O
xurado encargado de fallar esta edición do Premio Blanco Amor está formado pola Concelleira de Cultura e Deportes, Rocío A. Bértoa Puente, que actúa como Presidenta e polos escritores e críticos literarios Xosé Mª Dobarro Paz, Miro Villar, Manuel Lourenzo González (último gañador do Blanco Amor) e Marga Romero, actuando como secretario, con voz pero sen voto, o coordinador técnico desta edición do Premio, Daniel Romero. Publicadas as novelas finalistas, o xurado dará a coñecer a novela gañadora e as razóns deste merecemento nun acto que terá lugar o vindeiro 1 de decembro, ás 21:00 horas, no local da SCRD Agarimo de Sillobre, acto no que se procederá á entrega do Premio e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamster.
En paralelo aos labores do xurado, o Concello de Fene, organizador desta edición do Blanco Amor, prosegue co ciclo de actividades programadas ao redor do propio Premio e da figura de Blanco Amor.
Eis, no ciclo de faladoiros con gañadores do Blanco Amor, o 15 de novembro, ás 19 h visitará a Biblioteca Municipal Xesús Rábade Paredes, nun faladoiro conducido por Verónica Martínez Delgado e o 22 de novembro, á mesma hora, o faladoiro con Inma López Silva estará conducido por Mercedes Queixas.
O 23 de novembro, ás 20:30 h, o CCRD de Perlío acollerá a rememoración da única homenaxe en vida a Blanco Amor que organizara o Círculo de Perlío o 10 de decembro de 1976. A rememoración consistirá na estrea da obra de Don Eduardo O cantar dos cantares, a cargo do grupo de teatro Xosemaría Pérez Parallé, do CMI Unidade de Fene, dirixido por Carlos Basoa.
Tamén até o 23 de novembro pode visitarse na Casa da Cultura de Fene a Exposición-homenaxe a Blanco Amor. Dezaoito ilustradores/as de primeiro nivel participan nesta exposición promovida polo Museo do Humor de Fene e comisariada polo debuxante Siro López. Compoñen a mostra orixinais de Aida Alonso, Almudena Aparicio, Calros Silvar, Dani Padrón, Idoia de Luxán, Nacho Hortas, Pablo Otero, Pinto e Chinto, Xan Carpente, Xosé Cobas, Xosé Lois, Siro Lopez Lorenzo, Santy Gutiérrez, Michel Casado, Augusto Metztli, Gonzalo Vilas, Jaime Asensi e Miki.
Miami: presentación de Verde Oliva, de Xavier Alcalá, na Feira do Libro
O
xoves 15 de novembro, ás 19:00 horas locais, na Feira do Libro de Miami, Xavier Alcalá presenta a súa última novela, Verde Oliva, publicada en Galaxia.
Santiago: XIII Xornadas de expresión oral
“Tíralle da lingua é
un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias…de lingua de uso do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde. O proxecto TÍRALLE DA LINGUA consta de dúas fases: estas xornadas de expresión oral, dirixidas ao profesorado, nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula e un concurso de relato oral, dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebra no mes de maio en Compostela.”
XIII XORNADAS DE EXPRESIÓN ORAL
PROGRAMA
Venres 16 de novembro
– De 16:30 a 17:00 h. Recepción e entrega de material.
– De 17:00 a 18:30 h. Para que serven as imaxes?, Eva Mejuto, OQO Editora.
– De 18:30 a 20:00 h. O berro de Lord Byron (poesía e sonoridade), Carlos Negro Romero, docente no C. P. I. Eusebio Lorenzo Baleirón e escritor. Obradoiro poético orientado a descubrir as potencialidades da linguaxe poética como expresión oral, como xogo fónico, como boca colectiva da imaxinación.
Sábado 17 de novembro
– De 10:00 a 11:45 h. En galego, todo vai rodado, Anxo Gómez Sánchez, docente no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral. O relatorio pretende ensinar a traballar con programas informáticos moi básicos, como o Moviemaker, parar realizar dobraxes de trailers e películas.
– De 12:00 a 14:00 h. Expresión audiovisual dos nativos dixitais, Manuel González Álvarez, profesor no IES Concepción Arenal de Ferrol, guionista e investigador cinematográfico.
– De 16:00 a 17:30 h. Os proxectos Ponte na fala e Canto Conto, Xosé Antonio Formoso Lado, filólogo, integrante do proxecto Fabaloba.
