no futuro? Poderemos ler tamén en pantallas, pero a clave sempre estará na lectura, no acceso á información e o coñecemento a través do código que significa o alfabeto e a cultura. Aquelo que dicía o filósofo de que pensamos con palabras é certo, e a capacidade de organizar o pensamento está na linguaxe e a linguaxe está no texto, non na percepción sensorial ou emocional da imaxe ou no impacto da cultura do audiovisual que sendo importante é distinto. (…)
– XC: O libro como esqueleto dunha cultura, e dentro disto a lingua. O balance destes 35 anos democráticos é vizoso en moitos sentidos, pero cal é o futuro, porque hai unha incerteza, unha sensación de abismo.
– VF: O 99% da edición galega está feito de 1975 a hoxe, pero a sensación de futuro incerto é real e témola moitos. Se miras para atrás dáste conta que en apenas tres décadas o salto foi moi grande, en termos políticos, económicos, sociais, educativos e culturais. Con liberdades democráticas, con descentralización política, por limitada que se poida considerar, e polo tanto da xestión da autonomía e o que supuxo en termos de autoestima, porque houbo moita xente que descubriu Galicia neste tempo, e coa entrada na Unión Europea que agora pasa factura pero deixou miles de millóns que quizais non foron ben aproveitados. Produciuse tamén unha crise de crecemento e agora estamos na fase do sálvese quen poida do neoliberalismo. A acumulación trouxo consigo un cambio de valores: a nosa xeración alimentouse dun discurso épico da política e iso modificouse por completo, na maioría dos sentidos nós fomos de menos a máis e criamos unha xeración de rapaces e rapazas en xeral instalados na idea de que todo é posíbel collelo e é accesíbel sen maior esforzo. En termos de cultura e lingua galega houbo unha especie de renuncia a seguir construíndo pensando que era un edificio xa rematado. Nunha cultura castigada historicamente, que arrastra moitos prexuízos, aínda hai moito que consolidar, e o esforzo que fixemos temos que continualo porque non hai posíbel marcha atrás. Hai que pasar o Cabo de Fornos para chegar a outro mar pero a travesía vai ser moi dura: en facturación o sector do libro galego está hoxe con cifras menores que en 2005, pero mantendo a mesma produción sen apoios institucionais ou con algúns envelenados, como aqueles que che obrigan a facer un libro en 2012 para que o entregues en 2013 e o cobres en 2014. Algunhas editoras poden estar pechadas cando lle cheguen esas axudas que xa gastou.”

XIII Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua

Tíralle da lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: as Xornadas de Expresión Oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.”

XIII CONCURSO DE RELATO ORAL: TÍRALLE DA LINGUA
Bases do concurso

. As historias poderán ser de base popular, de base literaria ou creación propia.
. As historias contaranse en galego.
. Nas historias valorarase a calidade lingüística e o seu carácter construtivo e pedagóxico (linguaxe non discriminatoria, linguaxe non sexista…)
. Os/as participantes concursarán individualmente ou en grupo, pero sempre respectando o tempo máximo por actuación que será de 5 minutos. A superación dese tempo pode supor a descualificación. Poderán participar cun máximo dunha historia.
. O concurso vai destinado a tres niveis académicos.
1) Primaria.
2) 1º Ciclo de ESO.
3) 2º Ciclo de ESO e ensino postobrigatorio.
. O concurso farase en dúas fases con carácter selectivo:
1) A nivel centro de ensino.
2) A nivel nacional.
. Na primeira fase será o propio centro o que determine e se responsabilice dos posíbeis premios aos concursantes. O número de concursantes que pasarán da primeira á segunda fase determinarase en función da participación, o que se comunicará aos centros.
. A formalización da inscrición no concurso por parte dos centros realizarase antes do día 5 de abril enviando un e-mail a: informacion@as-pg.com, recibirán confirmación da inscrición e dos datos que deben completar.
. A fase final celebrarase a primeiros de maio en Santiago, en dous grupos diferentes: un para primaria e primeiro ciclo de secundaria e outro para segundo ciclo de secundaria e ensino postobrigatorio.
10ª. Na fase final concederase un primeiro premio por nivel cun valor de 250 euros e un segundo, se o xurado así o estima por valor de 150 euros. Os centros de ensino dos participantes gañadores recibirán un premio do mesmo importe.
11ª. O xurado estará composto por tres persoas alleas aos centros participantes con experiencia nestas actividades, actuando de secretario/a un representante de Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
12ª. O xurado emitirá o ditame o mesmo día da celebración do concurso.
13ª. A participación no concurso supón a aceitación íntegra das presentes bases.

Padrón: presentación de Tonas de laranxa, de Manuel e María Lorenzo

O venres 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal de Padrón, preséntase o libro Tonas de laranxa, de Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguens, que obtivo o Premio Xerais de novela 2012. No acto participan, xunto aos autores, Anxo Angueira e Manuel Bragado.

