Entrevista
de Armando Requeixo a Miguel Anxo Murado no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miguel Anxo Murado (MAM): Empecei a escribir en galego cando non existía aínda unha norma lingüística nin ensino en galego. Había un par de editoriais, unha ducia de escritores e uns poucos centos de lectores. O que hai agora non me pode parecer máis que unha mellora en todos os sentidos. Faltan lectores, pero isto pásalles a todas as literaturas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MAM: Hai moi bos escritores e escritoras, hai unha poesía excelente, seguramente da mellor que se fai en Europa, e un sistema sólido. A dependencia excesiva do lector-estudante é un problema xeneralizado, que quizais se agrava nunha lingua como o galego. E a crise económica, máis o que eu creo que é unha interpretación equivocada dos cambios tecnolóxicos, está creando un certo desánimo. Pero no lado creativo, é o mellor momento da nosa literatura, probablemente.”
Vilagarcía: XVIII edición da Mesa das Verbas
Bases do 9º Premio Biblos-Casa Grande do Bachao
BASES DO 9.º PREMIO DE NOVELA BIBLOS-CASA GRANDE DO BACHAO 2013
“Biblos Clube de Lectores, S. L., co propósito de contribuír ao achegamento e a participación das mozas e mozos na cultura galega, e de descubrir aqueles creadores máis novos que poidan ter unha obra de interese necesitada de apoio para a elaboración final e a súa proxección pública, convoca o 9.º PREMIO DE CREACIÓN LITERARIA BIBLOS-CASA GRANDE DO BACHAO PARA MOZAS E MOZOS, nesta novena edición dirixido á novela, co copatrocinio da Casa Grande do Bachao, e de acordo coas seguintes BASES:
1.- Poderán participar neste Premio todas as mozas e mozos que ao rematar o ano 2013 non teñan cumprido os 25 anos e que, con independencia do lugar onde nacesen ou residan, amosen o coñecemento do idioma galego necesario para desenvolver nel unha obra narrativa de calidade.
2.- Os/as autores/as deberán presentar unha memoria de entre 20 e 30 folios na que incluirán:
a) Unha exposición precisa das características que terá a futura novela, aportando a maior información posible sobre o argumento (trama, época e lugar en que se desenvolve a acción, personaxes, etcétera) e as técnicas narrativas que prevé utilizar.
b) Un capítulo ou fragmento que permita valorar o estilo do autor/a. O/a gañador/a terá liberdade no seu caso para intruducir as modificacións que estime oportunas no proxecto e no texto de mostra e adaptalos ás esixencias da novela no seu desenvolvemento, así como aos consellos que reciba do escritor titor.
3.- Cada traballo será presentado co nome e apelidos do autor/a, así como as indicacións necesarias para poder localizalo (dirección, teléfono, correo electrónico). Non se admitirán obras baixo pseudónimo nin colectivas.
4.- Os traballos serán enviados a Biblos Clube de Lectores. Quintá, 8-MANDAIO. 15391 Cesuras (A Coruña).
5.- O premio conlevará:
a) Unha escultura conmemorativa deseñada expresamente polo escultor Luís Loureira.
b) A estancia dun mes, incluída a manutención, na Casa Grande do Bachao, un lugar singular que reúne inmellorables condicións para que, se o escritor/a o desexa, desenvolva a última fase do seu proxecto.
c) Un ordenador portátil que, unha vez concluída a obra, quedará da súa propiedade.
d) A tutela dun escritor de renome, designado pola organización, que asesorará ao gañador/a en xuntanzas periódicas durante ese mes.
e) A publicación do libro en galego, coa percepción dos correspondentes dereitos de autor.
6.- A admisión dos traballos pecharase o 18 de marzo do 2013.
7.- Un xurado integrado por persoas de acreditada valía seleccionará os traballos finalistas que serán dados a coñecer a semana previa á do Día das Letras Galegas.
8.- As/os autoras/es finalistas deberán presentar antes do 13 de xuño do 2013 as súas novelas cunha extensión non superior aos 150 folios no estado máis avanzado posible de acabado.
9.- O xurado elixirá a obra gañadora, que se dará a coñecer a semana previa á do Día da Patria Galega.
10.- O/a autor/a gañador/a dedicará o mes de outubro a traballar na súa novela, seguindo un plan que acordará co titor.
11.- O/a autor gañador/a comprométese a entregar a novela totalmente finalizada antes de rematar o ano 2013 para a súa publicación por Biblos.
12.- Os outros autores/as finalistas recibirán como premio unha fin de semana para dúas persoas en habitación dobre na Casa Grande do Bachao.
13.- A presentación ao Premio dentro do prazo indicado leva implícito o compromiso do autor/a de non retirar o seu orixinal antes de facerse público o fallo do xurado. Asimesmo, o autor/a garante que deica o momento do devandito fallo, a obra non concorrerá a ningún outro premio ou concurso.
14.- Co obxectivo de acadar a maior difusión do premio, o/a autor/a comprometerase activa e persoalmente na promoción que Biblos estime necesaria da obra gañadora.
15.- Biblos contempla a posibilidade de chegar a acordos cos autores/as das obras finalistas para a súa publicación.
16.- Cada autor comprométese a subscribir cantos documentos sexan precisos para que a edición da súa obra sexa inscrita no Rexistro da Propiedade Intelectual.
