A Coruña: presentación de O dragón Pepón

Dirixido a nenas e nenos entre 3 e 6 anos. Nesta ocasión é preciso confirmar asistencia, xa que para participar nesta actividade hai límite de prazas (Libros para Soñar, Avenida de Fisterra, 64, teléfono 881-922447, e correo electrónico lpscoruna@kalandraka.com).

Remataron as V Xornadas de Literatura de Tradición Oral

Rematou a V edición das Xornadas de Literatura Oral, que tivo como lema Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, consolidándose como formato que combina o estudo, a divulgación e o ensino de tradición oral, cun seminario de conclusións, unha sesión eminentemente práctica e participativa na que os/as asistentes tiveron a oportunidade de achegar as lendas de mouros/as das que teñen coñecemento, sexan procedentes da comarca de nacemento ou da de residencia permanente ou temporal. Estas lendas, que constitúen unha mostra representativa da variedade temática e xeográfica deste tipo de relatos, serán incorporadas ao libro de actas das xornadas, xunto cos textos dos relatorios e coas transcricións das mesas de debate. Este libro incluirá tamén un DVD coa gravación en vídeo das xornadas, co obxecto de que se convirta nunha ferramenta útil para a reflexión e o ensino da literatura de tradición oral. Para este efecto, cada centro de ensino da provincia de Lugo recibirá un exemplar antes de fin de ano.
As xornadas comezaron o venres 19 de outubro, cunha conferencia do antropólogo, escritor e músico tradicional, Rafael Quintía, que supuxo unha excelente introdución a esta mitoloxía que, segundo este autor, permite “unha procura de nós mesmos”, e quen fixo un amplo percorridos sobre o seu reflexo na toponimia.
Alexandre Parafita, profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, fixo unha exposición sobre estas lendas no país veciño cunha conferencia con título Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades. Ambos especialistas partillaron posteriormente unha mesa redonda, que se converteu nun interesante debate sobre as hipóteses que as últimas investigacións achegaron sobre esta mitoloxía.
A xornada do sábado abriu cunha conferencia da Mar Llinares, profesora da USC e autora de Mouros, ánimas, demonios. El imaginario popular gallego, e diversos artigos sobre antropoloxía e muller en Galicia. Foi precisamente esta última liña de estudo a que desenvolveu para achegar ao público asistente unha reflexión sobre as imaxes femininas na mitoloxía popular galega.
Seguidamente foi Jesús Suárez López, responsábel do Arquivo de Tradición Oral no Muséu del Pueblu d’Asturies, quen focalizou a súa intervención nos tesouros dos mouros, achegando testemuñas de persoas que dedicaron moito tempo da súa vida á busca dos tesouros de mouros e mouras en Asturies.
Estes encontros tiveron lugar nas instalacións do Edificio da Deputación Provincial de Lugo, entidade que apoia este evento desde a súa primeira edición, en 2008.
A AELG traballa xa na edición das actas, que serán enviadas aos centros de ensino e bibliotecas da provincia de Lugo antes de fin de ano.

Santiago: recital Picaversos, Da casa

O martes 23 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, baixo o título Da casa, coa participación de María do Cebreiro, Elías Knörr e Iolanda Zúñiga. A entrada custa 2 euros.

A Coruña: obradoiro de escrita creativa con Francisco Castro

Francisco Castro dirixe un Obradoiro de escrita creativa dirixido a persoas ás que lles gusta escribir. Está concebido dende unha perspectiva lúdica e moi participativa. Quen acuda terá a oportunidade de plasmar sobre o papel todo o que caiba na súa imaxinación, literaturizar a súa vida, xogar a crear mundos coas palabras… en definitiva, a gozar da experiencia literaria e da creación escrita. Todas as persoas que participen terán a ocasión de, dende o primeiro momento, escribir poemas, relatos, contos… a partir de actividades lúdicas e sorprendentes.
Dende o minuto un do Obradoiro escribiremos, faremos literatura. O director do Obradoiro proporá actividades que actuarán como catalizadores da creatividade. Logo, sobre os resultados obtidos (os poemas, os relatos, a descrición dos personaxes, a literaturización dalgún aspecto da realidade), será o momento de teorizar e amosar como grandes autores e autoras da literatura universal construían o seu universo de ficción. O Obradoiro, que é eminentemente práctico e participativo, ten o seguinte programa:
– A práctica do relato breve.
– Crear personaxes.
– Técnicas básicas de narración literaria.
– Como atopar o teu estilo literario.
Os seus obxectivos son escribir e gozar do feito de crear literatura e aprender as técnicas básicas da creación literaria.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: 8 horas. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 16/11/2012 ao 14/12/2012.
Horario: venres de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 60 € socios. 80 € non socios.
Inscrición: aquí.

A Coruña: Xogos con papel, obradoiro con Ángel de la Cruz

O obradoiro Xogos con papel, dirixido por Ángel de la Cruz, permitirá aos asistentes traballar a creación e xeración de ideas, o desenvolvemento paso a paso da idea ao guión e a súa presentación, venda e comercialización. Practicarán a escrita do guión como un xogo, con exemplos e exercicios prácticos.