A AELG apoia a convocatoria de folga para o 14 de novembro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega apoia a convocatoria de folga para o mércores 14 de novembro, polo que esta Axenda Cultura non recollerá actos dese día.

Os horarios das manifestacións conxuntas son os seguintes:
– A Coruña: 12:00 h. Praza da Palloza – María Pita.
– Ferrol: 12:00 h. Praza do Inferniño – Praza de Armas.
– Santiago de Compostela: 12:00 h. Praza Roxa – Praterías.
– Ribeira: 12:00 h. Estación de autobuses – Praza do Concello.
– Lugo: 12:00 h. Edificio de sindicatos – Praza de Santa María.
– Monforte de Lemos: 19:30 h. Praza de España – Praza da Estación.
– Burela: 12:00 h. Estación de servizo Vista Alegre – Praza do Concello.
– Ourense: 12:00 h. Pavillón dos Remedios – Subdelegación do Goberno.
– Pontevedra: 12:30 h. Praza da Ferrería – Praza de España (Concello).
– Vilagarcía de Arousa: 12:00 h. Casa do Mar – Praza de Ravella.
– Vigo (central): 11:30 h. Praza de España – Praza de América (As Travesas).

Laíño, Dodro: homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón, o sábado 17 de novembro

O sábado 17 de novembro, ás 12:30 h., na casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, terá lugar unha homenaxe a Eusebio Lorenzo Baleirón.

Ser unha foula en resurxir constante
ou un navío en colisión coa noite.
Iso é o que importa.
Eusebio Lorenzo Baleirón, Gramática do silencio.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega homenaxea ao poeta de Dodro, quen este ano faría os 50 anos, co seguinte programa:
• Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
Laudatio de Paulino Vázquez.
• Intervención dun membro da familia Lorenzo Baleirón.
• Descubrimento dunha placa conmemorativa.
• Lectura poética de poemas de Eusebio Baleirón a cargo de Carlos Negro.
• Remata o acto cunha interpretación musical.
O acto contará coa presenza dos alcaldes de Dodro e Padrón.

Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos grandes poetas da segunda metade do século XX. En palabras de Román Raña no ano 1985: “Pertence á estirpe poética dos 80, percorre coa súa lira terreal os denodados camiños do verbo”. “O impeto naceu das entrañas acuciantes dun tempo enneboado. Na poesía de Eusebio achamos a esteira de Borges e a floración de Cunqueiro. Había tempo que o escritor bonaerense non deixara unha pegada tan patente nos versos dun poeta galego: del vén a memoria e os espellos, un inmpudor metafísico que pretende despir a esencialidade das cousas e as normas do cosmos; do escritor de Mondoñedo surxe a eclosión lírica, a demorada reconstrución de espacios estelares e de sombras interiores onde o amor palpita paralelamente á desazón, onde hai papoulas e a espiña intanxíbel que inexorabelmente lacera o poeta.”

Recensión en Sermos Galiza.

De costa a costa: historias do mar que amamos: Polafía na Guarda, o venres 16 de novembro

O venres 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Centro Cultural da Guarda (Rúa Rosalía de Castro, 14), e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título De costa a costa: historias do mar que amamos, e onde participan:

– Carmen Baz, redeira.
– Xurxo Chirro, Aproximacións modernas ao patrimonio.
– Xosé Lois Vilar, Talasonimia, os nomes do mar en Galicia e Portugal.
– Praxíteles González Martínez, Cavaqueiro do Rosal.
– José Benito Rodríguez González, “Tito Chirro” (mariñeiro).
– Xerardo Santomé e Camilo, Treboada de Tomiño.
– Maria Aurora Botao Pereira, O nascimento da pesca en V. P. de Âncora e o contributo de A Guarda.

– Música: Tino Baz e Grupo de Pandereteiras Xamaraina.

– Rimas populares lidas por Isidro Novo.

– Presenta: Jose Font, director de Radio Tui.

– Colaboran: Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! e Concello da Guarda.
– Co patrocinio de: Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria).

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

Pontevedra: presentación de En vías de extinción, de María Reimóndez

O xoves 15 de novembro, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación de En vías de extinción de María Reimóndez en Pontevedra. O acto celebrarase na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) e contará coa participación de Fran Alonso, Eva Mejuto e a propia autora.

Fene: tertulia de Xesús Rábade Paredes con Verónica Martínez Delgado, no Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor

O xoves 15 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Concello de Fene, dentro do Ciclo de Tertulias con gañadores/as do Premio Blanco Amor, organizado pola Concellaría de Cultura e Deportes do Concello de Fene, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, terá lugar un novo coloquio con Xesús Rábade Paredes, gañador do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Cedeira en 2006, coa novela Mentres a herba medra, acompañado por Verónica Martínez Delgado.

Vigo: presentación de O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas

O xoves 15 de novembro, ás 20:00 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase a novela O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, publicada por Xerais. No acto, xunto á autora, participan Manuel Bragado e o músico Mig Seoane.