– De 17:30 a 19:00 h. Canto conto!, Raúl Piñeiro Fernández, filólogo, animador sociocultural e dinamizador. Como peche da sesión Raúl Piñeiro presentará o seu último traballo de narración oral: Os graxos da Burga.
– 19:00 h. Clausura.
Solicitada a homologación por 10 horas lectivas. A matrícula é gratuíta, realizarase a través da web da AS-PG, no apartado de Formación. O número de prazas é limitado e cubrirase por rigorosa orde de inscrición tendo en conta que hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoa que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación.
Unha biografía sobre Almoina recibe o Premio Ánxel Fole de ensaio
“Cumpríanse
cincuenta anos do pasamento de exiliado e controvertido personaxe Xosé Almoina Mateos. Por iso, tanto El Progreso como Novacaixagalicia decidiron dedicarlle á súa figura esta edición do Premio Ánxel Fole de Ensaio. Isabel Gómez Rivas (Lugo, 1971) propuxo en Almoina, unha exhaustiva biografía buscando desentrañar a contradición que aparentemente dominou a vida de Almoina, a dun exiliado socialista en México convertido no secretario de Estado do ditador Trujillo e que, á vez, foi autor dunha incisiva denuncia do propio réxime trujillista. A súa investigación, que a levou por numerosos arquivos, acaba de valerlle o premio Ánxel Fole en ensaio. O xurado da XXV edición estaba integrado por Claudio Rodríguez Fer, escritor e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela; Juan Ramón Díaz García, xornalista e director de El Ideal Gallego; José de Cora Paradela, director de El Progreso; e M.ª Teresa Cores Fernández, directora de contidos socioculturais de Novacaixagalicia, que actuou como secretaria do xurado, con voz, pero sen voto, decidiu outorgar, por unanimidade, o XXV Premio Ánxel Fole de Ensaio a Isabel Gómez Rivas polo seu traballo Almoina.” Desde Cultura Galega.
Poetry Slam Vigo, o 1 de decembro
A
Cova dos Ratos (R/ Romil, 3) de Vigo acollerá o Poetry Slam Vigo, un torneo de “poetas” no que estes amosan os seus versos en épicos recitados baixo a atenta ollada dun xurado formado por cinco persoas seleccionado ao chou entre o público. Estes torneos naceron na década dos 80 en Chicago e en pouco tempo o formato espallouse polo mundo adiante. Calquera persoa que escriba poesía pode participar, isto fai que este formato sexa máis dinámico e entretido que os recitais tradicionais.
O Slam Poetry Vigo celebrarase o 1 de decembro baixo as seguintes regras:
1. O límite de participantes é de 8.
2. Pódese recitar calquera texto en calquera idioma, sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A táboa de penalización por tempo é a seguinte:
* 3:00 – 3:10 0 puntos.
* 3:10 – 3:20 1 punto.
* 3:20 – 3:30 2 puntos.
* 3:30 – 3:40 3 puntos.
* 3:40 en adiante. Eliminado.
3. Non podes usar música, disfraces, ou accesorios. Só son válidos os límites de cada corpo.
4. É tan importante o texto como o bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
5. Non é imprescindible saber o texto de memoria.
Por votación do xurado decídense tres finalistas que volven recitar un texto diferente aos anteriores. Destes tres finalistas, sempre por votación do xurado, sae o gañador. O gañador pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor. O Poetry Slam Vigo está aberto a que calquera persoa poida participar ou acudir como público. Os interesados poderán apuntarse enviando un correo ao seguinte enderezo: poetryslamvigo@gmail.com.
Desde Fervenzas Literarias.
Convocado o XXI Certame Literario A Pipa 2012 da Alta Montaña Luguesa
1.
Temática.
O tema é libre.
2. Tres categorías.
2. A.- CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos).
2. B.- CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos).
2. C.- CATEGORÍA Revista A PIPA para maiores de 18 anos.
3. Dúas modalidades.
3. A.- POESÍA (máximo 50 versos).
3. B.- RELATO, NARRACIÓN OU CONTO breves (máximo 5 folios por unha soa cara).
4. Os premios.
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º Premio de Poesía, e tamén 1º e 2º Premio de Relato, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural A PIPA non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
Cerimonia de Entrega de Premios.
A Cerimonia de Entrega de Premios terá lugar o xoves 27 de decembro de 2012, ás 21:00 h. na Casa de Cultura de Becerreá, no marco da XXI NOITE POÉTICA A PIPA 2012, con Xesús Bermúdez Tellado.