RESUMO
Nivel: Iniciación.
Duración: 12 horas. Prazas limitadas.
Datas de inicio e finalización: 14/11/2012 ao 19/12/2012.
Horario: mércores de 18:00 a 20:00 horas.
Prezo: 90 € socios. 120 € non socios.
Inscrición: aquí.

Tres mulleres á fronte das ágoras poéticas

“(…) As segundas feiras -día pouco frecuentado na programación cultural- e unha por mes, Poetas di(n)versos convoca o público para vivir a poesía e partillar do diálogo que se estabelece entre os nomes máis destacados da literatura galega para partillar cos de diversos países do mundo. “O interesante é ese encontro. Ás veces a sesión achéganos a poéticas semellantes, ás veces é o contraste o que os pon en relación”, explica Yolanda Castaño, dunhas sesións en que as persoas convidadas de fóra asisten á lectura da súa obra traducida ao galego.
O formato de Picaversos é distinto. A ágora non se atopa nun auditorio, senón nun ámbito máis informal, nun dos locais nocturnos de máis historia de Compostela, o Modus Vivendi da zona vella. Pola cidade, como pola Coruña, hai cartaces pendurados aínda anunciando a segunda edición que vén de comezar. Un paxariño de papiroflexia, deseño de Marcos Vigo, identifica o ciclo xestionado por Branca Novoneyra e Olalla Cociña, dúas poetas que viven na cidade e buscaron na noite un espazo e un tempo alternativo para compartir poesía. Nos Picaversos cada quince días, por volta das 21 horas, danse cita no Modus para escoitaren tres persoas convidadas que comparten os seus poemas preferidos. Veñen do mundo da literatura, mais tamén da música, do teatro, da maxia ou de oficios varios, e xúntanse arredor dun mesmo lema. “Naceu pola ansia de facer algo novo, autoxestionado, ocupando un espazo distinto diante dunha programación tristeira” explica Branca Novoneyra. Contan tamén coa boa resposta do público que enche o local en cada sesión, partillando con Branca e Olalla a vontade de seren partícipes do pracer de ler e escoitar a lectura. A música tende a agromar tamén nas sesións de Picaversos. “Pretende facer visible a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público”, explican. No horizonte prometen novos proxectos de difusión poética, entre outros, a Compostelá, unha iniciativa pola que entran na rede de a Parisiense e A Porteña de difundir os versos na rúa a través de carteis. (…)” Desde Sermos Galiza.

Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro pasan a formar parte do Portico of Galician Literature

“O portal en internet para a literatura galega traducida ao inglés, Portico of Galician Literature, incorpora novos escritores e escritoras co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro xa forman parte deste proxecto, que ten como obxectivo ir medrando progresivamente para se converter nun referente da literatura galega para o mundo anglófono e, en xeral, para a proxección internacional da literatura galega. Este escaparate internacional da literatura galega a través da rede, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, permite ler en inglés información destes escritores, xunto con sinopses da súa obra. O proxecto foi posto en marcha este ano con información sobre o autor Agustín Fernández Paz e cunha tradución dun fragmento da súa obra Aire negro.  Proximamente tamén estarán dispoñibles a través deste portal traducións de fragmentos das obras dos escritores que se acaban de incorporar, para poder dar a coñecer unha pequena, pero significativa, mostra dos seus traballos literarios.” Desde a Secretaría Xeral de Cultura.

Ponteceso: proxecto Os camiños do Mar

Ponteceso. Os Camiños do Mar é unha iniciativa turística do Concello de Ponteceso que pon o seu foco sobre a interesante relación do municipio co mar, co transporte marítimo, coa cultura mariñeira e coa contorna que rodea ao litoral pontecesán. Nesta iniciativa propóñense dúas rutas. A primeira delas percorre o treito que hai desde a ponte de Ponteceso ata a vila de Corme e o cabo Roncudo pola ribeira. A segunda, fai un percorrido Pondaliano seguindo os monolitos dedicados ao bardo Eduardo Pondal que se atopan entre Ponteceso, a localidade do Couto e o miradoiro do monte Branco, e que, a través das novas tecnoloxías permiten vertebrar sendeiros naturais con acceso a información e xeolocalización GPS. A figura de Eduardo Pondal tamén queda patente no percorrido que parte da súa casa natal e que leva por diferentes lugares da contorna que o bardo reflectiu na súa poesía. De novo, mediante a tecnoloxía QR Ibeaken, o sendeirista poderá escoitar os poemas de Pondal co seu teléfono móbil tras escanear o código QR que se atopa a carón de cada monolito. É a primeira vez que se emprega esta tecnoloxía para divulgar a obra dun autor galego, dándolle una nova dimensión á poesía de Pondal e ofrecendo unha nova experiencia ao camiñante.