17.- Os orixinais presentados na primeira fase que non estean entre os finalistas, serán destruídos.
18.- A participación neste premio conleva a aceptación das súas bases e da interpretación de Biblos en cantos puntos non se recollan explicitamente nelas.
19.- Para calquera diferenza que deba ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao foro propio e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais da cidade da Coruña.”
Lugo: Proxecto Florencio, no Museo Provincial
O
xoves 6 de setembro, a partir das 20:30 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), aCentral Folque, co apoio da Área de Cultura e Turismo, vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo e do concello da Fonsagrada, presenta o Proxecto Florencio, unha proposta educativa para músicos de toda Galiza centrada no repertorio de Florencio dos Vilares: violinista cantor e contador natural da Fonsagrada de grande relevancia dentro do patrimonio musical galego. O espectáculo resultante, estreado n’A Fonsagrada no mes de xullo, conta coa dirección musical do zanfonista Germán Díaz e coa presentación de Celso Sanmartín. A entrada é de balde.
Ecos da néboa, de Ricardo Martínez-Conde
Entrevista
a Ricardo Martínez-Conde en Fervenzas Literarias:
“(…) Fervenzas Literarias (FL): Expresar o pensamento, a reflexión, a observación é común á idiosincrasia galega. Sen embargo, a súa representación literaria non é doada de atopar, máis aínda se falamos dunha exteriorización aforística.
– Ricardo Martínez-Conde (RMC): Nalgunha ocasión, falando con Anxo Tarrío, témolo comentado; é certo que literariamente non está moi presente a expresión aforística nas nosas letras, tal como indicas. A pesares de que a nosa literatura adoece de ensaio, o paisano galego é moi sentencioso e tendente a empregar esas verdades resumidas que ás veces pode mesturarse co refrán. Eu, como escritor, procuro pulir esa tradición para darlle a intención de aforismo. Emporiso, hai que ter en conta que o aforismo vai máis alá e esixe ser unha construción racional moi coidada. Nese senso en Galicia coido habería que citar ineludiblemente a autores como Dieste, Celestino Fernández de la Vega ou incluso estaría tamén implícito -aínda que revestido do seu xeito fantasioso- no propio Álvaro Cunqueiro. Cunqueiro di moitas verdades breves, o que fai que ás veces non sexa doado lerlle, porque engalana con poucas palabras: outro fundamento para o aforismo. (…)
– FL: Pervive o que é dubidado. Perpetúa en Ecos da néboa ese sentimento perenne de especulación racional e consciente.
– RMC: Racional, consciente e eu engadiría construtiva. Non me lembro moi ben se era Cioran quen dicía que “Eu só estou seguro dunha cousa, das miñas dúbidas”; pero cada dúbida é como ir cubrindo ese oco da grande dúbida, da esencial, a que supón ese oco existente entre o home e o seu sentido de transcendencia, o seu valor relixioso. Logo a intelixencia do individuo lévanos á contradición, onde todo semella claro pero logo non hai xeito de xuntar as pezas. É un desasosego perenne (outra vez Pessoa) onde, mentres algúns procuran obvialo para se dedicar a cuestións máis frívolas ou inmediatas, outros buscan a súa utilidade, para ver se nos axudan a ter un pouco de sosego, pero sobre todo para desenvolver a capacidade de entender, coa finalidade de que as cousas non nos sexan estrañas, a propia paisaxe nos sexa estraña. Coñecer a ese Outro filosófico e entender cales son os fíos que nos unen a el. (…)”.
Manuel Lourenzo González fala sobre Atl
Manuscritos: Vicente Araguas
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Chamádeme Simbad, na lista de honra do IBBY
“Chamádeme Simbad,
do escritor vigués Francisco Castro e publicado en Galaxia, foi incluído na Lista de Honra coa que a OEPLI -Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil – (pola do IBBY no estado español) recoñece os libros máis significativos destinados ao público máis novo editados nos últimos dous anos. A OEPLI selecciona catro escritores, un por cada unha das linguas do estado, xunto a outros catro tradutores e un ilustrador. Entre estes últimos nomes hai que destacar o de Carmen Torres, tradutora ao galego de Kafka e a boneca viaxeira (Galaxia) de Jordi Serra i Fabra; e a pontevedresa Kalandraka editora (…)”. Vía Fervenzas Literarias.
“Primeiros Cantares gallegos en inglés”
“Ás
portas de celebrarse o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, editada en 1863, a editorial británica Small Stations Press vai lanzar o próximo mes de novembro a edición en inglés da emblemática obra de Rosalía de Castro co título Galician songs. A tradución vén da man da poetisa e tradutora canadense Erin Moure (Calgary, 1955) e será publicada na colección Galicia Classics. (…)” Vía Galicia Confidencial.
Pedro Feijoo fala sobre Os fillos do mar
“Pedro Feijoo fala sobre Os fillos do mar coincidindo coa súa participación na Feira do Libro da Coruña, o pasado 6 de agosto. Para Feijoo “o lector ideal desta novela é a xente que quere que algúen lle conte un conto”. Define ao seu protagonista, Simón, como unha mestura de Quixote e Wody Allen con aire das rías, “un miñaxoia de manual”, ao tempo que defende a utilización do formato “best seller” no proceso de normalización da literatura galega.” Vía Xerais.