(Os galardóns deberán ser recollidos durante este acto de entrega ou nun prazo máximo que conclúe na data de presentación dos traballos da edición seguinte deste Certame. De non ser así o agasallo outorgado á persoa premiada pasaría a formar parte dos fondos da Asociación Xuvenil Cultural A Pipa de Becerreá).
5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos, en LINGUA GALEGA.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a CATEGORÍA e MODALIDADE na que participan, e achegando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a, xunto a unha fotocopia do DNI.
5. C.- O prazo de admisión rematará o venres 22 de decembro de 2012.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou envialos ó seguinte enderezo: Certame Literario A PIPA. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo.
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural A PIPA de Becerreá, que tamén poderá convidar a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes.
O fallo farase público a través dos medios de comunicación, no blog (ao que tamén se pode acceder a través da web), ou na páxina de Facebook e tamén se transmitirá persoalmente aos/ás gañadores/as.
Fran Alonso: “A literatura está en nós: todos temos unha historia que contar”
Entrevista
a Fran Alonso en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como foi para vostede como autor ver o seu libro [A punta de pistola], capítulo a capítulo, no xornal?
– Fran Alonso (FA): Vivino como algo moi novidoso. Estiven moi expectante por ver como era recibido, como o lía a xente. A primeira metade do mes estiven fóra, pero si estiven pendente, sobre todo dos comentarios dos lectores, aos que chegaba a través de Twitter e que foron toda unha experiencia.
– LVG: Dalgunha forma, tamén pechaba un círculo, porque foi no xornal onde atopou a inspiración para a historia.
– FA: Efectivamente, lina no xornal. Foi unha historia que me sorprendeu e xa daquela escribira un artigo sobre o tema. Pero estiven uns anos reflexionando sobre o feito do inverosímil que parecía que uns pais se levasen aos seus fillos a punta de pistola: aí había material literario, aínda que non estaba seguro de que o fose a escribir. Pero ao final volvín sobre a historia e engadinlle a trama paralela protagonizada pola camioneira, que para min tamén era pechar outro círculo, coa miña primeira novela, Tráiler. (…)
– LVG: Cada capítulo do seu libro compartiu espazo cos relatos que enviaron os lectores. ¿Que lle pareceu esa convivencia entre un autor do seu traxecto e as arelas dos afeccionados?
– FA: Pareceume fantástico. Había textos moi interesantes e resulta abraiante ver as ganas que a xente ten de contar. Á xente apetécelle escribir. Todos levamos a literatura dentro de nós, un novelista, todos temos unha historia que contar, compartir as nosas narracións e gozar co xeito de contar. Para min tamén foi moi optimista porque demostra que o futuro da literatura galega está garantido.”
Nace O Figurante Edicións
“Alberte Momán é o nome detrás de O Figurante Edicións,
un novo selo que debuta no noso panorama editorial. O proxecto arrinca coa edición da obra Planh. 10 poemas de Anne-Marie Cazalis e pretende actuar como unha ponte de cara á lusofonía, editando en distintas linguas. A obra de Cazalis, por exemplo sae nunha edición en español, galego-portugués, inglés e francés. En breve, Momán pretende editar unha escolma de poetas irlandeses mortos na guerra da independencia do seu país e un poemario de Verónica Martínez Delgado.” Desde Cultura Galega. Destacamos tamén unha entrevista ao editor en Diario de Ferrol.
Bilbao: participación de Francisco Castro nas xornadas LiburuTekia
O
martes 13 de novembro, ás 17:30 horas, na Biblioteca Foral de Bilbao, Francisco Castro participará nas xornadas LiburuTekia de Bilbao, na mesa redonda titulada Lenguas minoritarias en la red: reto/oportunidad. El idioma desde el punto de vista del libro. Euskera, catalán y gallego. No acto participan tamén Jorge Giménez e Carles Cortès.
Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, candidata ao Premio Casino de Santiago
“Xa
hai finalistas para a décima edición do Premio Novela Europea Casino de Santiago, que recoñece as mellores novelas europeas do ano. Nesta edición, Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, atópase entre as seleccionadas. Terá que competir coas obras De vidas ajenas, de Emmanuel Carrère, editada por Anagrama, Con el agua al cuello, de Petros Márkaris, de Tusquets, La acabadora, de Michela Murgia, editada por Salamandra e Los enamoramientos, de Javier Marías, da editorial Alfaguara.” Desde Galaxia.